Miguel Pardo entrevista a Valentina Formoso para Praza Pública:
Valentina Formoso é coordinadora xeral da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgednl). O seu colectivo coñece como poucos a realidade lingüística nas aulas onde, asegura, "claro que hai conflito". Considera "positiva" a sentenza do TSXG que anula o cerne do decreto do plurlingüismo, pero lamenta as consecuencias "negativas" que a aplicación desta norma tivo no proceso normalizador da lingua, tanto na escola, como á hora de trasladar "actitudes negativas" sobre idioma á sociedade.
Que opinión lle merece á Cgendl a sentenza do TSXG sobre o decreto?
É positiva. Agora haberá que ver que pode supoñer e como se concreta. Non sabemos como van resolver os gobernantes a anulación deses dous artigos. Consideramos a sentenza positiva, pero agora dependerá de como se aplique. Cremos que é un avance, polo menos para deter o retroceso tan grande que estabamos sufrindo arredor do proceso normalizador e dinamizador da lingua.
Foron peores os prexuízos trasladados á sociedade que a propia aplicación práctica do decreto?Todo o que se moveu arredor do decreto foi negativo, pero un dos problemas máis grandes que ten unha lingua minorizada é o conxunto de actitudes negativas e o imaxinario social negativo que se espalla sobre o idioma. Nun proceso de normalización hai que intentar mellorar ese imaxinario negativo e non se trata só de aprender o estandar da lingua para usalo, senón transmitir unhas actitudes positivas para a lingua. Todo o discurso que se moveu e avalou a aprobación dese decreto foi un discurso antinormalizador que supuxo numerosos atrancos para a xente que traballamos neste ámbito. Aumentaron os prexuízos e empeorou ese imaxinario negativo xa existente.
Provocou o decreto a insubmisión de alumnos ou pais ante o ensino do galego?
Houbo algúns problemas, claro que si. O profesorado quéixase da falta de respecto dalgún alumno, de pasotismo ou do desprezo cara á lingua. Que pode facer un profesor que nin tan sequera pode esixirlle aos rapaces que contesten en galego nas clases? Ademais, puxéronse trabas ao traballo dos equipos de normalización e houbo falta de apoio a todos os niveis, así como de recursos. Non se impulsa nin anima a xente a que participe e colabore co noso traballo e incluso profesores teñen temor a apoiarnos porque saben que non temos o apoio da Administración. O noso labor, en teoría, está regulado no propio decreto, pero unha cousa é o que di o texto e outra moi distinta o que se percibe. Os nosos obxectivos son a promoción e dignificación da lingua galega no seu uso e na súa valoración e imos seguir defendendo iso malia atoparnos moitos paus nas rodas. Os equipos de normalización xa saben que non teñen o apoio e vense desamaparados para calquera actividade.
Cren que a sentenza fará que a Xunta cambie o rumbo da súa política lingüística?
Non está dando mostras de que teña unha intención inmediata de facelo. Polas declaracións que se escoitan non se percibe cambio ningún. Non tivemos contacto directo coa Administración, pero leo a prensa e escoito os medios e non semella que vaian cambiar nada. Que se pode esperar dun conselleiro que di que seguirá facendo a enquisa ás familias a pesar de que a sentenza a anula? Esperemos que recapaciten e que se dean conta de que teñen que cambiar.
O secretario xeral de Política Lingüística di que non hai conflito lingüítico ningún nas aulas?
Pois eu diríalle que ten que estar máis na realidade dos centros de ensino. Sabe moito de normalización, pero non tanto do ensino. Claro que hai conflito e desde a aprobación do decreto aumentou moito. Se a el non lle chega ningunha denuncia é porque os mestres non van denunciar un compañeiro, pero o conflito existe en todos os niveis porque hai unha porcentaxe enorme de pais que non poden educar os seus nenos na súa lingua materna ou na que queren que se eduque. Eu mesma non teña opción de escolarizar os fillos nunha liña de galego e, malia elixir no ensino a lingua galega, miña filla dá as clases en castelán. Ademais, hai centros que se din plurilingües e tan só imparten en galego as materias de lingua galega. A que lle chama a Xunta non haber conflito? Hai profesores obrigados a dar as súas clases en castelán e materias nas que está prohibido usar a lingua propia de Galicia... E estamos falando dun decreto destinado a promocionar, impulsar e dar un trato de favor a unha lingua minorizada.
A Xunta fala de “harmonía” nas aulas...
Harmonía é unha palabra que se aplica á música. Falar de harmonía cando unha lingua está nunha situación de clara desvantaxe... É imposible aplicar este adxectivo a esta situación. É unha lingua minorizada cada vez máis aplastada polo castelán e por unha Administración que lle está a quitar os poucos espazos que podía ter gañados. Que o Goberno se poña na realidade se quere poñerse.
Son moitos os docentes que denuncian que non hai control ningún da Administración no cumprimento do decreto e que hai moitos centros non que nin tan sequera se imparte o mínimo en galego.
Claro que non hai control ningún. Os nenos aprenden bolboreta ou axóuxere e recitan algunha poesía do autor que cadre do Día das Letras... E pensan que con iso xa se cumpre. O pouco que se daba en galego, en moitísimos casos, nin tan sequera se dá agora.
O obxectivo do decreto debe ser que os nenos sexan competentes en castelán e en galego, pero é evidente que cada vez o son menos. Por que a Xunta non cambia a estratexia?
Desde a Xunta adoptouse ese discurso da imposición que deixaron que fose cara a adiante. Asociouse normalización con imposición e, coa escusa de promocionar o inglés, conseguiron tamén a escusa perfecta para sacar o galego do medio. Aquí a harmonía só existe para aqueles que só queren educar en castelán. O obxectivo é que os nenos sexan competentes nas dúas linguas e non fan falta grandes estudos para saber cantos nenos hai con competencia plena en galego. Abonda con poñer as orellas. Aquí os únicos bilingües somos os que falamos galego.
Pero é tan difícil chegar a un acordo para retomar o consenso?
Todo é moito máis grave do que pode parecer. Remexeuse e afondouse no imaxinario negativo. Unha lingua que leva 500 anos minorizada, sufrindo o que sufriu, desprestixiada... Desde o momento en que iso se estaba superando e se volveu soltar ese discurso da imposición, a xente acabouno comprando. Se ninguén contradí iso, a sociedade seguirá asumindo ese discurso. A xente quedou con que non se ía aprender castelán e que o galego estaba imposto. É difícil cambialo.
Pero, como se pode cambiar?
Fan falta moitas horas para explicárllelo aos pais, aos alumnos e mesmo aos compañeiros. Calquera especialista en aprendizaxe de linguas desmonta o decreto e sabe que é unha táctica para encubrir o que o Goberno quería, que era desmontar o anterior decreto. Nada máis. Quen lle dá voz aos criterios pedagóxicos ou aos expertos? Só se fala desde posicións políticas e electorais e non desde posicións pedagóxicas. Quen explica o que supón a sentenza? Nos medios tradicionais e con máis difusión o discurso está copado polo seu discurso, polo do Goberno. Se desde a Administración non se volve poñer en valor a lingua para quitar prexuízos e mudar esteorotipos, é moi difícil cambiar a situación. É loitar contra todo o que difunda a Administración e os grandes medios e é complicado darlle a volta, pero polo menos esta sentenza é un gran de area no esforzo colectivo de moitos para demostrar que a política lingüística desta Xunta é unha equivocación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario