Recentemente fiquei impresionado cunha escena que aconteceu nunha aldea, pois tiña para min que estas situacións xa non pertencían ao presente. Reunidas varias familias por convite na casa familiar duns amigos nosos, achegouse por alí unha veciña do lugar, a quen foron presentados varios dos membros da festa. Cando a nosa Tati foi anunciada pola anfitrioa como unha amiga da Coruña, a señora mirou para ela e preguntou: “Isto todo é moi feo, verdade, nena?”
A realidade é que estabamos a desfrutar dunha xornada de amizade nun lugar paradisíaco, un espazo en que aínda as fragas, os soutos e as carballeiras acompañan leiras e prados, a carón de casas cinguidas por estreitas estradas que lembran os camiños que deben existir para alén da memoria do máis vello. Un contexto, en definitiva, en que o rural, sen esforzo, nos regala aromas, cores e saúde cunha intensidade que a máis requintada paisaxe urbana xamais poderá ofrecer. Entón, por que motivo esta persoa asume de xeito tan negativo o espazo que desde sempre a fixo feliz? Será que asume o tópico de que na aldea, ao contrario que na cidade, todo é miseria, ignorancia e atraso vital?Probabelmente a veciña saiba que na cidade ela mesma non se daría, e que prefira esgotar os seus días na rutina de alimentar as galiñas moito antes que a camiñar con zapato fino pola Rúa Real. Mais hai algo de desprezo intrínseco na situación descrita, un desprezo que atinxe a terra e a vida labrega e, como non, tamén as persoas que herdaron un modo de vida secular. E resulta que ese modo de vida é unha vasta cultura que se concreta en horarios, organización do traballo, cultivos, gastronomía, festividades e como non, un modo estético de pensamento que se denomina lingua galega.Chegados a este punto, xa sabedes por onde vou: como defendermos a lingua sen dar a entender á nosa xente que avogamos por un mundo vello e atrasado, aquel que representa para tantos a vida rural? Como defendermos o uso de galego para sermos máis modernos, porque a modernidade na globalización consiste en ofrecer ao mundo un particular modo de ser? Como demostrarmos que sen tradición non hai identidade? Como demostrarmos que a nosa tradición é digna e que nela residen os regalos do presente e os tesouros do futuro?Se cadra non existen as fórmulas máxicas para respondermos preguntas así. Se cadra é preciso, simplemente, o esforzo particular e diario de quen só pretende mellorarse a si mesmo en coherencia e dignidade, sen importarse polo que opinen del. Se cadra é iso o mellor que se pode ofrecer.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 13 de decembro de 2012
Un paraíso invisíbel
por Alfredo Ferreiro, nas Voces de ProLingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario