por Xoán Carlos Domínguez Alberte, en Sermos Galiza:
Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola predisposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar. Mais os pobos teñen unha forza máxica, invulnerable, e por iso as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poden converterse en parasitos da cultura dominante; pero endexamais se deixan asimilar. O problema do idioma en Galiza é, pois, un problema de dignidade e de liberdade; pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenvolvemento natural do noso espírito, porque queremos volver presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.
Estas palabras poderían estar escritas, polo seu sentir e pola súa actualidade, calquera destes días nalgún medio dixital. Mais o certo é que, como é ben sabido, son unha cita textual —á que unicamente se lle realizou unha mínima actualización normativa— do Sempre en Galiza, de Castelao. Pertencen ao “Libro primeiro”, que contén os artigos publicados polo autor, en plena guerra incivil, na publicación antifascista madrileña Nueva Galicia.
Precisamente estes días vemos como políticos nacionalistas galegos toman posesión das súas actas de deputados no Parlamento de Galiza co volume ensaístico do escritor rianxeiro na man. Coincide isto, curiosamente, coa sentenza do TSXG impugnando artigos do Decreto 79/2010, cuxo fin principal, baixo a máscara do plurilingüismo, é o de restrinxirlle, aínda máis, ámbitos de uso á nosa propia lingua, no seo dunha sociedade que segue estando moi lonxe de se normalizar.
A idea de fondo é a de deixar morrer o idioma galego pola vía da inanición. Isto é doado de demostrar. O obxectivo estratéxico é conseguir afastar a nova poboación que se vaia incorporando ao sistema educativo do contacto vehicular co noso idioma. A sabendas de que este xa antes non se producía, debido ao consuetudinario incumprimento sistemático da feble lexislación existente en materia lingüística nos centros públicos e ao enorme peso que teñen os privados, e a súa práctica castelanizadora, nas áreas urbanas.
Afastamento planificado que tería unha especial incidencia nas cidades, por seren estes núcleos onde reside boa parte da poboación actual e por posuíren unha alta capacidade de proxección sobre o conxunto do territorio. Unha vez acadado o referido obxectivo cóidase ter medio gañada a batalla dunha predeseñada cruzada lingüística trazada dende o poder. Eis, en verbas da cita inicial, a auténtica ‘cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón’.
Téñase en conta que, como levan posto en evidencia os datos do Mapa Sociolingüistico de Galicia, moita rapazada, en determinados ámbitos cidadáns, só pode ter hoxe contacto co galego no contorno escolar —e moito máis se o que se considera é o uso deste como lingua instrumental—. E isto é debido, entre outros factores, á ruptura da transmisión lingüística interxeracional, xa producida, en moitos casos, en máis dunha xeración anterior á do propio alumnado.
Velaí, entón, a transcendencia de se declararen ilegais as consultas, a través dunha enquisa fraudulenta promovida dende a administración educativa, quen, pola contra —a teor do que se manifesta na resolución—, debe ser a responsábel de fixar os contidos, e os códigos, empregados na programación educativa. Porque ten que ser deber da escola contribuír a reequilibrar a competencia lingüística entre idiomas —dos cales un está claramente minorizado—. E, en definitiva, porque os individuos non teñen liberdade de escolla da lingua a empregar se, previamente, non acadaron competencia nela, e isto só quere dicir que posúan un grao máis ca aceptábel tanto de comprensión coma de expresión oral e escrita. Semella claro, por conseguinte, que é só na escola, en contornos castelán falantes, onde se poderían adquirir estas destrezas de galego.
Enxergadas as cousas dende o interior dos centros de ensino a cruzada lingüística emprendida fica evidente dende moitos ángulos de observación. Repárese no veto producido á impartición da área de ciencias en galego, co conseguinte despilfarro económico derivado da substitución de materiais noutra lingua e aos moitos trastornos ocasionados ás familias e aos centros de ensino. E repárese na redución drástica acontecida, en especial, no pasado curso, da xa de por si mermada cantidade económica outorgada pola SXPL aos equipos.
Ah, e este nome vén a conto porque, tamén ao longo da pasada lexislatura, se cambiou a tradicional denominación destes —Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística— pola máis aséptica e menos comprometida de Equipos de Dinamización da Lingua Galega. Ao final as palabras teñen importancia, mancan, aínda que só sexa unha, non si?
Vista a realidade dende o que ten de positivo esta resolución, no inicio dunha convulsa lexislatura política que principia, cómpre felicitármonos todas as persoas e colectivos que, dotados da forza máxica que está no alento das verbas de Castelao, non abdican a diario por tentar facermos digna e libre esta nación.
Xa en 1954, en pleno exilio bonaerense, se deu ao prelo unha Denuncia diante a UNESCO da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol. Agora, amais do ditame absolutamente contrario dos principais organismos competentes deste país e do inmenso rexeitamento da comunidade educativa, son instancias europeas quen valoran de xeito por completo negativo a política lingüística do goberno galego coa nosa lingua común.
Ante esta realidade non cabe máis ca reclamarlle aos responsábeis do executivo galego —expoñentes dunha rancia dereita provinciana reghionalista— que, no entanto non rectifiquen e deixen de ‘atentar sistematicamente contra a nosa cultura peculiar’, mentres non asuman plenamente as palabras de ouro reproducidas ao comezo deste artigo, deixen de usar o nome do seu autor en van —e de pórenllo a falsas medallas de folla de lata que eles non están lexitimados para dar—. Lémbrese ao respecto que, xa en 1970, se chegou a editar un folleto, no que estivo implicado Celso Emilio Ferreiro, onde se reclamaba Castelao é noso.
Mellor lles sería tomar en serio tamén as palabras do avogado e empresario na honra de quen se celebran as Letras Galegas este ano, Valentín Paz-Andrade, para quen o galego é unha chave para abrirmos portas no mundo. Hoxe en día cunha comunidade de falantes de máis de 250 millóns de habitantes nos cinco continentes. Destínense, logo, todos os recursos para que os que acceden ao sistema educativo adquiran a maior competencia posíbel no noso idioma para o poderen usar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario