Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de marzo de 2011

A TVG e a lingua

por Xabier López López, n´A Nosa Terra:

Non sei. Poida que, levado por esa desconfianza coa que veño xulgando o mundo ultimamente, a miña percepción do asunto estea viciada xa pola suspicacia. Porque a dicir verdade, e resucitado ese ruído de fondo que hai un tempo pedía entre outras cousas unha TVG bilingüe, xa non son quen de ver un telexornal sen ter que engurrar o fociño. Fagan a proba se non o fixeron xa. Prescindan do fondo (entre outras cousas porque por un día sen saber dos éxitos do Goberno Feixóo non vai suceder nada) e céntrense en cuestións de forma, concretamente na lingua que, logo da locución dos presentadores, adoita acompañar a nova correspondente. Trátase, maiormente, de declaracións de profesionais ou expertos con certa relación coa materia obxecto de información ou, sinxelamente, xente da rúa; a banda sonora, digámolo así, que se esforzan en poñerlle á noticia. E aquí chega esa liña última que non deixa de alimentar as miñas suspicacias. E logo non hai avogados que falen en galego? E pediatras? E médicos? E economistas? E que pasa coa xente do común? Como é posible que nun país onde o 80% da poboación é quen de falar galego, se poidan contar cos dedos dunha man aqueles que dan a súa opinión (rebaixas, límite de velocidade, lei anti tabaco...) na lingua de noso? Abondaría con lembrar unha das funcións primordiais da nosa televisión pública (“promoción, difusión e impulso da lingua galega”, artigo 1.1 da súa lei reguladora) para que, no hipotético –e ben remoto suposto– de que o xornalista non atopase un galego falante nas inmediacións, volvese ao coche co cámara e non entregase o seu material ata poder ofrecelo no noso idioma. O mesmo se pode dicir desa produción que na súa axenda de “especialistas” só conta con expertos ou profesionais español falantes (o que se pode predicar xa non só do telexornal senón tamén dos programas de debate). E ollo. Xa ben eu sei que neste, o noso país, conviven ou coexisten mal que ben dúas linguas e que se pode contar un bo número de persoas que non adoitan ou non queren falar galego. O que, mal que nos pese, é tan lexítimo coma o outro. O que sucede é que a TVG non é, por moito que queiran algúns, o lugar para pór isto de manifesto. Se me permiten unha sempre clarificadora redución ao absurdo, é  coma se un club nacido para a “promoción, difusión e impulso do cine”, poñamos por caso, se dedicase a dar clases de pintura; ou que unha desas comunidades de propietarios nacidas ao abeiro da lei de propiedade horizontal se dedicase a gastar as súas derramas en amañar a terraza do bar do barrio. Cada quen é dono de falar no que lle pete (Só faltaría!) Ora que a TVG... Alternando o galego dos locutores co español dos “entrevistados”, o que están a facer é ofrecer de facto un produto bilingüe. Así. Aos poucos. Sen que o noten nada máis que eses retorcidos suxeitos danados pola desconfianza. Así. Coma quen non quere a cousa. Aos pouquiños. Ata que un día...

2 comentarios:

  1. Fíxate tamén nos poucos anuncios feitos en galego, moitos deles cos pronomes mal colocados, en vez de "che" utilizan "te" como CI, e mesmo ocorre cos presentadores, meten o zoco con máis frecuencia dende hai algún tempo.
    É como se tivesen carta branca para desprestixiar a lingua.
    Bicos

    ResponderEliminar
  2. Efectivamente, iso do galego, como non debe ser unha lingua, pode falalo ou escribilo cada un como lle pete.
    Hai ben pouco correxinlle nunha oficina un escrito indicándolle que debían poñer 'reducción" co só un 'c'. A resposta, moi amable, foi que si, que o facían como eu quixera, total en galego cada un escribe como lle parece.

    ResponderEliminar