Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 4 de xullo de 2010

O galego e a xustiza

Por máis que busco non atopo ningunha noticia que explique como foi o transcurso das III xornadas da Irmandade Xurídica que remataron onte en Lugo. Só hai un breve artigo no xornal El Progreso, no que explican algúns detalles dunha entrevista a Luís Villares Nadeira, xuíz de instrución da Fonsagrada, quen lamenta o «divorcio entre a sociedade e ás institucións». O xuíz  asegura que Lugo é unha das provincias de Galicia cun índice máis alto de galegofalantes pero a presenza do galego na súa Administración de Xustiza é practicamente inexistente e tampouco conta con ningún tipo de recurso para permitir a implantación do idioma «A Administración non nos outorga medios; non temos códigos en galego, nin aplicación informática nin bases de datos, polo que nos vemos obrigados a ir contra os dereitos dos cidadáns que desexan ser atendidos en galego».
Temos que botar man dun artigo de opinión para saber máis do tema. Unha pena, de seguro que continuando con esta falta de interese pola implantación do galego na xustiza, non imos adiantar moito. Lembremos que a última oportunidade perdida foi a principios do mes de maio cando a administración autonómica implantou o programa Minerva NOX únicamente en castelán.
por Xoán Antón Pérez-Lema, avogado, no Xornal de Galicia:

Desenvolveuse en Lugo a III Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, que partillan xuíces, fiscais e funcionarios xudiciais con avogados e procuradores. E recoñeceron nomeadamente o labor na reivindicación do Dereito galego e da nosa lingua do decano dos avogados lugueses, o grande xurista e galeguista D. Pedro González López e máis o labor normalizador senlleiro desenvolvido nos últimos anos polo Colexio de Avogados de Compostela, que preside o decano Evaristo Nogueira.
O xuíz da Fonsagrada, Luís Villares, lembrounos dados anormais e intolerábeis: só o 3,5% das resolución xudiciais redáctanse orixinariamente en galego, nun País na que dos terzos da súa cidadanía usa o galego ou adoita empregar as dúas linguas. E lembróusenos, tamén, que non existe libertade real para que os operadores xurídicos empreguemos a lingua galega. En primeiro lugar polas inercias e mesmo reticencias de parte da Administración xudiciaria. Mais, en segundo lugar, porque só hai liberdade cando existen os medios precisos para exercela. E a dispoñibilidade para xuíces, avogados e funcionarios de textos legais e ferramentas informáticas en galego segue a ser moi deficiente a respecto da mesma dispoñibilidade en castelán.
É preciso, pois, espallar este compromiso entre xuíces, avogados e operadores xurídicos todos. Porque o uso do galego é, sempre, un aceno de confianza respecto á cidadanía e de proximidade. E cómpre sexa tamén de calidade e boa atención profesional. Porque facermos normal no foro o que é normal a pé de rúa ou de rueiro é unha esixencia democrática do noso réxime de liberdade.
Velaí a importancia de que os avogados usemos como lingua de relación inicial o galego (tempo haberá para adoptar as medidas de relación e comunicacionais que cumpran en casos aillados ou especiais). Porque, deste xeito, construímos ese espazo de confianza, complicidade e proximidade que require o cliente cando enfronta temas tan graves na súa vida como a reclamación dunha débeda, un problema cun socio, o seu divorcio, o concurso da súa empresa ou a reclamación do seu despedimento. Espazo de confianza e proximidade onde inseriremos o traballo de calidade que sabemos facer os avogados galegos e que tan ben nos aprendeu o Decano D. Pedro González López.
E, no nível institucional, Colexios Profesionais como o dos Avogados de Compostela (que serve de exemplo aos demáis) lémbranos a falla de sensibilidade que a Xunta amosa para fornecer aos profesionais do Dereito e da Xustiza dos medios necesarios para exercermos a nosa liberdade de usar o galeg. Falla de sensibilidade que motiva que a sociedade, representada por Colexios e asociacións varias, supla o que o Goberno galego non quere facer malia estar legalmente obrigado.
Tamén é evidente que, para o futuro, un novo Estatuto tería de garantir o deber de coñecemento do galego, como garantía efectiva da igualdade xurídica entre ambas as linguas oficiais. Porque non se pode operar xuridicamente de xeito no noso País sen coñecermos a lingua de noso e máis o Dereito de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario