Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 12 de decembro de 2012

O decreto de plurilingüismo, unha lea dos nacionalistas vergonzantes

por Adolfo de Abel Vilela, en Terra e Tempo:

O galego, como lingua propia de Galicia, está recoñecido como tal na Constitución e no Estatuto de Autonomía
Pois xa temos o mesmo goberno que tiñamos. Aquí non se move nada. Eu comprendo a Feijoo. Se logo de ter o peor goberno da historia da autonomía, de non facer absolutamente nada que favorecese o desenvolvemento das infraestructuras, a mingua do paro, o crecemento social, cultural e económico do país, de aplicar políticas de recortes de dereitos e servizos, os votantes e, sobre todo, a regra D¨Hondt o premian reforzando a maioría parlamentaria de 37 a 41 deputados ¿para que cambiar? Eles entenden, e así o din sen poñerse rubios, de que é o premio dos galegos o recoñecemento das súas políticas e as do señor Rajoy...


Tomado o todo pola parte, o PP fala en nome de todos os galegos, cando só contou co apoio da cuarta parte do total dos habitantes de Galicia e dos que teñen dereito a voto. O lóxico sería que falase en nome dos seus votantes. E apoiándose nesta manipulación toma as medidas que lle agrada a unha parte minoritaria da súa minoría en detrimento de os outros tres cuartos que son maioría.

Por iso o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad vai de sobrado aplicando a mesma alucinación no tema do decreto do plurilingüismo a pesar de que varias sentenzas eliminaron aspectos básicos do mesmo. Para seguir sosténdoa e non recoñecer o seu fracaso, chegan ao absurdo de cuantificar o tanto por cento do decreto que se invalida, segundo eles o 5 %, cando o fondo do asunto non é cuestión de porcentaxes, senón de falta de talante, ao producir normas que agora os tribunais ratifican que vulneran a legalidade e encabronan sen necesidade a unha boa parte da sociedade. O tema lingüístico foi sempre unha cuestión de consenso, non a imposición dunha minoría que falazmente fala de igualdade entre o galego e o castelán, que pode ser certa en porcentaxe, pero que parte dun principio erróneo, a lingua minoritaria e minorizada é o galego non o castelán, Desde logo a intencionalidade e o talante que demostran o responsable político da educación e da cultura deste país, e os seus colaboradores, non pode ser máis retrógrado e ao mesmo tempo máis infantil.

Sostenella e no enmendalla

O peor que pode facer un político é non querer recoñecer os seus erros, porque esta actitude sempre acaba pasando factura e non conduce a nada. “Quen comete un erro e non o corrixe comete outro aínda maior”, dixo Confucio. Chamar perdedores a todos os que lles deron a razón os diferentes tribunais que acaban de dar a coñecer os seus fallos é ver a palla no ollo alleo e non querer ver a viga no propio. Sinxelamente é unha chulería, dun individuo inmaduro, unha demostración de pouco tacto e bisoñería política.

Insistir con total desenvoltura que as sentenzas que anulan determinadas partes do decreto constata a súa legalidade e apoia os principios inspiradores da norma, é non querer recoñecer que o tal decreto, defendido contra vento e marea polo conselleiro e o seu mentor o señor Feijoo, contiña preceptos que non se axustan a dereito e que son nulos. Dito doutro xeito para que o entenda o señor Feijoo, Vázquez Abad, os seus asesores mediáticos, colaboradores, mentores, votantes e simpatizantes, quere dicir de xeito sinxelo que os tribunais déronlle a razón a quen no seu momento impugnou os artigos que agora anulan os tribunais.

Insistir en seguir facendo a consulta aos pais, sen que o que digan sexa vinculante para a Consellería, porque así o din os tribunais, ¿para que vale? ¿Os funcionarios da consellería non teñen mellor cousa que facer que avaliar enquisas que non serven para nada? Os pais non poden decidir no curriculuo escolar dos seus fillos. Esa potestade é da administración educativa, concedida polas leis votadas nos parlamentos polos representantes elixidos polos cidadáns con dereito a voto.

Se son tan democráticos ¿por que non lles preguntan aos pais se queren que os seus fillos estuden matemáticas, física e química, filosofía ou debuxo? ¿Por que o señor Feijoo non pasa a consulta dos galegos, antes de ser aprobados no Consello da Xunta, os asuntos que nos poden prexudicar como a subida de taxas, impostos ou a redución de servizos e prestacións? Sinxelamente porque para iso un numero determinado de persoas os votaron para que decidan por eles.

Compracer aos nacionalistas vergoñosos

Todo isto forma parte da estratexia de Feijoo para ser o sucesor de Rajoy, engaiolar aos medios informativos da dereita madrileña para que o apoien chegado o momento, e para compracer aquí en Galicia a unha minoría sectaria dos seus votantes, ao mesmo tempo inculta e ignorante. Vexamos por que.

O galego, como lingua propia de Galicia, está recoñecido como tal na Constitución, e no Estatuto de Autonomía. Pero aínda que non tivese ese recoñecemento legal, como noutros tempos, é un patrimonio cultural común, non só dos galego falantes, senón tamén dos demais, da cultura de España, de Europa e do mundo.

O señor conselleiro de Cultura e Educación e Ordenación Universitaria, ten obrigación de coñecer, que os bens patrimoniais culturais poden ser materiais, como a cidade de Santiago de Compostela, a muralla de Lugo, a torre de Hércules, o Camiño de Santiago (todos Parimonio da Humanidade), o dolmen de Axeitos, os petróglifos de Campo Lameiro ou o hórreo do señor Pepe do Caraño que nin sequera esta inventariado; e inmateriais, como as danzas da Cervela, o Oso de Salcedo, as alfombras florais da Pobra do Caramiñal, o entroido de Xinzo de Limia, e o idioma galego.

Todos estes elementos patrimoniais, materiais e inmateriais, foron producidos polos galegos ao longo dos séculos, teñen que ser protexidos polas administracións públicas que teñen a obrigación e o labor de velar pola súa conservación, como un legado que nos transmitiron os nosos antepasados e que debemos pasar ás xeracións que nos sucedan, como un ben que é patrimonio de todos.

De maneira que o galego, como elemento patrimonial inmaterial, protexido pola Lei de Normalización Lingüística e a lexislación inferior que a desenvolve, aprobada por consenso de todos os representantes políticos do primeiro parlamento de Galicia, e dos posteriores, agás da lexislatura anterior, debe de ser protexido e estimulado, porque para que non desapareza unha lingua, non se coñece máis solución que gañar falantes que a utilicen oralmente e por escrito.

Consultar aos pais se queren que aos seus fillos se lles impartan determinadas materias en galego ou en castelán, é, non só unha ilegalidade, como acaban de recoñecer os tribunais, senón unha concesión arbitraria a grupos que seguramente presumen de ser cultos e antinacionalistas, pero que na súa obstinación por desprezar e combater o patrimonio cultural que representa o galego, mostran a súa ignorancia e a súa militancia no peor dos nacionalismos, o español, que amosa unha belixerancia innecesaria co fin de someter e eliminar aos que eufemísticamente chaman nacionalismos periféricos.

É curioso, pero estou convencido que se se lle preguntase se son nacionalistas aos integrantes de Galicia Bilingüe, Asociación Gallega para la Libertad de Idioma, a Mesa por la Libertad Lingüística, a Alberto Núñez Feijoo e o seu conselleiro Jesús Vázquez Abad, dirían que non. Sería bo que nos dixesen estes nacionalistas vergoñosos que é o que son. Ten razón Aznar, que tampouco sabe o que é, cando di que “el nacionalismo siempre arma líos”. Evidentemente non se refire ao nacionalismo español, tan lexítimo como os demais, que tan entusiasticamente representan tanto el como os ut supra mencionados. Eles son os que forman as liortas sen necesidade, coma este do que estamos a falar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario