Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 3 de novembro de 2012

Literatura galega invisibilizada

por Francisco Castro en Sermos Galiza:

Hai uns días rematou o Galeúsca, é dicir, ou encontro anual entre representantes das literaturas galega, vasca e catalanas. E máis unha vez, nas conclusións que redactaron os que asistiron, volvemos ler, como cada ano (é como se o tempo non avanzase, como se padecesemos condea eterna e inevitable sen posibilidade de revisión) a denuncia de que son literaturas invisibilizadas, en especial e con toda a contundencia e premeditación, polos grandes medios de comunicación de masas. E un ano máis toca defender o obvio: que non somos invisibles, a literatura galega existe, hai autores e autoras, algúns de gran calidade, escribindo na lingua do país, hai un sistema literario, hai editoriais, hai críticos, premios...e incluso hai lectores e lectoras. E hai todo iso malia, a pesar de, uns medios de comunicación que nos negan, nos fan transparentes ou relegan ao mínimo, conscientes de que somos unha cuota, un mal que teñen que soportar para que lles manteñan a subvención por "usar" (manda truco) o galego nunha determinada e mínima porcentaxe no xornal a cambio de cartos ou para non ter que aturar acusacións sobre a súa falta de compromiso co país e manter así unha certa estela de normalidade. Unha desfeita, en definitiva.
A pesar de que a conclusión sempre é a mesma, coido que este ano os redactores estiveron especialmente atinados ao empregar non o termo invisibles senón invisibilizadas. Porque dende logo a nosa non é unha literatura invisible. Os libros son obxectos reais, os autores e autoras teñen NIF e todo. O que somos, o que estamos, é invisibilizados, é dicir, vítimas dunha situación agresiva contra da nosa simple existencia e que nos nega a mantenta. E ao igual que sempre dicimos que non existen países pobres senón empobrecidos (por un estado interesado de cousas que tira proveito da perpetuación da pobreza), tampouco existe unha literatura invisible senón invisibilizada (máis ou menos polo mesmo).
As palabras, falemos ou non de literatura, son moi importantes. E cando se empregan ben pasan a ser xustas e descritivas. E dannos existencia tanxible. Ben lonxe da invisibilidade que a moitos gustaría.

Ningún comentario:

Publicar un comentario