Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de novembro de 2012

*Junta de Galicia


Venres 30 de novembro. O BOE publica o nomeamento de Feijóo como presidente da *Junta de Galicia.
Poderíamos pensar que se trata da manipulación dun documento oficial por parte de alguén con folgos para botar a andar un disparate como o que aparece aquí retratado. Pero non, é algo peor. É a realidade, é como  o centralismo que despreza todo o que non é o seu embigo trata aos que considera como súbditos de segunda (de provincias, din eles). Os BOEs están inzados de *Juntas de Galicia. O Consello Europeo emitía un informe hai poucas semanas no que se lle pegaba un tirón de orellas ao goberno español por non cumprir os seus compromisos en materia de normalización lingüística dos organismos estatais. Velaquí o caso que fan.
Non está de máis recordar que temos unha lei de restauración da forma galega dos nomes e apelidos. *Rajoy Brey e * Núñez Feijóo, os apelidos que aparecen neste texto, corresponden a dous políticos que por veces presumen de galegos. Vese que non exercen desde a mesma presentación da súa identidade.
 n Madrid non importa o nome oficial que teña a Xunta, nin se no territorio administrado pola mesma temos unha lingua e unha cultura de noso. O desprezo abrolla en forma de bautismos esperpénticos.
Desta vez non é o caso de estarmos ante un agravio comparativo. No BOE do mesmo día podemos ver referencias a unha tal *Generalidad de Cataluña.
Así nos vai.
Vía A Nosa Terra (facebook)

3 comentarios:

  1. Esta deturpación interesada do nome oficial da máxima institución galega recórdame a actitude daqueles que fundaron aquela asociación denominada Asociacion Cultural Riveira se escribe con V.

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  3. Mira ti por onde! Basta con que mires neste mesmo blogue un pouco máis abaixo e verás ata onde chegaron os retrousos desa asociación:
    http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2012/11/o-valedor-do-pobo-xustifica-deturpacion.html

    ResponderEliminar