Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 20 de decembro de 2012

A centralidade da lingua

por Pilar García Negro, en Sermos Galiza:

Díficil resulta atopar unha realidade social sobre a que recaian tantas asneiras como a lingua. Claro é que o fenómeno non ten nada de pecado “intelectual” e si de vulgar, por un lado, e de politizado-ideoloxizado e perverso, por outro. É lóxico que todo o mundo fale sobre a lingua ou teña unha idea dela, independentemente de coñecemento técnico-científico nengún. E é lóxico, porque ela, a lingua, é o ben universal que nos identifica como humanos, o signo inescusábel de que o somos, o instrumento de que todas e todos nos valemos na nosa vida diaria, o certificado, en fin, de que somos seres sociais e non individuos illados. Unha outra cousa é que se queira elevar este conxunto de ideas ou de composicións vulgares ao rango de verdade absoluta, máxime nunha nación como a nosa, onde a percepción sobre o idioma proprio está interferida e perturbada desde hai centos de anos, e o que se absorbeu desde a infancia non foi a dose necesaria de autoestima en termos colectivos, en termos nacionais, senón todo o contrario, a redución diglósica, a hiperlocalización, o autodesprezo, a naturalidade da súa exclusión nos dominios sociais e públicos de prestixio.

Falamos do que usamos, pensamos que o coñecemos, e é lóxico. Na lóxica machista de outrora (ou de hoxe) dicíase que do que falaban os homes, en estando sós, era de fútbol e de mulleres. Do primeiro, por gosto, afeizón e imposición mediática. Do segundo, por uso, abuso, aspiración a uso ou condena post-uso. Fálase da propriedade que se ten, ou que non se pode ter ou que se aspira a ter, como se fala do ben que resultou unha vez usada. Nada disto garante, claro está, que o suxeito de que se fala, tratado como obxecto (as mulleres) se coñeza, se aprece ou haxa interese por averiguar como “funciona”. Voltándomos á lingua, toda opinión vulgar, “espontánea”, sobre o galego vai estar contaminada da cárrega de experiencia negativa do suxeito opinante: a propria represión vivida; a padecida no endogrupo; a exclusión imposta como inevitábel… e tantas ideas e preconceitos máis.
Sobre este leito de espiñas, xa de seu problemático, proxéctase aínda toda a lousa político-ideolóxica-mediática que, lonxe de disolver prexuízos e de animar, civicamente, ao uso do malferido idioma, aínda vai reforzar aqueles e dotar de novo armamento moderno os motivos para condenalo a ser estranxeiro na propria patria, por expresármolo co lapidario título rosaliano.
Que un ex_alcalde da Coruña, que tivo que saír por pés da cidade, rumbo ao Vaticano, para, segundo din, bloquear ou evitar procesos xudiciais de groso calibre relacionados coa súa xestión pública-inmobiliaria, e que, na verdade, non dá nen para personaxe dun sainete barato ou dunha obra dos Álvarez Quintero, chegue a utilizar, en televisión privada e pública, como argumento, a comparanza dos xudeus matados polos nazis para se referir á pretensa condena do castellano nos patios escolares de Cataluña (el, o campión da exclusión sistemática do galego na Coruña, práctica que tan ben imita o alcalde actual), sería obxecto, en calquera país normal, dunha censura inmediata e unánime. O escandaloso non é o que el diga ou dixer, fóra de todo creto. O escandaloso é que non mereza o repudio rotundo-expulsión do seu partido, dos poderes públicos galegos e de todo comentarista ou reputado politólogo. Porque o individuo citado non ousa emitir tais comentarios en Cataluña, naturalmente, xa que, con toda probabilidade, tería que retornar a Galiza vía París, senón que o fai aquí, mesmamente para que se “lea” a súa enormidade aplicada ao galego e ao español da Galiza. Faino porque pode; faino porque sabe que a locutora ou o locutor que ten enfrente non llo vai retrucar; faino porque sabe que achega máis un argumento a unha Xunta de Galiza que leva practicando a máis abrasiva política lingüística anti-galego que nos foi dado coñecer. Este é o quid da cuestión, a nai do año: a correspondencia exacta, eufemismo mediante, co que están a lexislar, impoñer e practicar, as autoridades do goberno galego, perdón, da Xunta de Bois de Palla de San Caetano.
E é que un dos éxitos máis perversos desta política que abenzoa e promove directamente a EXCLUSIÓN SOCIAL DO GALEGO é mesmamente que incide, recai, nun moi lañado tecido social, feble e inferiorizado por tantos anos de prescrición / proscrición (prescrición do idioma oficial do Estado / proscrición do proprio) e aínda presto a receber novas palabras de orde, novas consignas, que reforcen a súa asimilación, a súa pasaxe, a través da ponte da desgaleguización, á outra beira, a da xente civilizada, educada e con dereito á circulación social homologada, isto é, sen requilorios, española, aínda que sexa española con acento regional. Como estamos aínda neste proceso, non é difícil imaxinar as consecuencias arrasadoras que conleva impartir decote desde a superioridade novas leccións de diglosia, de falsía histórica e científica, de torsión brutal dos feitos que amostra a evidencia.
Só así puido chegar a callar a enormidade da “imposición” do galego como negativa, cando o que está imposto, sobreimposto, sobrerrepresentado, hipertrofiado, elefantiásico… por toda a parte é o español. Só así podemos contemplar abraiadamente como vulgares colaboradores de prensa que se teñen por altos opinion makers enredan tempo e tempo, páxinas e páxinas, cos perigos que supón o catalán ou, aínda, cos problemas do castellano en Cataluña, cando teñen aquí, na súa terra!, diante dos fociños!, un galego ferido mortalmente e excluído por lei do dereito á presenza normal (normal?: á mínima, paulatina e lenta presenza) no ensino, erradicado das escolas infantís nas cidades, submetido á perversión de converter as vítimas en executores da sentenza, léase, ás nais-pais previamente maleducados na postergación do galego, previamente amaestrados para, por todos os meios, aparentar ser o que non eran, españois e non galegos, previstos, digo, como xuíces lingüísticos dos seus proprios fillos, para xa extirpar de raíz o mal, isto é, o que a eles aínda os identificou como galegos sen remisión.
Claro que, na perspectiva española dominante -e na galega, serva colonizada a facer méritos diante do amo-, o grande ou o único problema é o catalán. Por suposto que si. ¿Saben por que? Porque é a única, das linguas diferentes da oficial do Estado, que é, con efeito, unha lingua, que funciona como tal e que aspira a selo con total normalidade. Unha lingua normal (tanto no sentido de habitual canto no sentido de funcionar como norma social) é ubicua; interclasista; omnifuncional; autorrenovábel. O catalán posúe estes atributos, en acto unhas veces, en potencia, en minoría ou en ideación, e isto, que funcione como unha lingua e que aspire a facelo de xeito completo non se pode permitir. O basco ou o euskera importa moito menos, polas dificultades intrínsecas que o seu aprendizado conleva para a propria poboación nativa, en sendo xenética e tipoloxicamente distante do español ao máximo. O galego non importa nada, pois para iso a metrópole xa ten na colonia os mordomos e criados ben vixilantes da saúde do amo, comandados polo vilicus que quer chegar a praefectus, mais aínda non o conseguiu.
O BOE do 30 de Novembro publicou o nomeamento do titular da Presidencia da Xunta de Galicia como presidente da “Junta de Galicia”. Acerto pleno. Coherencia total co papel que xoga internamente e no mapa político español.

Ningún comentario:

Publicar un comentario