Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 19 de novembro de 2012

Mexamos sobre os que choven por nós

por Carlos Negro, en Sermos Galiza:

Hai algo máis dun ano, nun artigo que no seu momento suscitou non pouca controversia, suxería a necesidade de atopar unha nova linguaxe para seducir a esa cidadanía que, vítima dos prexuízos históricos e da propaganda da ultradereita, deu por certo ese discurso hipócrita da “imposición do galego” por parte do goberno bipartito, en contraposición coa suposta “liberdade lingüística” que Alberto Núñez Feijoo vendeu, con enormes doses de cinismo, como símbolo do seu primeiro programa de goberno.
Todas as persoas e colectivos que loitan acotío para devolverlle á nosa lingua espazos de uso, veñen denunciando, con maior ou menor contundencia, a nefasta xestión da política lingüística levada a cabo polo Partido Popular desde a implantación do Decreto 79/2010 sobre o plurilingüismo, coa progresiva redución da presenza do galego no ámbito educativo, ata chegar a extremos case marxinais en moitas zonas urbanas de Galicia, onde grande parte da mocidade percibe a lingua propia do país como unha especie de fala exótica moito menos sedutora que o inglés (ese tótem dun plurilingüismo de cartón-pedra).
Esa pésima orientación da política lingüística vén de ser criticada con dureza mesmo desde as instancias oficiais europeas, como calquera persoa minimamente interesada polo tema pode constatar no 3º Informe do Consello de Europa na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no cal se censura con severidade a actuación do goberno de Núñez Feijoo no eido da protección do idioma galego.
Porén, non semella doado desartellar o discurso do Partido Popular en torno ao idioma insistindo unha e outra vez en fórmulas de resistencia ou en clixés partidistas, pois resulta evidente que, máis alá do círculo protector do nacionalismo, as mensaxes a prol dunha política lingüística que discrimine en positivo á lingua minorizada adoitan ser como a semente que cae na pedra. E nisto, claro está, inflúe de modo devastador a agresividade dos medios de comunicación ultraconservadores na súa cruzada contra a diversidade lingüística e cultural do Estado español.
Precisamos, pois, con certa urxencia, re-construír de modo colectivo un relato actualizado en torno á promoción e defensa do galego que poida ser percibido por amplos sectores sociais como algo máis que un memorial de agravios; un novo argumentario que utilice símbolos e metáforas capaces de xenerar empatía, sobre todo nos sectores sociais máis dinámicos e transgresores. (E vostedes, que de parvos non teñen un pelo, xa saben por onde vou: menos sangue no fouciño e máis Disquecool, menos retórica de trincheira e máis camuflaxe zombi).
Ese relato, por suposto, precisa de xenerosidade, imaxinación e compromiso (pero non só cos nosos, senón tamén cos alleos); precisa, quizais, substituír a linguaxe bélica das manifestacións polas estratexias publicitarias das redes sociais, converter o pesimismo existencial en sátira humorística, o dogma en magma, a liña recta en curva, o sectarismo en transversalidade. Darlle unha reviravolta irónica aos vellos lemas, para poder cantar con orgullosa retranca que Mexamos sobre os que choven por nós.
Son consciente de que este tipo de proposta pode ser xulgada como irreflexiva e inxenua, ademais de irreverente; mais non supón un camiño que se teña que comezar desde cero, como demostra, nos últimos anos, a estratexia normalizadora emprendida por colectivos como a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ou pola Plataforma Prolingua, na procura de novos escenarios que, sen abandonaren a reivindicación política, incidan en osixenar estratexias e mensaxes (porque seguimos estando orgullos@s do noso, orgullos@s do galego).
Non quixera rematar estes apuntamentos sen deixar unha mínima mostra da tipoloxía de metáforas que, se cadra, poderían axudarnos a construír un discurso en positivo que non convirta a loita polo galego nun combate de boxeo entre uns poucos bos e xenerosos e un exército de imbéciles e escuros (a realidade, como demostraron os recentes resultados electorais, semella algo máis complexa, difícil e contraditoria do que os oráculos do nacionalismo soñaban a priori).
Permitan, pois, como despedida, que cite e traduza unhas palabras do escritor donostiarra Iban Zaldua, publicadas na contraportada do xornal El País o pasado venres, nove de outubro, e que expresan, de modo suxerente, unha tonalidade discursiva que, desde a adaptación ao noso entorno, debemos considerar como a menos mala de todas as alternativas para que a sociedade nos entenda; así, a respecto da relación desigual entre o castelán e o euskera, o narrador vasco establece a seguinte reflexión:
“Aínda que creo, por cuestións de orixe (castelán como lingua nai, euskera adoptivo) na convivencia entre as linguas, son consciente de que unha (o español) é máis forte e impositiva que a outra (o euskera), e cal se debe protexer máis, por tanto. E non ten por qué haber mala vontade contra a lingua minorizada: abonda tan só co volume do mundo cultural en castelán, o seu peso específico, é argumento suficiente. É como cando dúas persoas de moi diferente envergadura fan o amor: convén que a máis lixeira se poña por riba, se non quere ser aplastada. Se acontece o contrario, por moi boa vontade que se poña, hai unha que sae máis prexudicada.”
Pouco máis fica por engadir: tratemos pois de facer máis o amor, pero iso si, esixindo respecto e igualdade, para que @s galegofalantes non nos sintamos vítimas permanentes dunha sesión de bondage sadomasoquista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario