Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 6 de setembro de 2010

O Nonaino

Nestas últimas semanas Carlos Callón escribiu un par de artigos ( Para sandar as feridas e As palabras perdidas?) que, segundo el mesmo confesa, xeneraron unha importante polémica. Os artigos trataban dalgunha maneira o tópico da dialectalización do galego.
Como xa proclamei varias veces un, que é victima da inmersión lingüística en español, e que por formación é un ignorante en mateira sociolingüística (sexa isto da sociolingüística o que fora), comencei a lle dar voltas ao concepto ese de dialectalización, e sen saber moito do que se trata din en pensar no Nonaino; a ver se acertei nalgo ou se, coma outros, ando mexando fóra do testo.
Va alá xa 20 anos, era a primeira vez que ía a Madrid. Chegara despois dun interminable traxecto en tren. E alí estaba eu, sentado nunha terraza, canso da viaxe. Achégaseme o camareiro e daquela, xa o aviso, aínda non era habitual que fosen estranxeiros e, por suposto, este non o era.
- ¿Qué va a ser?
- Un Kas... -non me deixou acabar.
- ¡Hombre! ¡gallego!. Mi cuñada también es gallega, de Villalva....
Eu ficara asombrado. Como podía saber aquel home que eu era galego se as únicas palabras que eu dixeran foran: "Un Kas". Nin chegara a dicir "de limón", pois se así fose xa estaría eu cismando que me recoñecera por pronunciar un "o" pechado.
Pasaron ben de anos ata que alguén me dou unha resposta satisfactoria. Non me identificaron polo "o" que non dixen, senón polo "n". Polo que lembro da explicación, eu pronunciei un "n" sonoro, forte, orgulloso, galego. Pola contra, se eu fose, poñamos por caso, de Segovia, o meu "n" soaría esvaído e feble, como o "n" de "Dame el café conazúcar". Desde aquela sei que cando eu falo en español fágoo realmente en galego. No entanto hai persoas, como o Nonaino, que cando falan en galego fano á española.
O Nonaino é un profesor que odia a nosa lingua e maniféstao con máis claridade precisamente cando o fala. Aínda que ten os coñecementos e habilidades suficientes para falalo con soltura, atrapállase á mantenta, procura, non sen certo esforzo, trastocar algún pronome e, sobre todo está a pronuncia dos "n". Unha frase típica del é "Nonaino local da secretaría una grapadora?, me pareceu verlas alí". Agora xa sabedes por que os alumnos lle chaman o Nonaino.
Supoño que isto é ao que lle chaman dialectalización, falar como o Nonaino, pronunciar o seu "n", descolocar os pronomes, intercalar palabras e locucións en castelán,... en definitiva, convertir o galego nunha trapallada.

Pois a min écheme o mesmo que o Noanaino fale en castelán que en galego atrapallado, ningunha desas dúas é a miña lingua, a que eu defendo. Polo tanto conclúo que non se pode facer unha política lingüística procurando tomar medidas para frear a sangría da perda de falantes se, a un tempo, non se pretende que o galego que usamos sexa dunha mínima calidade. A pesar de que non se trata de que falemos como filólogos eruditos, non serve iso de que con tal de que fale galego, que o faga de calquera xeito. Temos que falar como galegos.
E ti, como dis "un Kas"? con orgullo, ou con vergoña de ti mesmo?

2 comentarios:

  1. En español, antes dunha consoante velar, como é o caso do /k/ o /ŋ/ que a precede é tamén velar. Recoñeceríante pola entoación. Ningún castelán falante do mundo diría "un Kas" con /n/ alveolar.

    ResponderEliminar
  2. Efectivamente, esta debeu ser a explicación que me deron. O que sucede é que debido á miña falta de coñecementos de lingua non fun quen de reproducila con esa exactitude. Grazas.
    De todas formas quería destacar a mensaxe que quería transmitir e que quedou algo esvaída polo conto: a política lingüística ten que atender tanto á expansión social do idioma como ao seu coidado interno. De pouco valen moitos falantes se o que falan é unha especie de castelán deturpado.

    ResponderEliminar