Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 18 de novembro de 2012

López Basaguren: "A opción en Galicia é pór de relevancia que se está incumprindo a Carta Europea e poñer as autoridades ante o compromiso político de xustificarse ante a cidadanía"

Desde a debacle do Galicia Hoxe, deixamos de contar con entrevistas que tivesen á lingua como punto central. Por iso é mellor recibida que nunca esta entrevista a Alberto López Basaguren en Praza:


Alberto López Basaguren é catedrático de Dereito Constitucional na Universidade do País Vasco, experto en Dereito lingüístico e membro do comité de expertos do Consello de Europa que vén de elaborar as recomendacións a España no cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. O informe volveu ser duro coa Xunta "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio". López Basaguren, explica nesta entrevista o documento e, aínda que con prudencia, non agocha as eivas que se aprecian no país. "O problema en Galicia é claro: ten que haber ensino en galego para aqueles que o desexen", asegura.
O informe do Consello de Europa volve ser crítico en moitos aspectos coa situación da lingua galega en Galicia. Que avances e que retrocesos destacaría vostede?
Os problemas de aplicación da Carta Europea en España deben ser contextualizados. A Carta é un texto aberto que non obriga a asumir todos os compromisos que contén e en cada ámbito deixa aberta a posibilidade de diferentes niveis de esixencia. España ratificou a Carta en todos e cada un dos ámbitos de compromiso; e en todos eles no nivel máis alto de esixencia. É dicir, España ratificou a Carta moi por riba dos mínimos esixidos. Por outra banda, na maior parte dos ámbitos nos que está en xogo a protección e promoción das linguas rexionais ou minoritarias corresponden á competencia das autonomías. Hai que recoñecer que o cumprimento dos compromisos contidos na Carta é, en xeral, moi satisfactorio en España, pero hai problemas concretos de incumprimento. En Galicia hai varios problemas de incumprimento que son xerais a toda España, como é o caso do uso do galego nos procedementos xudiciais ou na Administración periférica do Estado; veñen de lonxe e non hai progresos significativos. No ámbito xudicial o problema é que España non garante o cumprimento do compromiso que asumiu voluntariamente cando non estaba obrigada a iso. O sistema para garantir a existencia de xuíces capaces de facelo fracasou. O ensino é outro dos ámbitos importantes nos que hai problemas, pero require unha ampla explicación.
O novo decreto para o ensino reduce a presenza do galego nos centros escolares e os mozos en Galicia son cada vez menos competentes na lingua propia, corre risco o idioma de cara ás novas xeracións?
Cando o Comité de Expertos da Carta Europea analizou a situación do ensino en Galicia o problema era moi claro: a ratificación da Carta por España obriga a que haxa dispoñibilidade dun sistema educativo en galego para aqueles que así o queiran; e en Galicia implantouse un sistema de bilingüismo obrigatorio para todos. O Comité de Expertos non pode entrar a considerar se un sistema educativo semellante é ou non é o máis axeitado para Galicia, senón que está obrigado a constatar que tal sistema educativo en galego non existe, incumprindo a obrigación asumida. Os riscos dun idioma dependen de moitos factores. O galego ten unha gran presenza social e o seu coñecemento, cando menos pasivo, é xeneralizado en Galicia, o que non adoita ser común no caso das linguas rexionais ou minoritarias. Pero o ensino é un ámbito transcendental para a supervivencia dunha lingua. E no noso caso, éo a garantía de que exista un sistema educativo en galego para quen así o desexe. Á marxe diso, a supervivencia dunha lingua, a súa vitalidade social e a competencia lingüística dos falantes dependen de moitos factores que actúan conxuntamente: a trasmisión familiar, o uso social, a riqueza literaria... Todos eles son transcendentais. Pero a Carta ten como obxectivo protexer o uso da lingua en determinados ámbitos, entre os que a educación é un dos máis relevantes. O futuro da lingua galega está en mans dos propios falantes. A Carta é un dos instrumentos que pretende garantir que os falantes poidan utilizar a lingua de forma que se garantan as condicións que permitan a súa reprodución.
En Educación Infantil, por exemplo, a elección da maioría de pais nun centro obriga ao resto a asumir ese modelo. De feito, a pesar de que o 40% de pais das cidades escolleu o galego para a educación dos seus fillos, menos do 5% acceden a el. É a separación por linguas a única solución nestes casos?
De acordo á Carta Europea, son os propios falantes os que teñen que ter a posibilidade de optar por un ensino na lingua rexional ou minoritaria. O Comité de Expertos sempre insiste en que, cando hai un número suficiente de falantes teñen que ter á súa disposición un ensino na súa lingua, para que os seus fillos poidan recibir ensino nesa lingua, se así o desexan. Nin a decisión duns de que os seus fillos estuden na lingua rexional ou minoritaria pode impor aos demais esa opción, nin a opción doutros por un sistema de ensino bilingüe ou no que a lingua rexional ou minoritaria sexa, unicamente, unha materia de aprendizaxe pode limitar o dereito dos primeiros a que os seus fillos estuden en galego. A experiencia en Europa é que, en casos similares, a convivencia de distintos modelos no ensino por razón de lingua é a solución xeneralizada. Pero son as autoridades, de acordo cos falantes, as que teñen que determinar a forma máis axeitada, nunha determinada situación lingüística, de dar satisfacción aos dereitos dos distintos sectores implicados.

É o terceiro informe no que se sinalan problemas na educación en galego, especialmente en canto á ausencia de suficientes escolas que garantan un ensino no que a lingua galega sexa vehicular ou maioritaria. Por que cre que empeorou a situación?
O Comité de Expertos non pode entrar en determinado tipo de consideracións. A nós só nos corresponde analizar se os compromisos asumidos por un país se cumpren ou non e se os falantes dunha determinada lingua rexional ou minoritaria protexida pola Carta consideran satisfeitas as súas demandas ou non. E no caso de Galicia parece que hai sectores de falantes de galego que non están satisfeitos coas opcións lingüísticas no ensino, por non ter a opción de que os seus fillos reciban o ensino integramente en galego. E España, ao ratificar a Carta, comprometeuse a garantir esa opción, polo que a conclusión debe ser, necesariamente, que, en Galicia, no ámbito do ensino, España está a incumprir algúns dos compromisos asumidos. Sempre deixando claro que a satisfacción dese compromiso non esixe a imposición dun sistema educativo só en galego para todos, senón, soamente, a súa dispoñibilidade para quen así o desexe.
Ao non ser un informe vinculante, o Goberno da Xunta parece non facer moito caso ás recomendacións. Que alternativa queda aos colectivos a favor do galego, aos expertos ou á Real Academia Galega, que levan anos reclamando un cambio de rumbo? Son os recursos xudiciais -hai catro presentados- a única alternativa?
A Carta Europea é un instrumento de Dereito Internacional, coas virtudes e as limitacións que caracterizan a este tipo de instrumentos. Neste ámbito confíase na eficacia da persuasión e dos efectos da necesidade de que as autoridades, periodicamente, deban dar explicacións sobre a forma en que están a cumprir os compromisos asumidos polo seu país ao ratificar un instrumento de Dereito internacional. As autoridades españolas teñen que afrontar no Comité de Ministros do Consello de Europa o incumprimento dos seus compromisos. A experiencia demostra que, aínda necesitando tempo, este tipo de instrumentos acaban tendo importantes efectos. En Europa constátase que, na maior parte dos casos, dun período de control a outro, as autoridades preocúpanse de tratar de demostrar que as cousas melloran. Os remedios non son os tradicionais dos sistemas xurídicos estatais; pero hai que aceptar que, no que se refire á Carta Europea, atopámonos nese peculiar ámbito internacional. Outra cousa son as obrigas do Dereito interno. Unhas e outras son compatibles e poden xogar un papel complementario. A cuestión, aos efectos do que pregunta, é se o ordenamento galego garante aos falantes o dereito a recibir o ensino en galego e, nese caso, utilizar os instrumentos xurídicos do dereito interno, como os recursos xudiciais.

Que opcións hai para tentar que se cumpra a Carta Europea cando gobernos como o da Xunta a incumpren constantemente en diversos aspectos desde hai anos?
A opción é, sen dúbida, pór de relevancia que se está incumprindo a Carta Europea, cando iso ocorre, poñendo as autoridades ante o compromiso político de xustificar ante a cidadanía o incumprimento dun compromiso internacional. As democracias deben asentarse sobre o principio de responsabilidade, sobre a accountability, fronte á sociedade, fronte aos cidadáns, aos que teñen que dar conta dos seus actos e xustificalos. É a saúde da democracia o que se reflicte neste ámbito.
O informe volve destacar a valía dos sistemas educativos catalán e/ou vasco para garantir a supervivencia das súas linguas propias entre os mozos, por que cre que xusto os modelos educativos que máis valoran os expertos adoitan ser os máis criticados por outras opcións políticas, especialmente o PP?
Desde o punto de vista da Carta Europea, os sistemas educativos vasco e catalán cumpren os compromisos asumidos por España, na medida en que garanten a dispoñibilidade dun ensino en euskara ou en catalán, respectivamente, a quen así o desexe. Pero o Comité de Expertos pon de relevo que, por exemplo, no caso catalán, o sistema educativo vai máis aló do que esixe a Carta, pois esta en ningún caso esixe que o ensino en catalán sexa obrigatorio para todos, senón só para aqueles que así o desexen. A preferencia por un modelo educativo ou outro debe permitir que os cidadáns canalicen adecuadamente as súas opcións lingüísticas. En Europa considérase que a integración política interna nas sociedades tradicionalmente plurais desde o punto de vista cultural e lingüístico só se garante nunha perspectiva intercultural que recoñeza as distintas comunidades lingüísticas e lles permita exercer flexiblemente e con liberdade a súa opción polo mantemento e reprodución das linguas ás que, respectivamente, senten vinculados.
A que cre que se deben as duras críticas á inmersión lingüística?
Creo que en España confundíronse, en ocasións, cousas diferentes. Unha cuestión é un sistema de inmersión lingüística, no que os mozos e mozas estudan na lingua pola que optaron e outra moi diferente é que se considere que a inmersión lingüística significa que todos os mozos e mozas deban estudar, obrigatoriamente, na lingua rexional ou minoritaria, sen ter en conta a súa vontade e excluíndo de forma absoluta o castelán como lingua de ensino. Se a inmersión lingüística se entende neste segundo sentido, a súa defensa é moi difícil, ao meu xuízo.
Nunha entrevista de hai tempo vostede aseguraba que o conflito lingüístico en Galicia lle parecía maior que o existente en Euskadi ou mesmo Catalunya, segue opinando o mesmo despois deste novo informe?
É algo que me vén sorprendendo desde hai moito tempo. Por razóns sociolingüísticas (o alto número de falantes e a súa normalidade social) e por razóns lingüísticas (a proximidade entre o castelán, o galego e o catalán), paréceme que lograr a paz lingüística non debese ser unha tarefa difícil nin en Galicia nin en Cataluña. No País Vasco as condicións parecían máis propicias para o conflito: a fortaleza política do apoio ao eúscaro nun contexto de forte debilidade social, o carácter fortemente minoritario da comunidade de falantes e a súa radical diferenza respecto ao castelán, a lingua fortemente predominante na sociedade vasca. E, ademais, no contexto do terrorismo e a instrumentalización do eúscaro por ETA e o seu mundo político. Con todo, logrouse un amplísimo consenso político sobre a base da promoción do eúscaro nun contexto de liberdade de opción lingüística. Aínda que hai problemas e, en ocasións, conflitos, en Euskadi a cuestión lingüística desenvólvese, en xeral, nun contexto pacífico, cun amplo consenso político e social. Pola contra, en Galicia e en Cataluña prodúcense conflitos descoñecidos en Euskadi. De acordo á miña experiencia, o consenso en materia lingüística esixe realismo e flexibilidade; nin se pode pretender manter a lingua distintiva dunha determinada sociedade na marxinación nin se pode pretender impoñela, de forma obrigatoria, máis aló da vontade dos cidadáns. Creo que o que analizamos neste terceiro informe sobre España pon de manifesto que estes problemas seguen vivos. As guerras lingüísticas poden dar rendemento político a distintos sectores; pero o prezo que a comunidade lingüística, a lingua, paga por iso pode ser demasiado elevado; en ocasións, impulsado por aqueles que se consideran os seus maiores defensores.

Cre que falta consenso en Galicia ao redor da lingua? Que podería aprender por exemplo de Euskadi, onde desde unha situación peor, o eúscaro recupérase entre a mocidade ao contrario que o galego entre os mozos galegos?
Os conflitos que se están expoñendo poñen en evidencia que existe falta de consenso. A política lingüística forma parte dun dos ámbitos máis enconados de enfrontamento político. Non sei até que punto é unha cuestión de confrontación política ou fractura tamén a sociedade. Pero que a lingua sexa parte da confrontación política sempre ten efectos prexudiciais sobre o desenvolvemento das comunidades lingüísticas e, polo tanto, sobre a fortaleza social dunha lingua. O que podería, quizais, aprender Galicia de Euskadi, neste campo, é a necesidade de que todos os axentes políticos e sociais estean dispostos a facer un esforzo extraordinario para lograr que a lingua quede fóra, en gran medida, da confrontación política sobre a base dun consenso que teña en conta os desexos e tamén os medos de todas as partes.
Que esixe lograr iso?
Pola miña experiencia, creo que iso esixe, cando menos, dous elementos: o respecto básico da liberdade de opción lingüística como elemento básico da política lingüística combinado cunha política de promoción da aprendizaxe e do uso da lingua rexional ou minoritaria. En calquera caso, aínda que estes fundamentos son indispensables, a expansión da lingua distintiva dunha sociedade entre os mozos depende de moitos outros factores. En Euskadi, por exemplo, temos un problema moi importante; grazas ao ensino o coñecemento do eúscaro incrementouse de forma impresionante, mesmo nas zonas nas que tradicionalmente non se falaba ou nas que era extremadamente minoritaria; pero o incremento do coñecemento da lingua non está a ser acompañado por un incremento do seu uso. Isto pon de manifesto que a evolución social das linguas é moito máis complexa do que algúns crían e que a ecuación "máis coñecemento = máis uso" non funciona de forma automática.
A ausencia de medios de comunicación privados en galego, agás contadas excepcións, é un claro síntoma da situación do idioma?
A ausencia de medios de comunicación en galego, fóra da radio e televisión públicas, é algo que, contemplado desde fóra, chama a atención. Pero eu non me sinto capaz de facer un diagnóstico dos motivos desa situación. En calquera caso, trátase dun fenómeno que sería interesante -e necesario- analizar sen prexuízos para tratar de detallar realmente os motivos de que sexa así.
Teme que a crise económica e a diminución de recursos educativos acabe afectando tamén á situación das linguas? Non apagou a crise outras reivindicacións como as lingüísticas?
Sen ningunha dúbida, vai afectar as políticas de promoción lingüística que se asentan sobre a distribución de subvencións. E hai actividades que dificilmente se sosteñen por si soas, sen axudas económicas. Estas restricións nas políticas de asistencia ás actividades realizadas en linguas rexionais ou minoritarias é algo que se está contemplando xa en toda Europa. O reto é que os recortes non afecten de forma desproporcionada ás políticas lingüísticas. Aínda que, como noutros ámbitos, a crise tamén debe ser unha ocasión para analizar a racionalidade do gasto. Non creo que a crise apague outras reivindicacións, aínda que é evidente que a economía condiciona calquera outro ámbito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario