Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 10 de decembro de 2012

O galego ameazado pola Lomce

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo


Como membro dunha xeración de profesorado comprometido coa renovacion pedagóxica e a normalización da lingua e cultura galegas sinto indignación pola deriva que o Partido Popular pretende imprimir na nova reforma do sistema educativo. Seguindo de pé a pa os principios do documento "La sociedad española ante la agenda de reformas", presentado polo sociólogo José Ignacio Wert no Campus FAES de 2010, coa aprobación da Lei Orgánica de Mellora de Calidade da Educación (Lomce) o goberno de Rajoy pretende desmontar o modelo de Escola Pública acuñado na Loxse de 1990.
Neste texto, dispoñible en internet co formato esquemático de presentación, Wert propón, entre outras reformas políticas económicas e sociais, a recentralización das administracións autonómicas e a recuperación dalgunhas competencias por parte do Estado, o desenvolvemento de políticas de "austeridade exemplarizante", a baixa das prestacións de desemprego, así como a reforma da Educación "como a máis importante que a sociedade española deben afrontar" ao longo desta década.
Neste eido, lonxe de ser considerado un recén chegado, o actual ministro de Educación, Cultura e Deporte critica abertamente o concepto "abusivo de Comunidade Escolar", base do modelo de organización escolar e participación da Loxse, propoñendo "non deixar escapar unha crise tan boa" (boutade que lle rouba ao demócrata Rahm Emmanuel, actual alcalde de Chicago) para substituír no sistema educativo "o refluxo de aspiracións participativas en beneficio da restitución da autoridade e da esixencia", así como un pulo cara "a recuperación do papel do Estado na xestión do sistema educativo". Meu dito, meu feito. Medidas recollidas polo miúdo no segundo borrador da Lomce, presentado na Conferencia de Educación, ás que engadíu un reforzamento do peso da Relixión, coa conseguinte desaparición da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (presente no primeiro borrador da lei como Educación Cívica Constitucional), así como no alongamento a seis anos dos concertos educativos, sen dúbida, froito da negociación de Wert coa Conferencia Episcopal.
Para pechar o círculo das súas reformas recentralizadoras, a última hora e de forma non exenta de sorpresa, Wert decidíu ir a por todas e modificar tamén o estatus das linguas cooficiais no sistema educativo non universitario, rachando de forma unilateral un consenso recollido tanto no texto constitucional como nos Estatutos de Autonomía catalán, vasco e galego. Coa consideración do castelán e da primeira lingua estranxeira como materias troncais en todas as etapas educativas obrigatorias (das que o alumnado será avaliado en todas as reválidas) e o das outras linguas do Estado, como é o caso do galego, como materias de especialidade (da que habería a posibilidade de non ser examinado nas reválidas), pretende perpetrarse un golpe de morte ao estatuto de igualdade das linguas no sistema educativo. Máis alá do seu dubidoso encaixe constitucional, esta medida pretende rachar de raíz co eixo das políticas lingüísticas catalás e galegas baseadas na non segregación do alumnado en razón de lingua e no desenvolvemento para todos os alumnos e alumnas dunha dobre competencia semellante en ambas as linguas oficiais, imprescindible para asegurar a súa liberdade de elección.
Como sinala a plataforma Prolingua, de aprobarse este segundo borrador da Lomce as agresións á lingua galega do Decreto de Plurilingüismo, enmendado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que atinxe á "liberdade de elección de lingua" do alumnado e das súas familias, veríanse "bendicidas e legalizadas", mesmo podendo quedar en papel mollado os contidos da Lei de Normalización Lingüística da que estamos a piques de celebrar o trinta aniversario da súa aprobación. De non modificarse a redacción de Wert, no noso sistema educativo o estatus da lingua galega -non o esquezamos, definida como "lingua propia" no Estatuto de Autonomía- quedaría en absoluta inferioridade con respecto tanto ao castelán como á primeira lingua estranxeira (o inglés, na maior parte dos casos), xa que non tería idéntico valor académico para a traxectoria do alumnado. Unha humillación a nosa lingua racionalmente inxustificable. Un brutal retroceso que nos levaría a tempos anteriores á aprobación da Constitución de 1978.

Ningún comentario:

Publicar un comentario