Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 5 de decembro de 2012

Recurso da RAG e manifestación de Queremos Galego

A RAG está pensando en interpoñer un recurso de casación contra a sentenza do TSXG que dictaminou que dous artigos do funesto decreto para o plurilingüismo son ilegais. Seguramente a RAG fundamentarase en que a sentenza non tivo en conta unha realidade social que evidencia a desigualdade real que impón o criterio de equilibrismo lingüístico. A súa asunción implica a imposibilidade de políticas de discriminación positiva para a lingua minorizada.

Por outra banda a plataforma Queremos Galego convocou unha manifestación para o 27 de xaneiro e invita a que asinemos desde aquí o seguinte manifesto:
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza determinou en varias sentenzas que os principais piares sobre os que se asenta o mal chamado “decreto do plurilingüismo” son ilegais. Ademais, indicoulle tamén ao Goberno galego que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado pola Lei de normalización lingüística.
O Tribunal dálle así a razón aos miles de persoas que saíron á rúa nas históricas manifestacións convocadas en defensa da nosa lingua. Ao mesmo tempo, o discurso do PP sobre as linguas no ensino, que xa estaba deslexitimado pola súa falta de apoio nas comunidades educativas, por ser un discurso crispante, por ser antipedagóxico ou por vulnerar tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, está agora, ademais, claramente considerado pola xustiza como fóra da legalidade.
Este decretazo contra o galego debe ser derrogado de forma inmediata e o Goberno galego debe promulgar unha nova norma que se basee no acordado por unanimidade parlamentar no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que:
- Garanta a educación en galego na educación infantil para todas as nenas e todos os nenos galegofalantes e poña especial atendemento didáctico na incorporación a este idioma por parte do alumnado residente en contextos familiares e ambientais castelanófonos, fixando, como mínimo, o 50% do horario semanal en galego nesta etapa educativa para os contextos e contornos en que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.- Garanta que o alumnado reciba un mínimo do 50% da súa docencia en galego en primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos, que o galego non estea prohibido en ningunha materia e que todas e todos os estudantes finalicen cada etapa educativa con suficientes destrezas comunicativas en galego. Asemade, a nova norma debe eliminar a actual prohibición aos docentes para impartiren determinadas materias do currículo en galego.- Desenvolva un plan de formación para que todo o persoal dos centros educaticos de Galiza teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario