por Gabriel Beceiro en Praza Pública:
Teriamos que habitar unha outra cultura, saír dos estritos límites do cuarto e non habitalo como o paxaro autómata que emite un canto cada media hora. Sentíndose ameazado desde fóra, o cuco ignora que o seu mecanismo de reloxería está interiormente asentado. Como poderán os cucos libertárense uns aos outros se non é quebrando o mecanismo e andaren arredor de si? Podería semellar un conto de Hoffmann, ou máis ben un artefacto kafkiano, mais gravita como aquel outro máis próximo do Otero Pedrayo. Acho de grande interese o humor iconoclasta que encerra o talante do cuco asociado a Suíza, tanto ou máis ca o tópico do reino onde os cartos non feden (pecunia non olet). Quizais non sexa este o mellor camiño teórico. Porén, hai que festexar o papel modesto que lle conceden ao mecanismo de reloxería contra a frecuente autosuficiencia dos que pretenden agochar por decreto lei a complexidade da vida despolitizando material que é de seu gravemente político.
Eis o incidental canto do cuco en contraste coa seria función que o reloxo ten na realidade. Unha esperanza sen coñecemento, unha operante, moderada e breve acción que non elude dar as horas e cumprir así unha grande función social non exenta de ironía. Como non teño preto a un suízo a quen lle preguntar polo fecundo e civilizado acto do cucú, atrévome a supoñer que os suízos alemáns non queren helvetizar aos de fala italiana do mesmo xeito a como os herdeiros de Franco pretenden españolizarnos a todos con esa propensión feudal a enxergaren as propia accións temporais como ao servizo de poderes superiores. Quer dicir, e non será que os suízos son suízos en alemán, francés, romanche ou italiano por efecto do modesto canto do cuco e non por esa estratéxica e tan coñecida habelencia para á pecunia?
Acontece que a Suíza é un país tan monolíngüe como calquera estado que se precie: monolingües son os suízos franceses e os suízos italianos, como os casteláns monolingües, tamén os suízos alemáns son monolingües. Ao parecer, como aquí, o lacón con grelos non ultrapasa o Padornelo. Xaora, na Suíza tamén hai bilingües, os falantes de romanche nos concellos da raia entre o alemán e o francés. Ao parecer, como aquén do Padornelo. Os grisóns disque son bilingües como na Galiza ou na Cataluña, mais acontece que a Suíza é monolingüe como Castela. Ainda asín, foron quen de inventaren o reloxo de cuco no canto de andaren descubrindo continentes.
É para ficar marabillado, na Suíza os alemáns aprenden o francés obrigatorio, e os franceses, o alemán. Na España, os españois monolingües son menos do 60% da poboación, entanto na Suiza, o suizo-alemán acada o 80%. O que é cousa de pasmo é que os españois sexan incapaces de aprenderen o galego ou o catalán – que fala o 30% da poboación española. No canto de teren presente a posibilidade de inventaren algo incidental como o mecanismo do cuco, teimaron en invadir territorios e iren impoñendo, entre absolutismos e ditaduras, o castelán pola gracia de Dios. Eis o estilo suízo que cómpre reter: substituír Deus polo reloxo de cuco.
Habería que ensaiar a terapia do cuco que lles axude a tirar dos miolos o supremacismo, esa a neurose tan franquista na que o castelán é símbolo de la Patria e a única identidade nacional española a costa de eliminar ou ocultar as outras linguas. A quen lle pode sorprender que Cataluña encete unha solución diverxente se diante ten unha soberanía, a española, incapaz de compartir nada? Un Estado que desconfía da súa pluralidade interior ten como correlato cidadáns que nada ou pouco saben dos outros idiomas, nin un triste bocado da historia de Galiza, e mancheas de prexuízos. Mais é para ficarmos petrificados ao fitar esa teimosa falsificación da historia de España alicerzada en silenciar todo o que non sexa castelán- preto da metade da poboación do Estado. Os españois monolingües descoñecen un terzo da España que fala catalán e o que falan o outro 10% da poboación, vascos e galegos.
Seica os galegos só podemos ser españois en castelán. Eis o recalcamento socialmente aceptado e operante. Xa o dicían os cartazes fascistas Si eres español, habla la lengua del Imperio. Unha declaración pública que seica quere revisitar o goberno do PP coa súa ignorancia abafante e autcompracente, enxurrando a escola de competitividade mal entendida (un estado do benestar deseñado para protexer certos votantes de clase media e media-baixa, e non aos mais necesitados) e dunha cuestión políticamente adversa: ao denominar troncais as materias das que se teñen que examinar todos os alumnos españois, sob esta perspectiva a lingua propia non pode ser troncal, senón materia de especialidade. Era previsíbel baixo esta diferencia conceptual, mais non o evitaron.
Non é que o reloxo de cuco sirva para sabermos máis os uns dos outros mais abofé que lles ten servido para convivir aínda que sexa na mutua ignorancia. A España dos Wert e dos Rajoys só quere españois que falen coma eles. Como no conto ruso de Dostoievski, ao autocompracente e vaidoso Wert acontécelle como aquel funcionario que non estaba disposto a perder o tempo no bandullo do crocodilo que o enguliu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario