Un tren bautizado como “Follas Novas” entrará, dende Padrón, na estación de Compostela ás 18 horas do 15 de xullo. Unha comitiva de escritores descenderá dos vagóns para facer unha romaxe polas rúas de Compostela “nun acto cívico e reivindicativo” sobre Rosalía de Castro, cuxo cadáver realizou o mesmo recorrido en 1891. O que está por ver é se o programa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) pode culminar ante a tumba da poeta, ou ten que rematar na porta do Panteón dos Galegos Ilustres, o gran mausoleo do galeguismo, de novo foco dunha polémica.
O Arcebispado de Santiago aínda non aclarou cando vai reabrir a Igrexa de Santo Domingos de Bonaval. A Consellaría de Cultura insiste en que ten un “principio de acordo” coa Igrexa para que o público poida volver a visitar o Panteón. Porén, tanto a Igrexa como o Executivo Galego negáronse, tras ser cuestionados por A Nosa Terra, a desvelar os detalles do pacto. “O documento definitivo vaise asinar probablemente esta semana”, alegan fontes da Consellería de Cultura que evita, polo de agora, informar de canto vai pagar o Goberno á Igrexa para que abra a capela e dos horarios de visita.
En todo caso, o Executivo galego compromete que o acordo estará listo antes do 25 de xullo. Daquela, Galiza Nova e o BNG non deberían ter problemas para organizar o acto de homenaxe a Rosalía e a Castelao que celebran cada véspera do Día da Patria Galega.
Bandeiras e gaivotas
Bandeiras e gaivotas
As bandeiras coa estrela e os puños en alto non son os únicos símbolos políticos que acostuman a exhibirse na Igrexa de Bonaval nos actos previos ao Día de Galiza. As gaivotas sobre fondo azul do PPdeG tamén soen verse o 24, cando a cúpula conservadora acode a facer mostra de galeguismo e deixarse tomar fotografías nunha ofrenda floral na tumba de Castelao, malia que despois, no Parlamento, Alberto Nuñez Feixóo traduza ao castelán as palabras do chamado pai do nacionalismo.
A pluralidade ideolóxica dos que acoden ao mausoleo a renderlle homenaxes aos persoeiros alí enterrados é proba do poder simbólico das tumbas de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán e, sobre todo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cuxas cinzas foron trasladadas alí dende Bos Aires en 1984 no medio dunha gran batalla campal entre a Policía e nacionalistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario