por Susana Méndez, en Sermos Galiza:
Había na miña aldea, cando eu era nena, unha señora que por nome tiña Balbanera. Eu, na miña visión de nena de 6 ou 7 anos de principios dos oitenta, que pensaba inocente e erradamente (supoño que como moit@s da miña xeración) que o galego se falaba na aldea, mais na cidade falábase castelán, opinaba naquela altura que a xente se enganaba ao chamarlle Balbanera a aquela señora, e que en realidade tería que chamarse Balbaneira, acorde co xeito de falar da aldea. Eu así me refería a ela, chamándolle Balbaneira, algo que provocaba hilaridade entre a veciñanza.
A concepción do mundo, lingüísticamente falando, desde o punto de vista dunha crianza desas idades tén variado moito, parella modificación a todas as que se veñen producindo a grandes velocidades nos últimos decenios. Así, a miña sobriña, tamén de 6 anos, defendíame o outro día ante a súa nai, cando nun momento de risas esta aseguraba que digo parvadas, dicindo “no, ella no dice parvadas, lo que pasa es que habla en otro idioma”. Como se pode supoñer, caéuseme a alma aos pés ante esta afirmación, polo que de sintomática ten. Mais tamén dá para reflexionar na distinta visión do mundo que hoxe teñen as nenas e nenos galeg@s. Se para min, sendo nena, a división era aldea-cidade, para a miña sobriña (e como para ela, para unha boa parte desas personiñas da mesma franxa de idade) xa non existe esa prexuizosa división, senón que hai outra inda máis terrible, se cabe, están @s que falan castelán, e están @s que falan “outro idioma”, que ben se deixa entrever que son minoría. E o máis triste é que realmente, o que é “outro idioma” é o que a miña sobriña fala, mais percibe, perciben, a lingua propia da Galiza con alteridade, cunha visión de alleo como nunca antes se tiña dado.
A este xeito de ver o mundo que nos rodea, e a nosa lingua en particular, tén contribuído grandemente a política lingüicida do PP. E malia ter sido desautorizado este goberno polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, mesmo lembrándolle a Núñez Feijóo que a política lingüística, no ensino e en xeral, debe estar encamiñada a compensar anos de discriminación e minorización da lingua propia, co obxectivo de recuperala e poñela en valor, e que consiga, cando menos, a equidade coa lingua (esa si) allea, malia esa desautorización, Alberto Núñez Feijóo ven de nomear de novo Conselleiro de Educación e Cultura ao galegófobo Vázquez Abad. Non o fai como premio, non. Faino porque está moi satisfeito cos froitos obtidos co “traballo” de erradicación do galego que encabezou Jesús Vázquez na anterior lexislatura.
O Decreto do falaz “Plurilingüísmo”, que malia os artigos anulados polo TSXG manteñen en vigor e inda con arrogancia e chulería ensalzan, foi a punta de lanza desa política anti-galego na anterior lexislatura por parte do goberno do PP. Conseguiu que case desaparecera a lingua galega na etapa infantil do ensino, polo que non é de estrañar, logo, que agora unha nena que pasou por esa etapa durante a vixencia do Decretazo, pense que o galego é “outro idioma”.
Vázquez Abad, Conselleiro de Educación, ven para continuar ese traballo. E o noso, a nosa tarefa se queremos acadar o sentimento e o feito dunha lingua propia forte e normalizada, é poñerllo difícil. Oportunidades habemos ter para darlle resposta, non quedemos calad@s.
Ningún comentario:
Publicar un comentario