Parafraseando o inicio d'O Manifesto Comunista, podemos dicir que un zombi percorre o sistema educativo español: o zombi do franquismo. A última, e brutal, manifestación desta realidade témola no anteproxecto da chamada, nun cínico eufemismo, Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que o ministro José Ignacio Wert vén de presentar.Como ProLingua, non nos corresponde a nós analizar as liñas pedagóxicas, organizativas e ideolóxicas que propón, cun evidente tufo a rancio, nun desatinado intento de volver aos valores de «la escuela de siempre», que en España se identifica inequivocamente coa marcada polo nacional-catolicismo da ditadura.
Desde ProLingua, vemos necesario analizar e explicar os efectos que terán os apartados da LOMCE dedicados ao papel das linguas no sistema educativo. Que o castelán e a primeira lingua estranxeira pasen a ser materias troncais e as outras linguas do Estado, coma o galego, pasen a ser consideradas materias de especialidade, é algo moi grave e de especial transcendencia. Mal que lles pese, o Estatuto de Autonomía que aínda está vixente (e que din respectar) sinala que o galego é a lingua propia de Galicia e o castelán a oficial do Estado, e que as dúas serán cooficiais.Aínda que na prensa destes días as noticias se centran no conflito que se producirá en Cataluña de saír adiante a lei, a nós preocúpannos especialmente os efectos que se poden producir en Galicia. Como é obvio, rexeitamos a agresión a un sistema educativo coma o catalán, que ten ben demostrada a súa eficacia —entre outras cousas, ao garantirlle ao alumnado competencia nas dúas linguas oficiais; mais temos a seguridade de que a sociedade de Cataluña saberá defender con afouteza un valor esencial como é a lingua.En Galicia, ben ao noso pesar, temos un goberno que non só declara un acordo pleno cos contidos presentes na LOMCE; por riba, o presidente Feijoo atrévese a manifestar o orgullo de que o sistema implantado en Galicia sirva de guía para os plans do ministro Wert. Palabras que non esqueceremos, pois o presidente ten que saber dos estragos que o seu, tamén cinicamente chamado, Decreto de Plurilingüismo lle está a causar á lingua galega no ámbito do ensino.Non nos collen por sorpresa estas declaracións. Desde a súa chegada ao poder, hai catro anos, o goberno do PP caracterizouse pola demolición sistemática dos avances traballosamente acadados ao longo dos anos. Enviáronse ao lixo as liñas marcadas no Plan Xeral de Normalización, que impulsara o último goberno de Fraga Iribarne, con Núñez Feijoo como vicepresidente, e procedeuse a restarlle presenza social e legal á lingua galega, amparándose sempre en vergoñentas apelacións á «liberdade», unha liberdade de pacotilla que só beneficia aos que mandan. Que lonxe queda da auténtica liberdade, que vai sempre unida á xustiza e beneficia a toda a cidadanía!Malia non termos datos fiables, datos que tampouco a Xunta quere facilitar, sabemos do dano que o Decreto de Plurilingüismo está a producir. Son ben coñecidos: desde a prohibición de usar o galego nas materias científicas ata o varrido da lingua na educación infantil, sobre todo nas cidades, pasando pola intensa semente de prexuízos contra o galego e pola promoción desa «liberdade» de pais e alumnos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia botou abaixo hai poucos días.Con todo, hai un dano que non está na letra do Decreto de Plurilingüismo e que cómpre sinalar. Era, posiblemente, un dos obxectivos ocultos dese decreto: nun número significativo de centros, moitos deles no sector dos concertados, a presenza do galego é case residual. Ignórase así o obxectivo esencial da lexislación lingüística, «garantir que o alumnado acade unha competencia semellante nas dúas linguas oficiais», co silencio cómplice da Inspección e da Consellería. Para iso vale a súa «liberdade»!Unha vez máis, sinalamos o evidente: para que non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións que permitan vivir en galego coa mesma normalidade que o fai unha persoa castelanfalante. Para iso é imprescindible que a cidadanía sexa competente nas dúas lingua oficiais, así poderá decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Vai ter esa dobre competencia o alumnado que non ten contacto co galego no ámbito educativo?Co borrador da LOMCE presentado polo ministro Wert, as agresións do Decreto de Plurilingüismo, as oficiais e as ocultas, veranse legalizadas e bendicidas. De saír adiante, mesmo a Lei de Normalización Lingüística pode ficar en papel mollado, co aplauso fervoroso dos redutos negacionistas. Por iso é necesario que non só no ámbito educativo, senón no conxunto da sociedade galega, se faga pública a oposición a unha lei que nos devolve á década dos setenta, que ameaza a liberdade lingüística dun amplo sector da cidadanía, que condena a lingua galega a usos residuais e folclóricos e que, esencialmente, busca arrasar coa vitalidade que a cultura galega no seu conxunto ten, malia todos os atrancos, como se fixo patente nas xornadas do pasado Culturgal.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 6 de decembro de 2012
Ás recúas: comunicado de ProLingua sobre a LOMCE
Análise de ProLingua sobre os efectos que terán os apartados da LOMCE dedicados ao papel das linguas no sistema educativo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario