Cando lle preguntamos á profesora de lingua se o topónimo do noso concello se escribía con b ou con v ela fixo o que tiña que facer. Comenzou a falarnos do latín, das linguas románicas, da evolución das palabras nas distintas linguas, e despois ametrallounos cunha longa lista de exemplos, ata que finalmente sobre o encerado foi aparecendo do seu xiz algo que despois deses minutos de clase se nos facía máis que evidente: como o ripariam latino derivou no ribeira galego. Era o ano 1982. Ao ano seguinte aprobouse a maltratada Lei de Normalización Lingüística que establecia que os topónimos galegos terán como única forma oficial a galega. Outro ano máis tarde o decreto 132/1984, estableceu o procedemento para a fixación ou recuperación toponímica. Finalmente no 2003 apróbase o nomenclátor de todas as entidades galegas [ver as da provincia d´A Coruña]. Deste xeito a lei ratificaba o que determinaba a sabiduría dos expertos na ciencia da filoloxía onomástica.
Finalmente, para que todo este traballo tivera continuación e unha divulgación digna do orgullo de sermos galegos, temos ao noso dispor un excelente portal web, Toponimia de Galicia, que a día de hoxe pon ao noso dispor máis de 400.000 topónimos.
Porén o concello de Ribeira mantén unha pertinaz incumprimento das normas asi como unha obsesiva defensa da deturpación toponímica. De certo que esta postura ten profundas raíces ideolóxicas da peor especie anti-galega. Todo aquel que acepte destrozar a forma galega do nome do concello está a rachar coa súa identidade e, en consecuencia, convértese nun destrutor da cultura e en promotor do escurantismo. Tamén é seguro que para conseguir manter esta imposición ilegal entre o persoal que traballa no concello, non lle quedaría outra que utilizar coaccións e malas prácticas. O máis triste do caso é que a Xunta, actuando cun sectarismo partidista noxento, non só non intenta reverter esta situación senón que divulga o SNL de Ribeira como un referente na normalización no ámbito local [1], [2]
Para poñer en evidencia esta situación hai aproximadamente un ano presentei unha queixa ante o Valedor do Pobo. Veño de recibir o seu ditame, realmente estrafalario, pois decide pechar o expediente dirixido ao Concello de Ribeira "a pesar de que a resposta achegada non experesa a aceptación do recordatorio de deberes legais". Todo o seu fundamento reside en que o SNL do concello, parece ser que emitiu un informe no que se instaba á Xunta a revisión do topónimo legal para que fose substituído polo deturpado.
Pensando en usar a mesma lóxica que usa José Julio Fernández Rodríguez, o actual valedor, cando mañán colla o coche, levareino todo o tempo pola esquerda. No caso de que me pare a garda civil, e me recrimine:
- Pero vostede está tolo! Sabía que marchaba polo carril contrario?
Eu levarei xa a resposta preparada:
- Teña conta, señor axente, que onte mesmo lle mandei unha carta á DGT instándoa a que revirse a norma que obriga a circular pola dereita pois xa vai sendo hora de que guiemos pola esquerda.
E inchando o peito mostrareille o meu cané de identidade para facerlle ver, fachendoso, que eu son natural de *Riveira.
- Home, sendo así...- responderá o garda civil.
Valedor Do Pobo Ribeira
P.S.:
A toponimia desvalida, 26/11/2012, en AGON
O Concello de Ribeira teima en 'escribirse' con uve e o Valedor arquiva o caso, 27/11/2012, en Praza Pública
Ribeira: a Asociación Galega de Onomástica denuncia que o Concello segue a quebrar a lei a pesar das queixas ao Valedor sobre o topónimo, 26/11/2012, en Certo
E dálle con Riveira, 27/11/2012, en Galicia Confidencial
Arquivada a queixa aberta no Valedor do Pobo pola utilización do topónimo non oficial "Riveira",02/12/2012, en Prolingua
Este personaxe que asina como Valedor en funcións, José Julio Fernández Rodríguez, coñecino eu na súa época de estudante de Dereito en Compostela e era o típico que viña dun lugar pequeno de Ourense pero non falaba nunca en galego e ademais ía en contra dos sectores galeguistas.
ResponderEliminarEu coincidín dúas veces con actual valedor e deume un dos seus artigos científicos escritos en galego. Non creo que sexa contrario á nosa lingua. A queixa que presentei recentemente no Valedor resolveuse a favor do obrigratorio uso do galego nun formulario municipal.
EliminarDe pequeno verás que boi terás...
ResponderEliminarE xa non se trata nin tan siquera de galeguismo, senón que é un claro caso de incumprimento da lei (erá que se trata do único artigo que determina claramente o uso do galego, por iso non haberá que cumprilo, digo eu)
Pois eu non creo que sexa un tema galego-non galego... do que se trata é de adecuar un topónimo a súa orixe histórica (e aí hai discrepancias entre a comisión de toponimia e o concello, polo que este trata de convencer a aquela...).
EliminarA resposta do Valedor vexoa adecuada: reflexa claramente que non houbo aceptación do recordatorio de deberes legais feito, pero vontade de arranxar a situación grazas a sua mediación (por eso fala de aceptación parcial, non?)
Hai discrepancias... entre quen? Os que saben de toponimia non teñen nin a máis mínima dúbida. Quizais teñamos que facer máis caso aos concelleiros que pensan que Martin Códax é un viño. Se é así, estamos aviados. Eu aínda lembro o triste caso do Seat *Arosa. Moitos ignorantes pontificaron tamén no seu dia sobre este topónimo.
ResponderEliminarSobre a resposta do valedor: hai que ser ben retorto para entender como "aceptación parcial" o que é unha "negativa total".