por Xoán Carlos Domínguez Alberte, en Sermos Galiza:
O derradeiro día de novembro de 2008 un grupo de amigos realizoulle unha homenaxe a un aprezado mestre e profesor. Esta consistira nun xantar, no corazón do Ribeiro, no que se lle fixo entrega dunha publicación artesanal, composta por textos dos participantes, que logo daría lugar ao libro Ex toto corde. No oitenta aniversario de don Xesús Alonso Montero.
A contribución que segue púñalle voz a unha meniña que aínda aprendía a falar.
Teño dous anos e vivo nun edificio na cidade. Ás mañás cóidame unha muller dunha aldea de preto. Di moitas palabras, como ‘casador’ ou ‘carriso’, que parecen abellas e abesouros voando de flor en flor.
Cántame, cóntame lerias e contos debuxados de herba verde. Os animais dos libros que me le falan na lingua que coñezo: coellos, xabarís, cegoñas, crocodilos, parrulos, vacas... E bolboretas, que xa sei identificar na aldea as fins de semana cando vai calor.
Nas películas que me poñen na tele pola tarde, cando chove, teñen un nome moi diferente. Aínda non o sei dicir moi ben. Empeza por mar. Pero non ten nada que ver coas ondas de auga azul que me batuxan cando fago castelos na area.
Non sei ben por que. Os nenos e grandes alí non falan coma min. Entender enténdoos, non todo, claro, aínda que xa vou collendo moitas palabras das que din.
Os meus pais preocúpanse moito. Din que non hai nada que facer. Eu requírolle por que, ao meu xeito, ao papá e de paso fágoo rabear. Cando me colle no colo e me pregunta como se chaman e como falan: ovella, bee; vaca, muu; galiña, cacá; mar... Bolboreta!, atállame serio.
Hai moitas cousas que aínda non comprendo. Pero sei que nas películas hai bechos, como burro ou gato, que teñen o nome que eu sei. Noutros casos non ten nada que ver.
E non me gusta a cara que pon cando me trabuco e abro a boca para dicir mar... Parece que se lle perde a vista nunha nube grande de tristura que lle quita cor á fantasía do voo multicolor destes animais.
Dende aquela pasaron moitas cousas. E catro anos despois, o próximo 24 de novembro, don Xesús vai ser, con todo merecemento, nomeado fillo adoptivo do Concello de Ribadavia.
Mais, que aconteceu con aquela realidade doméstica de esquizofrenia lingüística a que aludía aquela voz cativa que rompía a falar? Ben doada resposta: un auténtico exercicio, planificado a conciencia dende o poder, de imposición do castelán. Vallan como exemplo algunhas mostras: emprego, logo dunha fraudulenta enquisa, deste como lingua vehicular maioritaria nas aulas dende a idade máis temperá; substitución dos libros de texto por estaren en galego; oferta cada vez maior de produtos audiovisuais infantís e xuvenís en castelán...
Nun novo Informe dramático sobre a lingua galega cumpriría preguntarlles, aos executores desta política etnocida neoliberal, quen debe ser o responsábel de fixar o currículo, de regular o uso instrumental das linguas, tendo en conta a realidade sociolingüística existente? E, sobre todo, nas mans de quen deben ficar os dereitos dos nosos cativos e cativas de recibiren unha formación completa, non nesgada e sen complexos: nas da administración educativa ou nas de nais e pais?
Ningún comentario:
Publicar un comentario