O 29 de xuño a CIG-Ensino fixo unha valoración deste curso que acaba de rematar. Como acaban de colgala na súa web, reproducímola agora aquí:
Para Anxo Louzao, secretario nacional, a actuación do conselleiro e do seu equipo estivo caracterizada por unha agresión permanente á nosa lingua, ao servizo da privatización do ensino, desviando millóns de euros á privada e á concertada; por un deterioro do ensino público, por mor da redución do profesorado, dos medios e dos recursos; por un desprezo polo profesorado e os órganos de negociación e participación e por unha actitude autoritaria e involucionista “ateigada de actuacións ilegais, abuso de poder, baseado na propaganda partidaria, na mentira e na demagoxia”.
“Nunca se lle fixo tanto dano ao ensino público en tan pouco tempo”. Con esta afirmación resumía o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, a valoración do curso escolar que vén de rematar.
Respecto da persecución ao galego, resumiu a actuación da consellaría en doce actuacións concretas: desmantelamento das galescolas; a redución do número de proxectos de innovación; no atraso e redución das axudas aos equipos de normalización lingüística nun 20%; a redución dos programas de apoio ao noso idioma na liquidación, en 47 centros, do programa de inmersión lingüística en Educación Infantil. Actuacións que acabaron pro provocar a dimisión dos coordinadores provincias dos equipos de normalización.
A iso engadiu a eliminación da obriga de realizar no noso idioma a presentación da programación nas oposicións; a publicación do decreto do plurilingüismo que por primeira vez na nosa historia explicita a prohibición de impartir as matemáticas, a física e química e a tecnoloxía en lingua galega. “Un goberno que se chama galego o primeiro que fai é, non só reducir a presenza do galego nas propias aulas senón mesmo expulsar o galego das materias científico-técnicas do sistema educativo” e de Educación Infantil.
Neste sentido, denunciou o malgasto de entre 5 a 7 millóns de euros porque “non lle serven os libros no noso idioma”, co único obxectivo de promover o seu desprestixio, para que acabe sedo unha lingua de “vitrina”.
A CIG-Ensino cualifica este curso escolar como “o peor dos cursos nunca lembrados” from cig-ensino on Vimeo.
Con ironía, desde CC OO-Ensino sinalan entre os «logros» da Consellaría o de «crear tensión» na sociedade galega e na comunidade educativa co chamado Decreto do plurilingüismo. O texto, rexeitado por toda a comunidade educativa, non garante en educación infantil a escolarización na lingua materna; non garante que o alumnado utilice a lingua de impartición da materia; e non ten en conta que o galego e o castelán non parten da mesma situación, polo que «non poden ser tratadas da mesma forma se queremos acadar de verdade o obxectivo da competencia lingüística nas dúas linguas».
Por outra parte, o decreto vai supor no vindeiro curso un «custo engadido» ás familias, xa que os libros de materia vixentes polo sistema de empréstitos hai que cambialos. Todas estas razóns motivaron que Comisións Obreiras presentara un recurso contra o decreto perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario