por Anxo Louzao, en Sermos Galiza:
O día 22 de novembro comezaron facerse públicas as sentenzas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditou en base aos recursos presentados por varias entidades. Catro son as sentenzas ditadas até agora, as suscitadas polos recursos presentados pola Mesa, por Queremos Galego e pola CIG-Ensino, integrante da plataforma Queremos Galego desde onde colabora activamente na promoción de todas as mobilizacións que se convocaron nestes anos. Unha semana despois saíu tamén a sentenza ao recurso presentado pola Real Academia Galega (RAG).Todas as sentenzas anulan e declaran ilegais aspectos fulcrais sobre os que pilota boa parte da política lingüística do PP. Afirma a sentenza que o artigo 5.2 do Decreto do plurilingüismo “vulnera a configuración do dereito fundamental á educación, posto que os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración, neste caso educativa, non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua a empregar na etapa de educación infantil”. A aplicación dese artigo no que estipulaba a realización dunha enquisa aos pais e nais para fixar a lingua de ensino supuxo que, nas cidades, o ensino en galego fose varrido das aulas de Educación Infantil, malia que, en moitos deles, máis do 40% dos pais/nais declaren ter como lingua “materna” o galego, independentemente de cal sexa a lingua maioritaria na contorna do alumnado.
O TSXG declara, tamén, ilegal o artigo 12.3 do decreto porque “desde o momento en que , segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario, ao deixar liberdade ao alumnado para utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia, o que entraña que, aínda que a área, materia ou modulo se imparta nunha lingua o alumnado pode expresarse noutra diferente”. Outro argumento para declarar ilegal o artigo 12.3 do decreto centrase en que “resulta contrario ao fomento do uso progresivo do galego no ensino que, como mandato imperativo, se contén no artigo 13.2 da LNL”. Continúa afirmando a sentenza que “ademais, non chega a explicarse o trato diferente en relación coas linguas estranxeiras, respecto ás que se exclúe aquela liberdade de opción por parte do alumnado”. Contundentes e clarificadoras son as argumentacións que utiliza o Tribunal para declarar a ilegalidade deste artigo, afirmando que o alumnado está obrigado a utilizar o noso idioma nas materias de obrigada impartición en galego, que o decreto ten que garantir o avance da normalización lingüística e que o noso idioma non pode ter peor trato que as linguas estranxeiras.
Xa o Consello Consultivo, no seu ditame, advertira da ilegalidade da proposta inicial da consellaría, no sentido de que os pais e nais fixasen as materias a impartir en galego en todo o ensino obrigatorio. Por iso, a consellaría reduciu unicamente a enquisa aos pais e nais na educación infantil. Posteriormente, aprobou a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa coa finalidade de darlle cobertura legal. Pois ben, agora é o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o que bota abaixo toda esa estratexia perversa que instrumentalizaba os pais e nais baixo a falacia da liberdade e do dereito das familias a escoller o idioma de ensino dos seus fillos e coa de dar liberdade ao alumnado para optar pola lingua da súa preferencia na aula, co único fin de lexitimar a súa política lingüística de exterminio do galego.
A sentenza tamén pon en evidencia que a propia Consellaría incumpre, permanentemente, coa súa obriga de avaliar a aplicación do propio decreto, pois puntualiza a necesidade de cumprir coa disposición adicional 5º que estabelece que “Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellaría competente en materia de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias”. Estamos no terceiro curso escolar en que o decreto está en vixencia e non se levou a cabo ningunha avaliación da súa aplicación que, sen lugar a dúbidas, testemuñaría a marxinalidade do ensino en galego e a ausencia total en moitos centros e niveis educativos.
Estas sentenzas danlle un golpe mortal e definitivo ao decreto 79/2009 e deixa o PP sen os seus argumentos, fundamentados no engano da imposición e na liberdade de idioma. Confirman así que o actual goberno galego o único que persegue é desterrar o galego como lingua de ensino, afondar nos prexuízos, acrecentar a perda de galegofalantes e persistir en que a escola continúe a ser un espazo de socialización en español, onde a substitución lingüística se confirma con máis celeridade e rotundidade.
Agora é a xustiza a que se suma ás vontades que, desde a diversidade e pluralidade social, política, sindical, cultural, pedagóxica e institucional, amosaron o seu rexeitamento a esta afronta contra o noso idioma, ao declarar, nestas catro sentenzas, a ilegalidade do Decreto 79/2009. Estamos ante un Decreto que foi capaz de xuntar a maior oposición contra unha norma. A RAG, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), o Consello da Cultura, as universidades galegas, o Consello Escolar de Galiza e outras moitas institucións rexeitaron este decreto nocivo para o noso idioma. Mesmamente, o informe do Consello consultivo foi demoledor en relación a moitos dos artigos deste decreto -entre os que están os que agora veñen de ser declarados ilegais polo TSXG.
Que o Presidente da Xunta, o Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política lingüística pretendan desautorizar unha sentenza que invalida dous dos piares nos que se asenta o actual Decreto do plurilingüismo, argumentando que é irrelevante porque só afecta ao 5% e que a súa aplicación non supuxo ningún conflito, é a proba irrefutábel de que continúan instalados na mentira e na demagoxia para combater o idioma. O que para eles é totalmente irrelevante é a desaparición da nosa lingua. Negar o conflito lingüístico é dar por válido o dominio dunha lingua allea, a imposta, sobre a propia até a súa desaparición total, aceptar como natural e normal que a maioría do alumnado galego de educación infantil non reciba ningunha hora de clase en galego ou que o ensino na nosa lingua non acade nin o 15% das aulas. O obxectivo é impedir que o galego vaia gañando espazos e dereitos para evitar que se converta en lingua normal, para erradicalo como lingua de ensino, desprendelo de todos os dereitos e afondar nos prexuízos e na diglosia que eivan todo avance normalizador.
Cabe lembrar que o combate e a loita contra a persecución do galego, nomeadamente contra as bases do Decreto de plurilingüismo no ensino, traducíronse en numerosas accións e mobilizacións multitudinarias canalizadas a través da Plataforma “Queremos Galego”, na que conflúen preto de 700 entidades de todo tipo, converténdose nunha ferramenta imprescindíbel para enfrontar as agresións permanentes contra o galego e a involución respecto a toda a lexislatura lingüística promulgada desde 1983. O pobo galego ateigou as rúas de Compostela e as prazas da Quintana e do Obradoiro quedaron pequenas para dar cabida ás manifestacións canalizadas mediante a plataforma Queremos Galego, do 18 de outubro de 2009, do 21 de xaneiro de 2010 e do 17 de maio de 2012. O profesorado secundou de maneira moi maioritaria a folga do 21 de xaneiro de 2010 contra o decreto e en defensa do ensino en galego que paralizou todo o ensino. Máis de 20.000 persoas apoiaron coa súa sinatura a Iniciativa Lexislativa Popular..... que despois o PP impediu debater no Parlamento. 4.530 profesores e profesoras comprometéronse, mediante declaracións individuais, a impartir as aulas en galego tamén nas materias científico-técnicas que o decreto 79/2009 prohibe. O 30 de decembro de 2009, coincidindo coa aprobación no Consello da Xunta da bases do plurilingüismo, miles de persoa manifestáronse de urxencia polas rúas de Compostela. O día 7 de abril de 2010, coincidindo coa reunión do pleno do Consello Escolar de Galiza (CEG) na que se acordou esixir a súa retirada., levouse a cabo unha concentración diante da sede do CEG. Estas son algunhas das máis salientábeis accións que se promoveron desde a plataforma Queremos Galego para facer fronte á planificación galegofóbica do PP e para procurar un futuro normalizado para a nosa lingua.
É unha desconsideración que o Presidente da Xunta renove á fronte da Consellaría de Cultura e Educación ao l conselleiro que foi o azoute da lingua galega e do ensino público, como así vén de corroborar tamén o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Esta recompensa a un Conselleiro que destacou pola súa fobia ao galego hai que entendela como a pretensión do PP de persistir na aldraxe, desprestixio e ilegalidade contra o noso idioma. A súa insensibilidade cara a todo o que nos fai galegos e galegas e a súa mentalidade colonizadora lévaos a conformar argumentos e normas e a incumprir a legalidade coa finalidade de acelerar a substitución lingüística total. Porfían na folla de ruta pensada e elaborada para anularnos como nación, xa que son conscientes de que o uso do noso idioma fortalece a nosa cohesión como tal e de que o seu futuro se ensambla co futuro de Galiza como Pobo.
Só hai un camiño. Só cabe a derrogación do Decreto de plurilingüismo e a fixación dunha nova norma alicerzada nunha política lingüística antitética á actual, que cese coa exclusión, aldraxe e persecución do noso idioma. Cómpre un novo decreto que marque como obxectivos a restitución de todos os dereitos á nosa lingua, remate cos comportamentos diglósicos e consiga o pleno ensino en galego para garantir que o alumnado teña competencia e use a nosa lingua. Nesa dirección urxe, inmediatamente, outra norma de obrigado cumprimento que recolla o estabelecido no Plano Xeral de Normalización, aprobado por unanimidade no Parlamento galego no ano 2004, e que, entre outras medidas, levante a prohibición de impartir en galego as materias de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química, contemple a impartición en galego, como mínimo, do 50% das materias en todos os niveis educativos, agás na educación infantil que será na lingua da contorna do alumnado e cando esta sexa español-falante impartirase, como mínimo, un 50% en lingua galega, co conseguinte control do seu cumprimento e da súa avaliación anual. Así mesmo, que forme a todo o profesorado para impartir aulas en galego, esixa competencia oral e escrita para acceder á función docente e promova a publicación e edición de materiais escolares e educativos en galego para todos os niveis e materias. Para isto, é necesario que continuemos co activismo en prol da lingua e que actuemos en todas as frontes. Asinemos o manifesto promovido pola plataforma Queremos Galego. Participemos no acto do día 12 de decembro e na manifestación do 27 de xaneiro para, de novo, ateigar as rúas de Compostela, exixindo a derrogación do Decreto e o ensino en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario