Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 16 de decembro de 2012

O ano no que houbo dous Días das Letras Galegas

O  2012 debería pasar á historia por ser o ano no que houbo dous Días das Letras Galegas. O primeiro celebrouse, como todo o mundo sabe, o 17 de maio e estivo centrado arredor da figura de Valentín Paz Andrade. Así durante estes doce meses houbo congresos, conferencias, declarcións institucionais, editáronse libros,....; en fin, toda clase de actos que fixeron de Paz Andrade un dos grandes protagonistas do universo cultural galego. Pero o que quero destacar aquí hoxe é que  houbo unha segunda figura que acaparou boa parte deste universo: Celso Emilio Ferreiro. A súa traxectoria e a súa obra foron tamén obxecto de traballos, edicións, conferencias,... E,  posiblemente sen pretendelo, tivo o seu día, eis o segundo Día das Letras. Tal foi o éxito da iniciativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), #recitandocelsoemilio do pasado 12/12/12 ás 12 do mediodía.
30.000 recitacións simultáneas do poema Deitado frente ao mar, desa reivindicación da lingua galega e, sobre todo, do seu uso non é máis que unha pequena parte do que representou esa xornada. O recitado foi a desculpa perfecta para que nos centros escolares se realizaran centos de actividades nunha data ben complicada pola carga de traballo e exames nas proximidades da primeira avaliciación do curso.
Nos vindeiros días veremos a publicación dalgunhas desas actividades e que servirán de retroalimentación nese proxecto de construción dun coñecemento e dunha identidade baixo a éxira dunha novísima CGENDL da que un se pregunta como é posible que hai pouco máis de tres anos poidésemos vivir sen ela.
A parte negativa da cuestión vén, coma sempre, da mesma beira. A Xunta non fixo ningunha aportación para celebrar o acto colectivo de recitado público do poema de Celso Emilio. Nin un chío na conta de twiter, nin unha anotación no perfil de facebook, nin unha referencia no listado de noticias da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pois debe servir únicamente para eventos sociais como a asistencia do secretario xeral á Festa do Pan de Neda ou ao San Marcos de Lamela.  Tampouco atopamos a máis mínima mención do #recitandocelsoemilio no apartado de Equipos de Normalización. Para que están os catro coordinadores provinciais dos ENDL?
E no colmo dos colmos á Consellería de Educación non se lle pasou pola cabeza a idea de usar o Boletín Informativo que lle envia cada poucas semanas a todo o profesorado de Galicia para anunciar a iniciativa da CGENDL. O certo é que, repasando o histórico dese boletín prácticamente non hai ningúnha referencia á normalización o cal é moi indicativo do lugar que ocupa este labor dentro do seu proxecto educativo.
Visto isto último, podemos entender por qué no 2012 só houbo dous Días das Letras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario