Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 19 de novembro de 2012

Galego nas aulas. Materia pendente?

por Eladino Cabanelas Fernández, en Terra e Tempo:

As escolas, os institutos deben ser tamén axentes normalizadores non só examinadores
Aínda que non vén ao conto, non sendo para situarmos a anécdota ou experiencia no tempo, debo dicir que estabamos nos finais dos setenta cando fixen o bacharelato, o BUP tal e como era nomeado oficialmente daquela.
No primeiro curso compartín aulas cun mozo acabado de chegar da emigración, coido que de Xenebra aínda que non o podo afirmar con certeza. O que si é certo é que viña dunha cidade suíza onde a lingua predominante ou maioritaria era o francés. Daquela tamén era esta lingua a que predominaba no ensino oficial como estranxeira. Pois ben, tiñamos como ensinante desta lingua unha profesora, poderiamos dicir que, con moita bagaxe ás costas e cun dominio e querenza pola materia que xa quixeran moitas e moitos dos ensinantes nativos tan de moda hoxe en día.

Un profesor ou profesora con estas características, evidentemente, non podía desperdiciar a oportunidade e as súas aulas, ás veces, convertíanse en diálogos entre ela e o mozo "galego-suízo". Diálogos aos que o resto da aula, que non podiamos ir moito máis alá que de intentar conxugar medianamente cos sempre retortos "être" e "avoir", permaneciamos abraiados, aborrecidos ou, quizais, un chisco decepcionados diante da evidencia da nosa ignorancia idiomática.

A nosa gran sorpresa chegou cando soubemos que o noso compañeiro, este quen sen pretendelo deixaba en ridículo o que levabamos aprendido de francés dende o sexto curso da EXB, suspendía a materia con peores notas que a maioría de nós.

E suspendía francés porque os seus coñecementos de gramática eran escasos. El aprendera a lingua usándoa na rúa, comunicándose oralmente con ela. Non sei, pasaron xa moitos anos, se aquel mozo terminou aprobando a materia a final de curso ou non, mais é irrelevante para as miñas intencións. Intencións que non son outras que usar esta experiencia comparándoa coas aulas de galego no noso País.

Algo que levo percibido dende hai moito é que unido á longa xeira de prexuízos que temos que soportar diariamente coa nosa lingua, non podemos obviar a dos propios utentes do galego que, chegado o momento de seren examinados dos coñecementos dela, ben en etapa escolar ou ben para a obtención dos -xa famosos- certificados CELGA, suspenden galego; o que crea en persoas cuxo compromiso lingüístico é simplemente de uso cotián, frustración e certo rexeite cara a lingua propia como materia de estudo obrigatorio. Máis dunha ocasión temos escoitado cousas como: "Non sei para que serve falarlles aos nenos o galego se logo os suspenden na escola", "O galego non debería ser obrigatorio, o meu rapaz vai ben en todo e o de galego suspendeuno", "Fulanito fala sempre español e aproba o galego e o meu fillo que o falou sempre suspende, non hai dereito".

Sei que é un tema moi delicado mais si creo que algo está a fallar nas aulas do galego. A sensación que un ten, e que nos exemplos que puxen tratei de transmitir, é que se es galegofalante dende o berce tés máis posibilidades de suspender esta materia que se partes do castelán como lingua de uso. Tamén se me pode dicir que porque non pasa no senso contrario, é dicir, o castelán falante non ten problemas adicionais para aprobar a lingua de Castela. Certo, pero isto ten a súa lóxica, non é unha cuestión de xenética nin de intelixencia superior. É tan só pola evidencia, pola realidade de que calquera persoa na Galiza está rodeado de castelán por todas partes e, nomeadamente, nos medios de comunicación. O castelán está verdadeiramente normalizado e normativizado e o galego non. O galego porén só é escoitado ou ben en contornas rurais, ou ben no entorno familiar, ou ben nos escasos medios de comunicación que teñen a honra de empregalo. E este galego, que fique ben claro que para riqueza do noso País, é un galego coa forma propia de cada zona (dialectalismos) e, por desgraza -isto si-, infectadísimo de castelanismos tras séculos de opresión dunha lingua con "status" sobre outra de "ignorantes aldeáns" ou ao menos é o que sempre nos quixeron facer crer.

Supoño que a esta altura do escrito xa se pode ir enxergando onde quero chegar. Non é máis lonxe que facer unha reflexión sobre se cunha lingua minoritaria, en claro retroceso, chea de prexuízos e auto-odio, rexeitada -ás veces- polos propios e propias utentes non se deberían empregar métodos de aprendizaxe e/ou avaliación diferentes aos das outras linguas, ben sexan o castelán ben sexan as que chamamos estranxeiras.

Non é doado que nenos e nenas afeitos a falaren galego dende crianzas rematen dicindo -poño por caso- "facer" cando sempre escoitaron e dixeron "faguer", "coello" se sempre dixeron "conexo", "camións" se sempre oíron "camiois", etc, etc. En troques aqueles nenos e nenas cuxa lingua materna é o castelán, case sen contacto ningún (nas nosas cidades e maioría de vilas grandes) co galego non teñen ese problema, non veñen "viciados" con castelanismos ou localismos á escola, simplemente, por que para eles é como unha lingua estranxeira máis. Apréndena case dende cero, dun xeito científico e normativo.

Aquí é onde volvo ao conto do meu compañeiro de aulas e fago a seguinte pregunta. Quen é máis capaz de comunicarse -que á fin é para o que serven as linguas- o compañeiro ou compañeira que aproba un exame de gramática e logo non é quen de dicir unha frase completa en francés ou este mozo que se trabucaba coa gramática? A resposta é obvia. Se trasladamos o conto ao ensino do galego atopámonos co mesmo e poderiamos facer máis ou menos a mesma pregunta. Quen é máis capaz de comunicarse o neno ou nena castelán falante que aproba un exame de gramática e logo non é quen de dicir unha frase completa en galego ou o neno ou nena que fala galego acotío?

Non pretendo con estas reflexións dicir que a nosa lingua deba ser aprobada só polo feito de falala, nin moito menos que se permitan erros na lingua nin oral nin escrita. Todo o contrario, mais si coido que, do mesmo xeito que eu valoraba o francés do meu compañeiro de aula, se valore algo máis o feito de que nenos e nenas neste País continúen falando a nosa lingua sen prexuízos nin problemas cando o máis doado, téndeo por seguro, é falar castelán. As escolas, os institutos deben ser tamén axentes normalizadores non só examinadores. Neles, se queremos que as novas xeracións, sigan optando polo galego como lingua de progreso e de futuro débese inculcar amais de coñecementos -que tamén- sentimentos de posesión de algo único e irrepetíbel, querenza e orgullo polo galego. Só así, e máis nos tempos que corren para a nosa lingua, poderemos seguir mantendo aceso o facho da recuperación do galego na Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario