Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 13 de decembro de 2012

A lingua galega entre a realidade e a fantasía

Artigo publicado en Sermos Galiza:

Na Toscana do 1610 a convicción de que a Lúa era unha esfera completamente lisa como unha bóla de billar sustentábase en consideracións tales como que esa mesma Lúa era o emblema da Virxe María da que recibía precisamente eses atributos de perfección sen mácula. Pero bastaba con mirar polo telescopio que acababa de construír Galileo para ter acceso a unha Lúa cunha orografía complexa e chea de cráteres. Hoxe chega con aplicar os máis básicos instrumentos da ciencia sociolingüística para desvelar as miserias do estado da situación da lingua galega.
A principios do XVII o imaxinario colectivo estaba constituído por ideas que os avances científicos dos últimos 400 anos evidenciaron como erróneas, incluso ridículas. Nese momento histórico un cidadán cría firmemente que a Terra estaba fixa no centro do Universo ou que os círculos infernais estaban baixo o chan de Xerusalem. Este tipo de crenzas  non só eran un obstáculo ao avance científico, senón que tamén o eran para o avance social. Unha cosmoloxía xeocéntrica presentábase como o escenario máis acaído para un goberno absolutista. Da mesma maneira esas aberracións que son o decreto do plurilingüismo e a LOMCE, concordan cun modelo de goberno do que as autonomías fosen fulminadas.
O horizonte cara o que os gobernos do PP están levando a nave da lingua galega é o do gueto ou a reserva indíxena. Para facer uso social do galego non nos está quedando outra alternativa que a obxección ou a insubmisión, síntoma evidente da exclusión social á que os galegofalantes estamos sometidos.
Nos últimos 50 anos a perda de uso habitual do galego foi de 0.65 puntos porcentuais ao ano e seguramente nos últimos anos este valor incrementouse aínda máis. A transmisión interxeneracional da nosa lingua está completamente esgazada. O uso do galego entre a xuventude alcanza mínimos históricos ano tras ano. Os prexuízos, lonxe de combatérense, están sendo reforzados desde os gobernos. A Xunta nestes últimos anos adicouse sistemáticamente a reducir a presenza da nosa lingua na administración, abandonou a súa promoción no sector privado, fedellou ata  aniquilar na práctica o galego das escolas infantís, prohibiu o seu uso en amplos sectores educativos e sempre que tivo oportunidade intentou establecer unha ligazón entre a normalización e a imposición.
Como un porco bravo nunha veiga de millo, o goberno galego fozou no eido da normalización que traballosamente se foi construíndo durante os  últimos 30 anos. Como parte fundamental  dunha política programada de destrución, desde as consellerías erradicouse o termo "normalización" de todo o seu discurso e cada vez que alguén llo lembra a algún responsable do noso goberno, éste, como se lle saltara unha alarma de dentro, ponse a falar do inglés. Este tipo de reacción, desde a perspectiva dun estudoso ou dun traballador da lingua pode parecer tan estúpida como fantástica. Pero non é inocua xa que a súa repetición inxecta no  imaxinario colectivo o virus do cosmopaletismo que, unha vez neutralizados os anticorpos da normalización, pode ser fatal para o corpo social. En resumo, o goberno galego renunciou á defensa e reivindicación da lingua. A única conclusión posible é que a nosa lingua non é a súa.
A principios do século XXI a arquitectura mental dos galegos sostense sobre bases tan fantásticas como as presentes no Renacemento. A imaxinación e a propaganda das clases dirixentes deron en argallar toda unha fabulación á que se refiren unhas veces como bilingüismo harmónico, outras como bilingüismo cordial ou incluso, xa sen bilingüismos,  como equilibrio lingüístico. Todas estas denominacións agochan o que, se quixéramos ser precisos na súa descrición terminolóxica, deberiamos cualificar como racismo lingüístico. Este tipo de ideoloxía foi o que permitiu que se levaran a cabo os últimos e máis grandes ataques á lingua galega da xeira post-franquista.
O TSXG está a resolver todos os recursos que lle interpuxeron ao decreto do plurilingüismo nunha serie de sentenzas que desmontan o discurso ideolóxico sobre o que foi construído. A pesar disto seguramente a Consellería de Educación vaise enrocar na súa sectaria postura establecida no que foi coñecido como borrador do galego. A seguir, forzará o filibusterismo lexislativo para continuar explorando os límites legais do acurralamento do uso do galego no ensino. Para iso intentará convencernos de que a única alternativa é a súa vía.
Se fósemos cidadáns na Florencia da época de Galileo, quizais nos fose imposible cuestionar como fantástico que o inferno de Dante está baixo os nosos pés, pero actualmente a xeoloxía sociolingüística ofrécenos datos suficientes como para que comprendamos que o inferno hoxe fica baixo a advocación de San Caetano. A realidade debe impoñerse á fantasía, velaí o camiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario