Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 3 de xullo de 2010

Len @s adolescentes?

Tamén podería titulalo: fútbol contra libros.
Acabo de ler en Brétemas, o blogue de Bragado, que a editorial Xerais tivo que suspender a presentación do libro Sete palabras, de Suso de Toro, prevista para hoxe sábado ás 20:30  na Feira do Libro que se está a celebrar estes días en Vigo , pola súa coincidencia coa proxección do partido de fútbol no que xoga a selección española nunha pantalla xigante na Praza de Compostela, o mesmo recinto onde se realiza a Feira do Libro. Para máis inri a ocurrencia da instalación da pantalla foi da alcaldía de Vigo xunto con Caixanova. E se houbo a desafortunada de que o equipo español gañase ese partido, o vindeiro mércores terá que suspenderse a intervención de Marcos Calveiro, o autor dos dous últimos post que acabo de poñer neste blogue e tamén do últimamente celebrado libro Settecento.
Navegando con ventos que apuntan a esta mesma idea, que o fútbol é o maior enemigo da lectura, envíanme este artigo do blogue da editorial Galaxia asinado pola miña ex-compañeira, Gracia Sanctorum: Len @s adolescentes?
Se teño que responder a esta pregunta, categoricamente e sen dubidalo diría que si. Creo que len, e bastante. Quizais non tanto como quixeramos –adoita suceder-, quizais non tanto coma nós na súa idade –dubídoo-, pero len. Len sen importarlles o número de páxinas, con avidez. Pero, iso si, len o que lles gusta. (Ata cando os libros obrigatorios?)
Moito teñen que ver os clubs de lectura e as campañas de animación á lectura que realizamos nos centros de ensino. Se damos unha volta polo noso país, comprobaremos o inmenso traballo realizado dende as bibliotecas escolares e dende o profesorado que mantén con periódicas reunións os clubs de lectura.
O club de lectura ten un valor especial. Que de motu proprio os adolescentes se apunten a un é moi elocuente: a declaración de ser lector (un becho estraño???). O feito de opinar nas reunións dá lugar a falar das propias vivencias, sexan boas ou malas. De cando en vez unha obra adquire un significado especial, convértese nunha espoleta de algo que se leva dentro; pódense sentir identificados cunha historia, cun protagonista, aliviar a súa dor por compartila… Asemade, o club de lectura adquire unha nova dimensión: remata sendo unha familia acolledora que comparte moito máis cós libros; comparte un xeito de entender a vida, unha afinidade difícil de rachar. Mesmo o feito de que algún membro se incorpore tardiamente vese como unha ruptura da intimidade inicial, porque o grupo que se forma en torno a un libro vai máis alá. Resulta curioso e gratificante comprobar como eses nenos e nenas que coinciden nas lecturas acaban sendo grandes amig@s.
Unha anécdota: co meu fillo, enfermo estes días, visitamos varios médicos. Todos recomendaron xunto co repouso ver o mundial. Ningún que lese un libro.
Non debería ser traballo exclusivo do profesorado tentar que a cultura –a lectura, por tanto- medre na sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario