Onte estivo no noso centro Xoán Carlos Garrido ofrecéndonos un vídeo e unha conferencia sobre o mesmo. Nese vídeo había imaxes dunha manifestación en apoio dun mestre do colexio do Foxo.Hoxe acabamos de atopar unha entrevista a
Afonso Castro, o profesor expedientado no 1980 polo delito de impartir clases en galego, na revista do IES Ribeira do Louro do ano pasado.
Reproducímola íntegramente como complemento á xornada de onte.
Entrevista a Afonso Castro, profesor de Ciencias Sociais en Adultos, expedientado en 1980 por impartir as súas clases en galego O 13 de febreiro deste ano, o noso profesor Afonso Castro recibiu unha homenaxe no Teatro Principal da Estrada polo seu compromiso coa lingua galega no ensino en momentos moi duros da transición política, cando era mestre no CEIP O Foxo, no concello da Estrada. No acto presentouse a película documental de Xoán Carlos Garrido: Breve historia do ensino estradense (“A derradeira lección do mestre”) e salientouse o labor deste escolante que arriscou a súa carreira profesional por reivindicar o dereito a un ensino en galego. Órbita quixo estar co noso homenaxeado, e máis nun momento decisivo coma o presente, no que se quere cuestionar o uso vehicular da nosa lingua nos centros educativos.
REDACCIÓN
Como definirías a situación da nosa lingua na sociedade galega de 1980?
Pois lamentablemente en moitos aspectos, dun xeito semellante á de hoxe. O galego non estaba na realidade social nunha situación de igualdade co castelán. A nosa realidade lingüística era a de diglosia. O castelán ocupaba (e ocupa) os espazos de maior relevancia na estrutura socio-económica, nos medios de comunicación de masas (radio, prensa, televisión), no cine, no comercio, na igrexa… Polo tanto, cumpría (e cómpre) a defensa da normalización do idioma galego, que debería ser para todos os que traballamos na educación, e para os galegos en xeral, un tema prioritario.
Cal era a ambiente político que se respiraba?
Eran os primeiros tempos dunha democracia que sucedía ao réxime ditatorial de Franco. Moitos viamos con ollos críticos que non se optase por unha ruptura co réxime anterior, senón por unha reforma propiciada por políticos moi vencellados coa situación anterior, e que coutaba as nosas aspiracións republicanas e de posible autodeterminación para Galiza.
Pódesnos falar da túa situación profesional?
Exercía os meus primeiros anos de docencia como mestre especialista en Ciencias Sociais, no colexio do Foxo, un centro educativo típico do rural galego, no que se concentraran as distintas escolas unitarias da zona. No contorno, os alumnos e os pais expresábanse totalmente en galego.
Podíanse impartir as clases en galego?
Non. O uso da lingua galega estaba prohibido nas escolas. O 20 de xullo de 1979 publícase o chamado Decreto de bilingüismo, pero este regulaba de forma moi escasa a incorporación da lingua galega ao sistema
educativo: no E.X.B., 3 horas semanais para o galego como materia e 22 horas en castelán para o resto das áreas.
Cal foi a túa actuación persoal?
Comezar a impartir as clases de Ciencias Sociais en galego, en coherencia cos prinpais referentes pedagóxicos do noso país (Frei Martín Sarmiento, Viqueira, as galescolas de 1924 a 1930, algunhas escolas da emigración) e internacionais, como Paulo Freire ou as propias recomendacións da UNESCO.
Que consecucias tivo a túa decisión de defender o uso da nosa lingua?
A escasa normativa legal permitía que os pais puideran denunciar aos profesionais da educación que impartiran as clases en galego. No meu caso uns pais denunciáronme e sucedéronse as presións de certos grupos de poderes sociais ocultos.
Recibiches moitos apoios na túa decisión?
Recibín. A resposta social queda reflectida nunha importante manisfestación o 16 de marzo de 1980 na vila da Estrada, no que milleiros de galegos de toda Galiza defendemos o dereito irrenunciable ao uso do noso idioma e o NON a aquel Decreto, chamado de bilingüismo, pero que discriminaba enormemente á nosa lingua.
Como se resolveu o conflito?
Diante da miña negativa a dar as clases de sociais en castelán, a inspección educativa propúxome que impartira eu a materia de lingua galega, e acabei aceptando.
Que aconteceu nos anos posteriores?
As cousas continuaron moi complicadas para nós fundamentalmente ata a aparición do Decreto 247/1995, que introduciu na educación secundaria obrigatoria a área de Ciencias Sociais (Xeografía e Historia) en galego, e que supuxo un alivio para os especialistas desta materia, xa que por fin se recoñecía o dereito a impartir esta disciplina no idioma propio.
Que che parece o último Decreto sobre o uso do galego (124/2007) que agora se quere derrogar?
Ese Decreto paréceme un avance, xa que o único que pretende é que se chegue polo menos a un reparto igualitario no uso dos dous idiomas oficiais do país. Querer derrogalo é querer voltar outra vez a situcións
de manifesto desequilibrio. O sistema debe garantir que os nenos, unha vez que acaben a educación secundaria, teñan unha boa competencia lingüística tanto en galego como en castelán.
Falar neste caso de liberdade para aprender ben unha lingua e non a outra, e querer utilizar os pais neste tema, paréceme un disparate.
Comparto a interrogante retranqueira que se expuxo na recente Semana Galega de Filosofía sobre a educación: “O novo Goberno separará o alumnado en función dos que queiran aprender a multiplicar pero non a restar? Ou haberá que lles preguntar aos pais se lles parece ben que a capital de Francia sexa París?"
Por favor, sexamos serios. A verdade é que pensei que todo isto xa estaba superado, pero en fin..., vexo que veñen novos tempos de loita e compromiso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario