Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 25 de decembro de 2012

Bágoas na chuvia

por Carlos Baliñas Pérez, nas Voces de ProLingua:


Un topónimo non é soamente unha indicación xeográfica ou un enderezo postal.
É, entre outras moitas cousas, un precioso anaco da nosa historia, unha ferramenta valiosa para coñecermos o noso pasado. Fálanos dos cambios nos usos da terra (Rozada, Reboredo), dos movementos de poboación (Sarreaus, Astureses), de pasadas civilizacións (Antas, Mamoalba, Castro, Ponteceso), da organización social (Mosteiro, Viladonga, Pazos de Borbén), do paso do rural ó urbano ( Vilar de Francos, Burgo), do avance das comunicacións e a industria artesanal (Parada das Bestas, Estación, Ferreiría)... A toponimia chega a onde non chega o documento escrito ou o achado arqueolóxico ou confirma os datos destes, axudando a recobrar a nosa historia. Hoxe a conciencia social alporízase, con razón, da tala dun teixo, da morte dunha lontra. Mais, a pesar da protección legal formal, poucos aínda ven mal aniquilar ou deturpar un nome de lugar. Isto é especialmente certo no que se refire á toponimia urbana, onde o proceso de destrución é especialmente alarmante. ¡Cantas historias que xa non coñeceremos, canta vida da nosa xentiña esquecida para sempre! E as nosas bágoas se perden na chuvieira dunha falsa modernidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario