Cando as eleccións de marzo do 2009, nas que o PP obtivo maioría absoluta, a cuestión da lingua converteuse nun dos eixos centrais da campaña. Non vou dicir que o único. Pero foi un espazo de confrontación importante. Confrontación e demagoxia. Contra a política de consenso que se viña desenvolvendo dende 1983, cando se aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, abriuse daquela un novo tempo que representaba (e representa) exactamente o contrario. O que en calquera circunstancia debería ser motivo de unión, patrimonio que a sociedade transmite de pais a fillos e que as institucións teñen obriga de defender e garantir, virou de súpeto en arma que se guinda contra o contrario, argumento para dividirnos.
En realidade a liorta viña de atrás, cando non se deu consensuado o desenvolvemento da Lei de Normalización, necesitada dun novo paso cualitativo, mesmo de revisar rutinas e deficiencias, nas que se traballara incluso durante o anterior mandato dos populares. Os conservadores, instalados na oposición, consideraron a rendibilidade de prestar ouvidos a vellos prexuízos históricos e no sumatorio de votos todo o que entraba na rede era peixe.A sentencia do Tribunal Superior de Xustiza anulando algúns puntos fundamentais da proposta do PP para o ensino do galego nas aulas (decreto do trilingüismo), como a consulta aos pais para escolleren a lingua dos fillos na escola, por exemplo, chega tarde. E aínda hai pendentes outras reclamacións sobre o tema, que seguen a demorarse. Pero se cadra é a ocasión para revisar posturas que, coa perspectiva destes últimos anos, nos levaron a esta calella cega. ¿Queremos facelo?Necesitamos un novo pulo de reactivación da lingua e da cultura nosa, moito máis nestes tempos de precariedade e falta de recursos. Precisamos dun compromiso novo non só para avanzar e sacar adiante proxectos, senón, moi principalmente, para non recuar no camiño andado. Esta miña marea de hoxe quixera empurrar nesta dirección. Ás veces, os políticos, encirrados nos seus particulares espazos de supervivencia, acaban dándose de labazadas nas nosas caras. Non pretendo metelo todo no mesmo cesto. Os lectores que me seguen coñecen a miña opinión. Aínda que nos conflitos todas as partes teñan sempre algo de responsabilidade, hai quen saca tallada e hai quen apanda coas consecuencias. Neste caso, apanda a lingua galega, que duns anos para acó, no ámbito do ensino e máis no ámbito da promoción social, está gravemente desasistida, ou desnortada.Se cadra, digo, a sentencia do TSXG vén abrir unha fiestra que podemos aproveitar todas as partes. Quixera velo así, aínda que algúns o consideren unha inxenuidade. O presidente Núñez Feijoo, logo dos recentes resultados electorais, anunciou varias veces a súa intención de abrir espazos de entendemento coa oposición (pactos). Hai cuestións que, pola súa significación, non podemos permitir que sigan ao albur da confrontación partidaria. Sentarse a falar. Reescribir o discurso. ¿É tan difícil?
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 26 de novembro de 2012
Unha nova oportunidade
por Víctor Freixanes, en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario