Co permiso do meu admirado Xoán Carlos Garrido Couceiro, voume internar por vieiros próximos á psicoloxía, no tocante á consideración de moitas condutas que revela o uso / desuso da lingua de noso, da lingua galega e de como ela, a lingua, é o termómetro máis fino para medirmos a comodidade / insatisfacción verbo de ser-sentirse galega-o. Lembremos primeiro unha evidencia palmaria: se falamos-escrebemos galego (sempre, por toda a parte e para calquer función), estamos a exteriorizar:
a) somos galegas-os;
b) queremos que se note;
c) rompemos coa tradición diglósica, que xustific(ab)a a substitución do galego polo castellano sempre que a ocasión o requerise;
d) inauguramos unha nova naturalidade, rompedora do vello modelo de distribución galego / español;
e) é o uso xeral do galego o vehículo perfeito para desvendar toda a restra de preconceitos que impeden o seu uso normal;
f) a desembocadura do seu uso sempre vai remeter ao que indicamos en (a) e (b): que é o que somos (galegas-os); de onde vimos (dunha historia, dunha nación, dunha cultura específicas); a onde queremos chegar (a unha Galiza dona de si, por dicérmolo co verso de Novoneyra).
Reparemos nun feito, no meu ver, non casual. Varias-os das conselleiras-os do anterior e do actual goberno galego naceron na emigración (Bilbao; Nuremberg; Venezuela…). O mesmo Presidente da Xunta chúfase dos Peares como lugar de nacemento para mellor subliñar o enorme ascenso que protagonizou na súa vida, e canto valor ten. Dando por sentado que Os Peares son o máis abaixo do máis abaixo para quen así pensa e sente, podémonos figurar o mérito autoadxudicado de chegar a ser alguén primeiro na política española e despois triunfar na sucursal galega, ante os seus paisanos. Aquel neno dos Peares seica estudou interno nun colexio relixioso de León: a sublimación do complexo de inferioridade a través do triunfo no grupo dominante está servida; a vinga dos que del se mofaron por galego atrasado e ignorante, tamén. Se á altura de Outubro de 1976, na escolla de prazas de ensino medio, en Madrid, a miña fala (“Instituto Eusebio da Guarda, A Coruña”) provocou a burla de varios dos presentes na sala, coma min, profesores agregados por oposición de Lingua e Literatura Española (burla convenientemente respondida por min cando baixaba a asinar a documentación correspondente; resposta que omito por insultante); se isto acontecía en 1976 e entre público docente, podemos imaxinar o que acontecería na década anterior.
Con toda probabilidade, Núñez Feixoo é fillo -como todos nós, por outra parte- do estigma de sermos o que somos, galegos. Só que as vías de superación de semellante ferida son dicotómicas. Tanto no interior da Galiza canto na emigración: ou ben decatármonos da enormidade do desprezo racista e do autodesprezo inoculado cal virus mortal en todos nós, e, por aquí, revirármonos contra semellante agresión e recuperarmos o orgullo e a autoestima normais en calquera povo que se precie, ou ben todo o contrario: enterrar aínda máis a condición de nativo-a da Galiza e proceder a un aprendizado intensivo de deslocalización, desidentificación, desnacionalización. Neste aprendizado perverso, o idioma xoga, claro está, un papel fundamental. Cómpre eliminar ao máximo o “acento”; absorber ao máximo tamén a “música”, entoación e modismos do idioma español; e todo isto como compañía imprescindíbel da carreira funcionarial na España cañí, “cumbre de toda buena fortuna”, por citarmos a célebre e irónica sentenza do Lazarillo. Para arredondar a faena, cómpre reproxectar na terra de orixe todo o aprendido, e aí temos todo o ronsel de medidas erradicadoras do pecado de sermos galegos; o ataque inmisericorde ás mínimas proporcións de uso do galego como idioma da docencia; a utilización vil de pais e nais como asinantes da renuncia prefabricada, eles proprios vítimas do mesmo que agora deben aplaudir; a submisión, en fin, como bon servo, a todos os ditados do amo.
É así, nesta lóxica disparatada, mais ben real e eficaz no seu funcionamento, como podemos ler titulares coma este: “Feijoo presume de que su modelo bilingüe se extiende a España”, isto é, máis años inocentes no altar do Moloch inclemente… O que, con efeito, Feixoo oferece a España é a completa e redonda submisión da colonia á metrópole, arrogándose aínda a patente da solución dun problema que, na pasiva Galiza, garante que non existe. Mais, por moito que o intente, sáenlle as contas furadas. Por pesada que sexa a cárrega de alienación, de autoodio, de indiferenza verbo da sorte do idioma galego (e é ben pesada, abofé…) por parte do povo que é, sen o saber, o seu propietario, son miles e miles as e os rebeldes, os que enchen prazas e cidades en manifestacións multitudinarias co idioma como bandeira; miles e miles as e os non dispostos a seren galegas-os a medias ou en doses calculadamente permitidas, as e os que practican, en fin, o galego con sentido, non o galego consentido…
Citei arriba a emigración como fenómeno condicionante da conciencia. Ben sei que pode actuar como revulsivo a favor da identidade real e como curación da identidade negada, e á vista está todo o labor de tantos centros e colectivos pro-Galiza repartidos por todo o mundo. Mais coido que a tónica xeral deste fenómeno que desangrou e anemizou durante décadas e décadas a nosa nación é o inverso: sentar as bases para reforzar unha maior e máis potente desidentificación; redobrar, no retorno, o autodesprezo e a distancia. En calquer caso, e verbo da conciencia do que somos e de que merecemos seguilo sendo, como todos os povos do mundo, manteño a tese xa exposta noutros escritos. As “dúas” Galizas non serían, con oceano ou distancia física por medio, a do interior e a da diáspora ou emigración. As “dúas” Galizas -tanto aquí, na territorial, como na distante fisicamente- virían marcadas por algo tan simples, nun e noutro caso, como recoñecérmonos no que somos, galegos, e termos a vontade de exteriorizalo e de facelo valer. A fronteira, pois, non é física; é mental e volitiva; é afectiva e ideolóxica; dáse como dilema entre o tradicionalista (o pasado negador) e o liberador (o dereito a un futuro independente).
E detrás, ao lado e dentro de todo isto, está o idioma: a súa posesión; a súa renuncia; a súa xibarización; e…, como non, o feito de non o considerar un problema… Por iso, a lingua galega, como indico no título, é a mancha que nengún deterxente dá limpado. Mais disto (de non ser “problema”) trataremos nunha outra ocasión. Aproveito esta para desexar de corazón a todos os lentes, como dicía Manuel María, a mellor entrada no próximo 2013. Polo menos que non nos retallen o desexo e o sentimento.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 21 de decembro de 2012
A mancha para a que non hai deterxente
por Pilar García Negro, en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario