Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 21 de maio de 2011

O insoportable peso das mentiras da política lingüística

Vou demostrar que no referente á política lingüística a Xunta difunde o que queremos oir e, atentando sistemáticamente contra o galego, fai o contrario do que declara. Aínda que podía telo feito con outra calquera,  collín unha das notas de prensa que emite case diariamente a SXPL e que neste caso trata sobre unha xornada organizada arredor do título "Lingua galega e internet".

Innovación tecnolóxica na educación.
Eu, como toda a sociedade galega, concordo coas palabras de Jesús Vázquez divulgadas polo gabinete de comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL):  “a presenza do galego na rede é imprescindible para garantir que os galegos poidamos desenvolver nesta lingua os nosos actos cotiáns de vida e tamén para garantir o futuro do noso idioma e o noso futuro como falantes”. Unha vez asumida esta declaración, o propio mandatario da Consellería de Educación debería responder por que o seu departamento despreza o traballo realizado por un grupo de quince profesores que fixo a tradución ao galego de 60 unidades didácticas de matemáticas ata o punto de que a súa publicación na rede non tivo por parte do organismo autonómico outra achega que continuos atrancos, e así como Cataluña e o País Vasco subvencionarion o traballo realizado polos grupos de tradutores alí constituídos, en Galicia non só non se favoreceu a tradución nin se fixo achega ningunha aos autores do traballo, senón que a Consellería estaba en contra da súa publicación non fixo outra cousa que poñer problemas  para que se publicara ata o punto de que se retrasou a súa difusión pública ata o mes de marzo, cando o traballo estaba completamente finalizado a principios de curso. No colmo da reviravolta, a Secretaria Xeral de Innovación Tecnolóxica  afirma que "por primeira vez, este ano publicouse unha liña de axudas para subvencionar a creación de materiais educativos dixitais en galego"  dentro da estratexia do Proxecto Abalar, un proxecto do que todos deberiamos saber que se s+está a usar como unha  ferramenta perigosísima de redución do galego no ensino por xuntar precisamente a tecnoloxía ao uso abafante do castelán,  pois se a finais do ano pasado a porcentaxe de unidades didácticas engadidas ao repositorio de recursos que estaban en galego só sumaba o 13% frente a un 70% en castelán, o devalo nestes últimos meses continuou na mesma liña.
Eu, como toda a sociedade galega, asumo a declaración de Jesús Vázquez cando di que “unir galego e tecnoloxía é favorecer o uso do idioma, o aumento do seu prestixio e mesmo a súa presenza e recoñecemento internacional”, polo tanto o conselleiro debería explicar por que promulgaron o funesto decreto de plurilingüismo que fai xustamente o contrario: desvincular o estudo da ciencia e a tecnoloxía do uso do galego.


Innovación tecnolóxica en galego.
Eu, como toda a sociedade galega, só entendo unha Xunta que faga unha política para "contribuir á difusión das novas ferramentas tecnolóxicas en galego" polo que non se entende o que realmente se adiquen a restrinxir e dificultar por todos os medios as poucas vías que hoxe en días se ofrencen para que ese obxectivo fructifique. A Xunta, no canto de apostar polos colectivos que levan anos traducindo software libre ao galego, dilapida os seus fondos pagándolle a Microsoft para que traduza parte do sistema operativo e ademais ofrécese como plataforma de propaganda para a multinacional cunha campaña na que Microsoft leva os nosos cartos e a SXPL lava a cara. Unha cara moi dura se temos en conta que, Mar Pereira asume como propios os éxitos do Proxecto Trasno,  en contra das queixas manifestadas desde o  propio Proxecto  de que a Xunta no canto de apoiar a tradución de software libre, unha aposta que estabilizaría todo un sector económico dentro de Galicia, convértese na maior defensora da multinacional que máis se distingue pola súa oposición frontal ao software libre. E aínda máis...
Eu sei que a Xunta no ano 2007 difundira entre o funcionariado un tradutor automático, o Comprendium Translator Desktop, unha aplicación de boa calidade, moi rápida e útil, que permitía a tradución tanto de textos como de páxinas web, e que tiña como ventaxa engadida a de ser respectuoso co formato dos documentos orixinais. E se a sociedade galega estivera informada disto, decataríase de que unha SXPL cun mínimo de interese difusión de ferramentas normalizadoras, no canto de facer actos de presentación do Windows 7, estaría fornecéndos dunha versión do Comprendium compatible con este novo sistema operativo. Outra vez máis a Xunta divulga unha mentira que é repetida acríticamente polos medios e a realidade da indefensión do galego volve a ficar escondida. 


Innovación tecnolóxica na sociedade.
Eu, como toda a sociedade galega, teño por certo que "a lingua galega e as novas tecnoloxías son un elemento transversal nos diferentes ámbitos da sociedade" e, en consecuencia tamén  debería estar presente "nos obxectivos dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia" polo que non son quen de comprender que a ferramenta básica de traballo nos xulgados, o programa informático Minerva NOX, non poida ser utilizada en galego. E xa pasou máis dun ano desde a súa implantación sen que ninguén movera un dedo para poñerlle remedio á completa exclusión do galego do mundo xudicial. 
Na administración local o único que se fixo, alén das ameazas aos concellos para que exclúan das convocatorias a esixencia do coñecemento do galego, é o desenvolvmento da Rede de Dinamización, un proxecto sen presuposto e feito en contra dos traballadores que terían que levalo a cabo. No mundo do comercio liquídase toda referencia á promoción do uso do galego, e por primeira vez a Xunta renega do galego para realizar campañas en castelán,....


Agora eu, así como toda a sociedade galega, podemos comprender a razón de por que cando a SXPL organiza unha xornada sobre "As letras galegas e internet", como non ten ningún resultado real que ofrecer da súa política no mundo das novas tecnoloxías, ten que botar man dun programa no que a maioría dos relatores son cargos políticos. Efectivamente, os expertos en informática non tiñan nada novo que aportar porque todo era pura propaganda de difusión de falsidades.
A alternativa enxérgase con bastante claridade; ou ben seguimos soportando o cada vez maior peso da mentira sobre o que se monta a política lingüística co claro perigo de que se tronce a columna vertebral da sociedade galega, ou ben destapamos esa enorme pantalla de falsidades para facer visible como desde as consellerías rezuma tal cantidade desprezo polo galego que sería insorportable que manténdo un goberno sentado sobre tanto odio.

2 comentarios:

  1. Grazas pola túa valentía

    ResponderEliminar
  2. Só se entende cualifcar de valentía o que é liberdade de expresión cando estamos baixo un sistema socio-político de prácticas totalitarias. Espero que non teñas razón.
    Grazas polas túas grazas.

    ResponderEliminar