Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 4 de decembro de 2012
Ser Libris ou non Ser Libris
Velaquí a campaña "Ser Libris" promovida pola Asociación Galega de Editores co obxectivo principal de sensibilizar á cidadanía galega para que teñan as lecturas como agasallo de Nadal.
Cómpre que lle fagamos caso aos editores galegos. O pasado mes de xullo coñecíamos o Informe do Comercio Interior do Libro en España. Os peores datos eran os da edición en galego, cunha baixada dun 10,2 % ao compararmos as ventas dos anos 2010 e 2011. Só un zunante radical pode xustificar que a política do goberno da Xunta non ten nada que ver nesta defenestración. Lembremos que, en defensa dos criterios dese decreto, acabamos de gastar millóns de euros en tirar os libros de texto escritos en galego á fogueira.
Saquemos á luz dúas evidencias. Unha, que o informe certifica que o libro de texto non universitario foi o que sostivo no estado os resultados da facturación. A segunda, que o decreto para o plurilingüismo eliminou de súpeto a posibilidade de edición libros en galego en boa parte das materias de, precisamente, o ensino non universitario. Poñamos o meu caso favorito: as matemáticas. Hai tres anos un podía achegarse a calquera librería e escoller entre polo menos media ducia de textos en galego de cada curso. Hoxe en día non hai ningún en absoluto. Non é xa que se prohibiran para o ensino na ESO, é que aínda que non se diga no nomeado decreto que os materiais das matemáticas no bacharelato teñan que vir redactados en español, na práctica acabouse por aniquilar toda posibilidade de usar libros en galego. As editoriais, perden. Isto significa que os galegos perdemos, e perdemos, entre outras cousas, postos de traballo. Postos de tradutores, de profesores, de educadores, de especialistas nas novas tecnoloxías... Isto significa para un futuro próximo continuar reducindo as posibilidades de diversificar a oferta de libros en galego, de normalizar a nosa cultura.
Polo tanto, hoxe somos menos libris.
Etiquetas:
cousas,
decreto,
Editoriais,
libro,
matemáticas,
Normalización,
versus
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario