A principios do mes de xullo do 2011, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) reuniuse con representantes do goberno galego e cos de distintas asociacións para elaborar o preceptivo informe trianual sobre o cumprimento da CELRM. Así o anunciaron as asociacións que concurriron á chamada:
- O decano do CPXG reúnese co Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias
- Os Equipos de Normalización Lingüística reúnense co Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias(CELRM) para avaliar a situación da lingua galega no ensino
- Unha delegación da plataforma cidadá Queremos Galego mantivo un encontro en Madrid cun comité de expertos europeos
- Apuntamentos de Nova Escola Galega ao III Informe sobre o cumprimento en Galicia da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM)
Frente á exposición de argumentos das distintas asociacións que se debullan nestes documentos, a Xunta adicouse neses días a confundir e difundir mentiras. Confusións e mentiras que se trasladarían polos medios de comunicación á cidadanía.
O día 5 de xullo do 2011 a Consellería de Educación e a SXPL divulgan desde o web ofcial unha mentira ao explicaren que se vai reunir co comité de expertos da CELRM co obxectivo exclusivo de avaliar a política lingüística do trienio 2006-2009 (correspondente ao bipartito). A insistencia das notas enviadas desde os organismos oficiais é abrumadora. Na información emitida pola Xunta aparece repetido catro veces, unha delas destacada nos subtítulos, que o que se vai tratar nesa reunión é a avalaición da aplicación da CELRM no trienio 2006-2009 e por se isto non fora suficiente engádense dúas declaracións do Conselleiro Jesús Vázquez que en aproximadamente medio minuto volve a repetir outras dúas veces que na reunión co CELRM se faría un seguimento da política lingüística do anterior goberno da Xunta. A noticia é reproducida nos medios tal e como foi emitida desde as institucións. Así o Xornal titula 'A Xunta terá que defender a política lingüística do bipartito ante Europa'.
O día 6 de xullo deo 2011, desde a Xunta volven a emitir unha nota na que corrixen por completo o día anterior. Xa non se trata de avaliar a política lingüística do bipartito, agora o que se procura é xustificar a funesta política lingüística do goberno Feijoo. Nun increíble e vergoñento salto cara adiante a Consellería de Educación destaca que 'A Xunta de Galicia cumpre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias'. Sobra a avaliación do Comité de Expertos, a decisión está tomada. O avaliado convértese en avaliador. O desprezo polas institucións europeas é evidente e reflicte o radicalismo dunha política lingüística aniquiladora e racista.
O informe demoledor do Comité de Expertos da CELRM
Finalmente o Comité de Expertos publicou o seu informe. No que atinxe ao galego dispoñemos da tradución ao galego deste documento grazas ao labor de Prolingua (non ao da Xunta, curiosamente). Dificilmente poderemos subministrar unha lectura deste informe máis completa que a remitida pola propia Prolingua.
Non vou reiterar o xa escrito unha e mil veces neste mesmo blogue sobre a sistemática política de ataques ao galego en que se converteu a política lingüística do último goberno da Xunta. Mais para traer diante dos ollos só un dos puntos descualificados polo Consello Europeo, vexamos que é o que se di sobre o Decreto do Plurilingüismo:
O Comité de Expertos amosa a súa preocupación pola subseguinte redución da educación en galego en todos os niveis, tamén no que respecta á súa estrutura de apoio. Mentres reitera a súa visión de que a presente medida non implica a educación obrigatoria en galego en todos os centros escolares, lémbralles ás autoridades que un número suficiente de escolas debe ofrecer educación total ou esencialmente en galego.Parágrafos como éste revélannos que estruendoso silencio que a Xunta garda sobre este ditame non é maís que o síntoma de que estamos gobernados por unha camarilla de irresponsables galegófobos que non teñen outro horizonte diante súa que a práctica de políticas dictadas desde fóra: o cuneirismo do século XXI.
Non o digo eu, nin A Mesa, nin a CGENDL, nin Prolingua. Quen o di é o Comité de Expertos: a Xunta está a incumprir a CELRM. En consecuencia, para cumprir coa legalidade, debemos actuar na dirección marcada polo Consello de Europa. Roubáronos a nosa casa, a casa da normalización, eis que agora temos que volver a entrar nela por moitos decretos que nos impoñan para pecharnos a entrada.
Segundo Alba Nogueira [ver anotación do 9/11/2012], profesora de dereito na USC, experta precisamente nas cuestións relativas á CELRM, "seguramente é chegado o momento de que os interesados tomemos a palabra e decidamos esixir o cumprimento dos dereitos que recoñece a Carta que son esixibles directamente."
P.S.: Prolingua insta á Xunta a derrogar o Decreto de Plurilingüismo despois do suspenso do Consello de Europa (13/11/2012) en Praza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario