O profesorado do IES Fontexería de Muros reunido en Claustro o día 30 de xuño de 2010, manifesta a súa oposición ao decreto de plurilingüismo aprobado polo Goberno galego baseándose nos seguintes argumentos:
- No tocante á lingua, decretos e normas educativas, tamén este decreto, aséntanse nuns principios determinados: promover o uso do idioma galego e acadar o obxectivo da plena competencia do alumnado nas dúas linguas oficiais. Desde a incorporación do galego ao ensino produciuse un significativo avance na competencia oral e sobre todo escrita da poboación galega escolarizada nese período. Porén, o paulatino avance do uso do idioma galego como lingua vehicular no ensino non impediu a alarmante diminución de galegofalantes nas últimas décadas. Isto é así pola minorización que o galego sofre noutros ámbitos da sociedade, maiormente nos inseridos na vida cotiá da infancia e dos mozos e mozas: hábitat urbano e vilego, cultura de masas, deportes, medios de comunicación, comsumo, etc. provocan unha real inmersión da poboación nova galega no castelán. Ademais, diversos informes publicados evidencian que o alumnado acada maior competencia lingúística en castelán ca en galego, mesmo nos centros con predominio do galego como lingua vehicular, non digamos en contornos urbanos monolingües en castelán onde as diferencias son especialmente significativas pola baixa competencia en galego. Aínda mais, o informe Pisa sitúanos por riba da media española respecto á competencia en castelán. O decreto aprobado lonxe de corrixir agravará esta situación, pois céntrase nun pretendido “equilibrio” entre ambas linguas no sistema educativo, esquecendo o forte desequilibrio en contra do galego no resto dos ámbitos.
- As consecuencias do decreto son especialmente graves na etapa infantil, pois significará que en contornos urbanos e vilegos o contacto dos nenos e nenas co galego sexa practicamente anecdótico. O decreto non vai encamiñado a promover unha infancia bilingüe, senón dúas: unha castelanfalante e outra galegofalante, rural e minoritaria.
- O feito de fixar unha lingua vehicular na aprendizaxe só ten sentido co fin de mellorar a competencia nesa lingua. De maneira que a escolla de unha ou outra non é unha cuestión de liberdade senón metodolóxica, polo que falar de imposición só na lingua vehicular carece de fundamento, pois todo o curriculum é imposto.
- No noso centro, igual que en outros de Galicia, existe unha sección bilingüe en Inglés, onde o profesorado que a imparte non escatimou esforzos para conseguir un obxectivo pedagóxico claro entre alumnado, isto é, mellorar o seu nivel de uso. Non vemos tan clara cal é a finalidade e que beneficios tirará o alumnado da obriga, que establece este decreto. de impartir determinadas materias en castelán.
- Distintos colectivos que agrupan a ensinantes de ciencias (Agapema, Enciga, Apetega …) e que usan o galego con normalidade nas súas publicacións, téñense manifestado en contra deste decreto e contrastado que na súa xa dilatada historia, non tiveron coñecemento de queixas nin reclamacións entre os seus asociados polo feito de ter empregado o galego na aula. Outro tanto ocorre no noso instituto onde non houbo ningunha polémica nese sentido nos seus 25 anos de historia.
- Este decreto supón, na práctica, o desterro do galego de amplas áreas do coñecemento, singularmente as matemáticas, física e tecnoloxía, e bota por terra todo o esforzo desenvolvido durante todos estes anos tanto na elaboración de materiais didácticos e construción de vocabulario específico (que se non é nas aulas dificilmente será adquirido noutros ámbitos) como na superación de prexuízos para seren utilizados.
- Como consecuencia deste decreto, diversas editoriais xa se teñen posto en contacto cos departamentos afectados para anunciar que non publicarán material didáctico en galego para estas disciplinas, isto contrasta coa ampla presenza, que no pasado, tiña o material escrito en castelán nas areas que tiñan que ser impartidas en galego.
- Con esta nova norma se incide e alimenta a falsa crenza instalada en parte da sociedade de que o galego non é apto para ser usado en determinados ámbitos do coñecemento.
- A nova normativa complica a vida organizativa dos centros e traslada á comunidade educativa unha absurda guerra entre linguas importada de rancias tertulias e que en Galicia apenas existía.
- 10. Con este decreto non se pretende elevar o nivel competencial no uso do galego, polo que é de agardar que as diferencias observadas entre o alumnado, en función do seu ámbito de procedencia e lingua que usan, vaian en aumento, especialmente entre o alumnado de sectores urbanos monolingües en castelán, o cal, ademais do déficit de formación, coloca a estes alumnos en inferioridade de condicións e pode condicionar o seu futuro á hora de acceder a un posto de traballo (especialmente na administración autonómica).
En definitiva este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o idioma galego, para a industria cultural do País, para os pais e nais, para os centros, para a docencia, para o profesorado implicado e por suposto é malo para o alumnado e para toda sociedade galega.
Nestas circunstancias entendemos que para parte do profesorado deste centro, comprometido coa normalización da lingua galega, a desobediencia ante a prohibición de impartir as súas aulas no seu idioma é unha cuestión de conciencia.
Así pois consideramos razoable e apoiamos ao profesorado, que malia o decreto aprobado e facendo valer a súa obxección de conciencia, vai seguir impartindo as súas aulas en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario