Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 29 de maio de 2011

Queremos galego, mais... sabémolo vender?

por Carlos Negro, en Terra e Tempo:

O pasado 17 de maio de 2011, na vila pontevedresa de Lalín, quen lles fala participou, como un colaborador máis, na mobilización expansiva organizada por Queremos galego co obxectivo de reivindicarmos o uso do noso idioma nos concellos, mais tamén de denunciar, dun modo colectivo e visíbel, as políticas de marxinación da lingua galega postas en práctica polo actual goberno do Partido Popular de Galicia.

Logo da celebración deste acto simbólico, e ao fío doutras convocatorias case idénticas, quixera facer públicas certas cavilacións que se cadra son froito do meu maxín afervoado, que tende case sempre a buscarlle cinco pés ao gato e tres patas á mesa; mais, por se acaso convidan a iniciar un proceso de reflexión sobre a necesidade de renovar as estratexias comunicativas en torno á defensa da lingua, procedo a poñelas por escrito, sendo consciente de que algún pau hei levar por non saber estar calado. Ou como aconsellaría un vello petrucio, con sabia prudencia: "Non metas os fociños nos asuntos da política".

Permitan, logo, que expoña as miñas divagacións a xeito de sucintos telegramas:

a) O modelo reivindicativo que vencella, unha e outra vez, lingua e nacionalismo presenta evidentes síntomas de esgotamento. Sempre nos reunimos as mesmas e os mesmos, en palcos e prazas semellantes, con lemas e consignas cargados de razón cívica e compromiso identitario, mais escasos de eficacia publicitaria. Dito doutro xeito: vendemos paraugas no deserto e frigoríficos no ártico. Ou como ben dixera aquel cacique indio dun relato de Eduarno Galeano logo de ter escoitado o discurso evanxelizador dos misioneiros católicos:"Eso rasca. Y rasca mucho, y rasca muy bien. Pero rasca donde no pica."

b) Resulta conmovedor que músicos, poetas e artistas de variedades sexamos o prebe de todos os pratos festivos, o adobío simbólico que igual vale para un roto que para un descosido; e aí seguimos, que tumba que dálle, ano tras ano: a soster pancartas e ler panfletos en público, mentres as nosos veciñas e veciños van á praia, pasean o can ou rifan de fútbol. Mais os tempos son chegados de que os manifestos a prol da lingua os faga públicos o panadeiro de barrio ou o promotor inmobiliario que nos vendeu o piso, e non un fato de poetas inspirado polo monótono fungar dos rumorosos.

c) Invocar os textos canónicos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ante un auditorio previamente convencido das súas bondades ideolóxicas e literarias resulta tan previsíbel como unha ladaíña que se recita de memoria para as devotas da novena, e que actúa máis como contrasinal relixioso que como catalizador de vontades. Dito doutro xeito: hai que renovar o repertorio para que o público, por moi fiel que sexa, non cambie de orquestra.

d) Un manifesto, como texto de intervención pública que procura conmover os ánimos dunha cidadanía necesariamente heteroxénea, non pode redactarse como se fose un memorial administrativo de ofensas e agravios, destinado a consumo militante, e desprovisto de elementos persuasivos como o humor e a ironía, a elegancia retórica e o esmero léxico, a apelación ao entorno afectivo das persoas que teñen a ben escoitarnos. Pois non se pescan troitas coas bragas enxoitas nin con discursos resesos na codia do estilo.

e) Por último, vai sendo hora de que ninguén, sexa cal sexa o seu grao de responsabilidade na defensa pública do idioma, se considere unha especie de cabaleiro da Táboa Redonda á procura do Grial identitario; pois, gústenos ou non, a sociedade galega contemporánea resulta un organismo demasiado complexo para reducilo a fórmulas de libro de texto, e só poderemos conquistar un futuro vizoso para o idioma desde a intelixencia política e a flexibilidade ideolóxica, sen dividir o país en bos e malos, en indios e vaqueiros, en mártires e verdugos.

Porque quizais, para derrotar o discurso insidioso que fomentan os sectores máis reaccionarios do nacionalismo españolista (que habelo, por suposto, hailo), a liña máis recta segue a ser un carreiro cheo de curvas. Unha corredoira de ideas anovadoras en troques dunha barricada de preceptos defensivos.

E quen queira entender, que entenda. E quen non, faga favor de seguir libremente o seu camiño.

1 comentario:

  1. A crítica leal e lúcida de Carlos Negro, máis necesaria ca nunca, debe de incitarnos a imaxinar novas vías, novos camiños, novos retos para o idioma. Protestemos contra o decreto, si, pero que iso non sexa unha desculpa paralizante que nos impida pensar, facer, levar a cabo accións, pequenas e grandes, cada día, en cada recuncho, no noso ámbito, cos nosos veciños...

    ResponderEliminar