Ben sei que non estamos no mellor momento. Non hai máis ca ler os xornais, ou mesmo seguir a última sesión no Parlamento noso. Moitos teimarán que é unha inxenuidade. Pero hai trinta anos as cousas non estaban mellor. ¿Distintas? Conforme. Pero non mellor. Vanse cumprir tres décadas dende a aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística (15 de xuño). Tempo haberá de volver sobre a cuestión. Hai tres semanas comentabamos nestas mesmas mareas a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia verbo dalgúns puntos capitais do decreto de plurilingüismo co que o Goberno de Núñez Feijoo intentou reconducir a política do idioma nas escolas. Daquela rompeuse un consenso histórico, asinado polos tres partidos presentes na Cámara galega, que viña vixente dende o 83. ¿Tan difícil é pensar en recompoñer aquel acordo? ¿Alguén cre que podemos tirar algo positivo (pensando no país, non nos intereses particulares de cada grupo) seguindo por este camiño? O futuro da lingua galega non merece este tratamento, francamente.Certo que para que exista consenso ten que haber vontade por todas as partes. Mais tamén é certo que ao partido do Goberno, que ten a maioría absoluta por decisión democrática da cidadanía, corresponde a iniciativa da xenerosidade. Xenerosidade que honra, non humilla. Teimar nos reproches e no axuste de contas non nos vai levar a ningures. ¿Unha proposta? Recuperar o espírito daquel documento histórico. Sentarse a falar e reconstruír de novo a política que o inspiraba: a lingua galega precisa de medidas de estímulo e uso social que a equiparen á lingua dominante no Estado e permitan a súa recuperación (non só a súa utilización litúrxica) no conxunto da sociedade, nas novas xeracións, nas familias, nos medios de comunicación de masas, nas industrias do lecer e da cultura, no comercio, na Administración pública? Sen imposicións, sen mesianismos, mais con vontade decidida de poñer en valor un activo patrimonial que nos afirma como pobo e do que deberíamos sentirnos orgullosos: todos, incluídos os que non a falan, porque tamén é deles.Para iso cómpre vencer prexuízos, vellas descualificacións, hábitos que a historia estragou e debemos recuperar. A lingua é un patrimonio común, non unha leira privada. Pero tamén é, moi fundamentalmente, de quen a usa e de quen a traballa, e a lexitimación do discurso fundaméntase na práctica real desa conduta: unha lingua de todos, usada e afirmada por todos, alén de siglas e mesmo ideoloxías, unha lingua integradora, na que se recoñeza o conxunto da sociedade, estimulando os aspectos útiles que a todos os efectos esa realidade implica (incluída a súa proxección alén das nosas fronteiras). Só desa maneira poderemos desactivar sectarismos e complexos. ¿Podemos facelo? Debemos. A iniciativa corresponde, repito, a aqueles obrigados polo mandato democrático que dan os votos. Que empecen a traballar os portavoces. Sen espectáculos mediáticos. Sen foguetería de representación. Sería unha vitoria de todos.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 23 de decembro de 2012
Consenso necesario para a lingua galega
por Víctor F. Freixanes, nas poucas liñas que o xornal La Voz de Galicia edita en galego:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario