Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 11 de decembro de 2012

Actualidade de Celso Emilio

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, en Sermos Galiza:


Ao longo de 2012 asistimos a unha morea de actos culturais de diverso xorne que teñen como denominador común a reivindicación da figura de Celso Emilio Ferreiro. Isto é consecuencia de se conmemorar este ano o centenario do seu nacemento na vila de Celanova.
De cara a esta inminente fin de ano é cando máis se concentran os eventos arredor da súa figura. Entre eles salienta, sen lugar a dúbidas, “RecitandoCelsoEmilio”, consistente, como acto englobante, nunha lectura colectiva —o 12/12/12 ás 12.00—, do poema “Deitado frente ao mar”, do libro Longa noite de pedra (1962).
Constitúe, logo, esta unha homenaxe pública convocada dende os centros de ensino, para, entre outros fins, simbolizar o compromiso cívico deste escritor coa nosa cultura e coa nosa lingua.
De vivirmos nun país normal(izado) agardaríase que isto se fixese dende a máxima instancia do noso poder político, o Goberno galego, a través, protocolariamente, da Consellaría de Cultura e Educación. Por estarmos homenaxeando unha das nosas figuras literarias senlleiras e por estarmos reivindicando o principal emblema da nosa identidade como pobo, a lingua propia.
Porén aquí é todo ao revés. Isto é organizado dende unha abnegada plataforma, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (http://www.coordinadoraendl.org), quen —substituíndo a falla completa de recursos económicos pola manchea de ideas e de compromiso co idioma— realiza moitas das funcións que deberían ser propias dunha Secretaría Xeral de Política Lingüística auténtica, mais cuxo labor na actualidade resulta inútil para a vitalidade do noso idioma, o cal resulta moito máis acusado se temos en conta o actual contexto devastador.
A fachenda da afirmación sen complexos da voz poética non é allea á ollada do mar de chapapote dos que, antes coma agora, navegan a contracorrente: “Lingua proletaria do meu pobo,/eu fáloa porque si, porque me gosta,/porque me peta e quero e dáme a gana;/porque me sai de dentro, alá do fondo/dunha tristura aceda que me abrangue/ao ver tantos patufos desleigados,/pequenos mequetrefes sen raíces”.
Non hai moito saíu do prelo a edición facsimilar, de carácter non venal, dun valioso documento, etiquetado LF. Este é a gratitude expresada, cara a Lucrecia Ferreiro, a través das súas sinaturas, por parte de máis de cincocentos presos políticos da prisión central en que se converteu, iniciada a sublevación fascista, o mosteiro de Celanova. A ela, irmá do poeta, por prestarlles unha valiosa axuda humana no inacabábel período da súa encarceración, nun tempo de olladas de pedra que ao lonxe espreitan.
Tamén en inminentes datas se vai estrear o documental 100% CEF, dirixido polo celanovés Aser Álvarez e protagonizado —alén das numerosas testemuñas que incluúe— na parte de ficción polo actor Luís Tosar. Xa de cara ao ano que vén prevese a edición dun libro de rutas pola contorna orixinal do autor d’ A viaxe ao país dos ananos. Pois a partir dun verso seu, que lle dá título á publicación, Nácenlle á paisaxe camiños novos, lévase a cabo unha valiosa achega creativa dalgunhas das voces literarias actuais vencelladas coa bisbarra orixinaria do escritor en cuestión.
Estas mesmas, denantes do pasado verán, baixo a organización da Biblioteca do IES de Celanova e da coordinadora comarcal de ENDL da bisbarra e coa participación da AELG, foron protagonistas dun sinxelo mais completo programa levado a cabo, baixo o título de “Os escritores da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia no centenario do nacemento de CEF”, nas aulas do referido centro de ensino.
Mais cómpre subliñar arestora un feito de especial relevancia, que é a orde saída no DOG do 30/11/2012 relativa á autorización do cambio de denominación do dito centro escolar polo de Instituto de Educación Secundaria Celanova Celso Emilio Ferreiro.
A recuperación dun nome que xa tivera no pasado, decote reivindicado por algún dos colectivos máis dinámicos da área de incidencia, debe supor, á par que facer xustiza cunha figura fundamental da nosa cultura —cuxa biografía está indisolúbel e simbolicamente unida ás paredes do histórico edificio que o alberga—, desistir das tentativas privatizadoras das dependencias do instituto. E, de paso, botarlle terra, de xeito definitivo, a escuros intereses —aínda reavivados, non hai moito, dende o poder político local—, cuxo denominador común son a especulación, o caciquismo e o abuso de poder. Contra o que isto representa alzouse, no seu día, o clamor poderoso d’En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro (2010), en prol da cultura, do ensino e do patrimonio público. E en coherencia coa palabra crítica e comprometida de CEF.
Para lle pór o ramo ao ano, hai uns meses, saíu do prelo o monumental traballo Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, da autoría de Ramón Nicolás. Esta obra, que forma parte xa dos grandes títulos do ensaísmo literario galego, que constitúe un impecábel exercicio de escritura caracterizado por unha inequívoca vontade de estilo, que está labrada no propio idiolecto do autor, posúe, a maior abondamento, outros valores merecentes de mención.
Mercé á numerosa documentación édita e inédita que contén —fondos de arquivos particulares, da propia familia, textos de prensa, entrevistas...—, este libro agranda espectacularmente o coñecemento da peripecia humana e intelectual do escritor. Dun home de verbo que canto máis se compromete coas clases populares, coa xustiza, coa liberdade, coa cultura e coa lingua propias máis acada unha ampla proxección universal.
Na actualización do seu pensamento, a teor do exposto no referido volume, podemos deternos un intre en dous períodos clave da convulsa historia da pasada centuria que a el lle tocou protagonizar.
A construción do nacionalismo galego moderno, na secunda metade do século —tomando como alicerce o pensamento de Castelao—, e a súa participación na fundación da UPG, que, sen lugar a dúbidas, cómpre reivindicar. Período sobre o cal, por certo, resulta imprescindíbel consultar o valioso traballo de Luís González Blasco “Foz”, A política e a organización exterior da UPG (1964-1986) (2012).
Ou a ollada visionaria e lúcida dun mozo que, en plena II República, lle propón á mocidade tomar partido e combater o totalitarismo fascista que ameazaba con ennegrecer o horizonte de democracia e progreso imperantes naquel entón.
Velaí a radiante actualidade destas súas palabras, verquidas no texto titulado “Pantasma”, publicadas, a comezos de 1934, no ourensán Heraldo de Galicia:
“Nós os mozos temos que declararlle a guerra en todos os terreos: que non se pode ser transixente con quen predica a intransixenza, nin liberal con quen odia a liberdade, nin benévolo con quen practica a violenza; en fin, non se pode ser demócrata con quen prostituie a democracia”.
Resulta fundamental, entón, que se poidan seguir dando a coñecer as múltiples vertentes dunha figura insobornábel e que nunca puido ser asimilada polo poder. Nesta empresa xoga un papel fundamental a Fundación Celso Emilio Ferreiro (http://celsoemilioferreiro.org/), cuxo esforzo, nestes tempos, é moi de agradecer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario