Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de novembro de 2012

Secuelas

por Xabier Cordal, remexendo nos cavorcos do auto-odio, nas Voces de Prolingua:

Cando se proclamou a oficialidade do idioma, co fantasma neofranquista ao axexo, emerxeron outras resistencias ao proceso normalizador. Borrado da memoria colectiva o esplendor medieval, a aristocracia, o funcionariado con maior poder e despois a alta burguesía -uns e outros de orixe maioritariamente foránea- marcaran co uso da lingua da Corte a súa posición de dominio. Tiñan a Lei do seu lado. Ela e mais a práctica subalterna do galego acabaron producindo a teoría de que se trataba dunha modalidade subalterna.O artificial foise naturalizando mediante a exclusiva do latín e do castelán nas institucións de ensino, desde a cátedra ata a última humilde escola. O prexuízo de que a cultura e o galego ocupaban mundos antagónicos infectou o aire dos edificios do poder, das relacións entre as persoas, ata penetrar a mente de cada unha. Pousou no fondo, onde o ser humano aloxa o instinto de supervivencia, a autoestima e as imaxes simbólicas máis primarias.
Cando grupos de alumnado estranxeiro aprenden lingua galega na Universidade de Santiago, durante o verán, hai algo que lles custa comprender en moito maior grao ca o uso do pronome, a nasal velar ou a curva correcta dunha pregunta. Na rúa, no restaurante, ao falaren cun garda, perciben unhas veces o desprezo e outras a vergonza con que unha parte de nós afronta o feito de que siga existindo a lingua nacional. Son incapaces de entender qué mecanismo provoca esa actitude de autodefensa. Para nós tamén é difícil explicar en poucos minutos o impacto de cinco séculos de violenta imposición e as súas secuelas na psicoloxía colectiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario