Longametraxe documental que dirixe Aser Álvarez. Luís Tosar interpreta ao poeta de Celanova.
Este traballo audiovisual ve a luz xusto cando fai os 100 anos do nacemento de Celso Emilio.
O documental que ofrece a TVG, gravado en Celanova, Acevedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense, está baseado en máis de 50 entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e musicacións que axudan a debuxar un retrato contemporáneo do escritor. A complexidade e amplitude da figura de Celso Emilio é reconstruída a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos e amigos e conta coa participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len, rapean e cantan os seus poemas.
“100% CEF” é o resultado dun intenso traballo de investigación e achega á vida e obra do poeta. Este retrato poliédrico do autor de “Onde o mundo se chama Celanova” faise a través da conversa cos seus fillos, Isabel e Luís; os seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás; o seu amigo e paisano, o actual presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín; Xosé Neira Vilas, Suso de Toro ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros. Os poemas chegan pola voz de cantantes como Luís Emilio Batallán, Xiana Lastra e Mini e Mero, pero sobre todo co punk dos Labregos do Tempo dos Sputniks e co rap máis contemporáneo de Ferriman, Nuno e Fred. O documental tamén conta coa colaboración de artistas como Baldo Ramos, Francisco Leiro, Manolo Paz ou Baldomero Moreiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario