A comezos de outubro finou Bobby Hogg. Tiña 92 anos. Morreu Bobby e perdemos un tesouro. A BBC dedicoulle voces abaixadas e letras miúdas porque canda Hogg desapareceu tamén o derradeiro falante dun vello dialecto escocés. Con el deixou de emitir sinais unha modesta lingua de pescadores que, noutrora, foi dona de todas as falas da península de Black Isle. Fora bautizada co nome dunha cativa aldea da ribeira do mar do Norte que foi o seu berce e fogar. Dicíanlle Cromarty.
Unha sabedoría antiga lémbranos que as linguas non morren cando fina o seu último falante senón cando morre o antepenúltimo e Bobby ficara como testemuña dun falar de soidades des que en abril do pasado ano falecera, con 86 anos, seu irmán Gordon. Nos seus últimos días Bobby Hogg conversaba só. É difícil imaxinar unha situación máis triste para despedirse da vida e das palabras.Para facernos máis levadeiro o dó, sisudos especialistas din que se conservan numerosas gravacións que recompilan o ADN do dialecto da aldea de Cromarty que xa non é lingua de vivos. Un resignado consolo vén asegurar que o cromarty máis que un idioma morto é unha fala arquivada, unha sorte de lingua crioxenizada que pode acordar á vida nun frío laboratorio, mais é difícil imaxinar que algún día volva para ordenar animadas poxas na lonxa, dirixir rudamente as faenas no mar ou tecer os ledos rexoubes das redeiras no peirao.A primavera non volverá a Cromarty. Non haberá máis ecos, retesías nin diálogos na súa lingua. En Galicia, o almanaque aínda nos ofrece a esperanza de moitas primaveras máis para a lingua galega. Nada obriga a que a nosa historia sexa a de Mohicania. Para honrar a memoria de Bobby e Gordon Hogg, deámoslle proveito as nosas primaveras para alentar o galego coa afouteza, iso si, dos bravos mohicanos.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 20 de novembro de 2012
Non volverá a primavera a Cromarty
por Manuel M. Barreiro, unha das voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario