Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 27 de novembro de 2012

Tres en raia

Bieito Silva, Carlos Callón e Helena Gómez Vecino reflexionan sobre a intención de españolizar aos cataláns feita polo ministro de educación, en Tempos Dixital:


A Escola ao servizo da naciónPor Bieito Silva, profesor de Ciencias da Educación da USCSería moi doado rastrexar nos últimos dous séculos da educación en España proclamas e normas sobre a necesidade de poñer a escola ao servizo dos ideais da nación, entendendo sempre, é claro, a nación como a España grande e única. Por falarmos de dous séculos case redondos, podemos lembrar o Informe para proceder al arreglo de la Instrucción Pública de Manuel J. Quintana, en 1813, no que concluía: “Debe, pues, ser una la doctrina en nuestras escuelas y unos los métodos de su enseñanza, y es consiguiente que sea también una lengua en que se enseñe y que ésta sea la lengua castellana”.
Alguén poderá dicir que o ministro non fala de doutrina, senón de instrución, pero a instrución é sempre selectiva e a escolla dos contidos que han de conformar a persoa instruída está orientada polo modelo de cidadán que debuxa a ideoloxía dominante. O que lle sorprende e perturba ao Sr. Wert é comprobar que existen ideais de persoas instruídas que poden responder a perfís ideolóxicos diferentes dos que ocuparon o escenario educativo desde que a escola se constituíu no principal instrumento de socialización da idea de nación.Non hai, xa que logo, conflito na concepción do papel da educación; só a negativa a aceptar que sirva a outro señor. Porque a lóxica natural é que os que mandan manden e os demais obedezan; que a nación é a que é, e que o resto son inventos; que “españolizar” é educar, e que “catalanizar” ou “galeguizar” é manipular. Lóxica que funcionou tamén na política (xa non?): “haga usted como yo, no se meta en política”.Se a visión da escola é esta, non hai máis saída ca pactar un ideario que nos poida identificar como cidadáns de Galicia, de Cataluña, de España, de Europa ou do mundo. Valórese a escala, decídase cales son os feitos e os valores que deben constituír ese perfil, secuénciense de maneira razoable durante o período escolar e preséntense honestamente como trazos que paga a pena manter da nosa condición de seres humanos inseridos nunha determinada historia colectiva. Pero sen trampas nin maniqueísmos.Permítaseme un achegamento ao noso máis próximo: que sucedeu coa polémica sobre a lingua no comezo da anterior lexislatura? Por que a reacción política e mediática contra o decreto do goberno bipartito por, supostamente, promover o galego desde unha ideoloxía de nacionalismo galego? Acaso non foi a escola desde sempre un instrumento de promoción do castelán desde unha ideoloxía de nacionalismo español? Non está aínda hoxe profundamente asentado no subconsciente (e consciente) colectivo a idea de que a lingua de verdade é o castelán? Non contribúen a esta idea, sen ningún tipo de rubor, todas as institucións de socialización dos nenos e dos mozos galegos?Educar significa conducir, guiar, orientar. A educación non pode nin debe ser aséptica. Os obxectivos están orientados a algo, os saberes selecciónanse en función desa finalidade e as metodoloxías inducen unha determinada maneira de ser e de estar diante das aprendizaxes e da realidade. A cuestión é admitilo con honradez profesional e non enmascaralo. E non entender o educando como un contedor que hai que encher, senón como o protagonista dunha xeira educativa que o ha de converter nun ser libre e responsable.
Españolizar, desgaleguizarPor Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización LingüísticaO modelo educativo de Cataluña é exemplar en todo o mundo sobre como se pode revitalizar un idioma e avanzar na cohesión social a partir da normalización lingüística. No entanto, aló a situación non é tan uniforme como nos presentan os medios de comunicación. Segundo sinalan as estatísticas máis recentes, no Principat o 88,9 por cento dos centros de ensino primario practican a inmersión docente en catalán (quitando as materias doutras linguas), mentres que en secundaria a porcentaxe xa descende até o 51,2 por cento. Este peso do catalán tamén se estende ao tramo universitario, en diferentes graos segundo as titulacións.Aínda con estes matices, a de Llull é a lingua nuclear dese sistema educativo, tanto na parte administrativa como na docente. Non se chega, porén, ao modelo de inmersión que practican no Estado español centros que estipulan que todo o seu alumnado debe falar un determinado idioma foráneo (inglés ou francés, en xeral) mesmo mentres se encontre nas dependencias educativas. Esta inmersión é, de feito, a que coñecen moitas fillas e moitos fillos de dirixentes do PP.Que o catalán non sexa estranxeiro nas escolas catalás é algo considerado intolerábel desde os sectores que se negan a aceptar a diversidade cultural do Estado español. Que o ministro de Educación apunte o obxectivo de españolizar as crianzas catalás é máis que un exceso verbal ou unha provocación. En Galiza sabémolo de primeira man, porque as súas palabras describen unha práctica educativa uniformizadora e recentralizadora que xa levamos tempo padecendo, con nefastas consecuencias para a identidade colectiva, para a cohesión social e para a calidade do ensino.A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a mediados do mes de outubro un relatorio sobre a situación da educación infantil nas sete cidades da nación galega. A estatística debería acender todas as alarmas: só o 3 por cento dos centros que imparten ensino a nenas e nenos de entre tres e seis anos nos espazos urbanos declaran facelo con normalidade en galego. Quero salientar que estamos a conxugar o verbo “declarar”, o cal pode significar que haxa escolas que digan facelo mais que despois non o fagan.Tales niveis de exclusión non se producen en ningunha outra comunidade autónoma con idioma propio diferente do español, aínda que noutros territorios non gobernados polo nacionalismo, como Valencia, Baleares e Navarra, tamén se encontren con situacións discriminatorias. Mais nunca se chega a eses niveis de varrido, de laminación, de estranxeirización do propio, que no noso caso teñen como corolario un discurso cínico que nos presenta unha situación de “equilibrio”, “bilingüismo”, “plurilingüismo” e “liberdade”.Os dirixentes do PP continúan coa súa cruzada pola uniformidade do Estado, pola españolización. Non lles importa que, para iso, teñan que levarse por diante a cativa lexislación de protección do galego, igual que non lles importa converter en auga de borrallas os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado. Non o lograrán.
En Cataluña, non pasaránPor Helena Gómez Vecino, presidenta da CONFAPA-GALICIAO ministro Wert fai uso do significado do seu apelido ─Wert en alemán quere dicir “valor” ─ e anuncia a súa intención de españolizar ás nenas e aos nenos cataláns, provocando unha moda mediática. Enténdese ese valor en sentido metafórico: é de todos coñecida a incontinencia verbal deste señor, a súa ousadía incluso referíndose ás nais e pais do ensino público con cualificativos impropios dunha persoa que ocupa un Ministerio de Educación.Porén, a conversión do idioma galego en lingua minorizada fíxose de xeito solapado. Os ataques furibundos que a nosa lingua recibe desde hai máis de tres anos por parte da Xunta reflíctense tamén en que, en trinta anos de democracia, nunca o galego tivo unha posición porcentual tan pequena nos medios de comunicación.Hai que ter en conta que o noso Estatuto obriga aos poderes públicos a potencialo porque está en inferioridade con respecto ao castelán e, incluso, ao inglés. E aquí entramos no miolo do asunto: o Decreto de Plurilingüismo no ensino é a maneira que ten o Goberno de minorizar o noso idioma. E digo ben, “minorizar”, o que vén a dicir que os usos sociais do galego están supeditados aos usos sociais da lingua dominante, até ter a súa supervivencia ameazada pola competencia que sobre eles exerce unha lingua foránea.Hai unha clara diferenza entre españolizar nenos galegos e españolizar nenos cataláns, e o ministro sábeo moi ben e por iso ten que anuncialo. En Cataluña, as clases medias e altas falan catalán e Don José Ignacio vaino ter complicado. O catalán é unha lingua maioritaria e maiorizada, mentres o galego é unha lingua maioritaria, sobre todo no rural, pero facilmente minorizada en Galicia.Non houbo anuncio para Galicia: fíxose de súpeto. Primeiro implantáronse as seccións bilingües co obxecto ─penso eu─ de terminar coa polémica artificial e introducida polos políticos entre a lingua galega e o castelán. O galego, que tiña un 50% de implantación no ensino, pasou a ter un 30%, fomentando así a súa minorización. Fronte aos que opinan que hai que fomentar o inglés porque na escola é o único lugar onde os rapaces poden aprendelo e que o galego xa o falan na casa, hailles que lembrar que a lingua dos fogares é a dos proxenitores, a dos avós, a dos veciños…pero non ten categoría académica: perde a categoría con ese 30%.Moitas familias galego falantes cambian de idioma ao dirixírense aos fillos: teñen asumida a maior competencia do castelán, quizais de xeito inconsciente porque a eles toda a información ─ou a meirande parte─ chégalles nese idioma.En moitos fogares do rural, o galego fica como lingua “doméstica”, íntima. E ao perder ou ver diminuída a súa condición de lingua vehicular nos centros de ensino, os nenos e as nenas, os adolescentes dos institutos, están a seguir o exemplo dos seus pais. E isto mesmo sucede con fillos de familias urbanas galegofalantes.Non o vai ter fácil o ministro de educación no seu intento “colonizador” no leste do Estado. Os cataláns están orgullosos do seu idioma, utilízano acotío, está favorecido polos medios. Oxalá que a frase “españolizar nenos cataláns” sexa un máis dos delirios do home que temos a desgraza de soportar no Ministerio de Educación.Non o conseguirá, non pasará como aquí onde, vistos xa os resultados das eleccións do 20-O, o orgullo galego vai quedar unicamente para os anuncios do GADIS.

Ningún comentario:

Publicar un comentario