Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 26 de novembro de 2012

CTNL: 'Pedimos a volta ao consenso na política lingüística'

Comunicado da CTNL pedindo a volta ao consenso e ao sentido común na política lingüística:

Dede a CTNL pedimos que Política Lingüística pase a ser unha área transversal no organigrama do novo goberno e non estea encadrada nas consellarías de Educación nin de Cultura. Ademais, é o momento de volver ao consenso que supuxo o PXNLG, polo que pedimos que xa o nomeamento do novo goberno sirva para visualizar un cambio de actitude.
Cando en 2009 se formou o actual goberno galego, agora en funcións, desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) consideramos "un lamentable paso atrás" que a Secretaría Xeral de Política Lingüística deixase de depender da Presidencia e fose relegada á Consellaría de Educación xa que "non se pode limitar a acción de Política Lingüística ao ensino, pois a lingua haina que fomentar en todos os ámbitos e sectores, como o empresarial, as novas tecnoloxías, a xustiza, a administración pública ou a sanidade, por exemplo, onde a Consellaría de Educación non ten ningún tipo de competencia".
Deste xeito, desde a entidade que agrupa ás persoas que traballan no ámbito da normalización, remitímoslle unha carta a Alberto Núñez Feijóo, que será investido presidente nos próximos días e que conformará un novo goberno, para solicitarlle que "a Secretaría Xeral de Política Lingüística estea posicionada na cúspide da organización, o que permitiría a transversalidade real e a acción nos diferentes ámbitos de goberno e sociais, algo imposible de desenvolver de xeito efectivo relegándoa a unha consellaría concreta".

Volta ao consenso do Plan xeral de normalización da lingua
Na mesma carta asinada polo presidente da CTNL, Nel Vidal, indícase que é o momento de volver ao consenso que supuxo o aprobado por unanimidade en 2004 Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), sobre todo a raíz da recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que se anulan, por ilegais, dous dos artigos básicos do coñecido como Decreto do Plurilingüismo, cuxa aprobación en 2010 supuxo a confirmación da ruptura unilateral do consenso do PXNLG por parte do goberno.
Deste xeito, desde a CTNL pedímoslle ao presidente da Xunta que xa coa "constitución do novo goberno se visualice un cambio de políticas e actitudes con respecto á lingua", e que, polo tanto, "se volva ao acordado no PXNLG, buscando retomar o consenso e o camiño da normalización lingüística progresiva, tanto no ensino como no conxunto de ámbitos sociais".

Ningún comentario:

Publicar un comentario