A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio de 1891.
Organizado pola AELG, o cortexo cívico conta co apoio e colaboración de diversos colectivos, como as asociacións culturais O Galo, Medulio, Auriense, Maio Longo, Solfa e a Asociación Cultural de Meira, e fundacións como Manuel María e Bautista Álvarez, entre outras organizacións culturais que se irán sumando ao longo destas semanas.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 17.45 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Unha hora antes, ás 16.45, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.
Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de poemas deCantares Gallegos, para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións do diversos grupos musicais e artistas participantes, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte.
As persoas que queiran formar parte do cortexo facendo uso do tren, entre Padrón e Compostela*, deberán anotarse, antes do vindeiro 8 de xullo no correo electrónico oficina@aelg.org ou no teléfono 981 133 233 (luns a venres, de 08:00 a 15:00)
16.45 Concentración na colexiata de Santa María de Iria, cemiterio de Adina:
Lectura dun poema de Rosalía e marcha a pé até a estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, para tomar o tren deica Compostela.
17.45 Saída do tren cara a Santiago
18.00 Recepción do tren "Follas Novas" na estación de Santiago de Compostela
Onde estará agardando a comitiva restante que non acudiu ao cemiterio e que se sumará neste momento ao cortexo a pé polas rúas compostelás, con actuación da banda municipal. Saída pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural.
18.45 Praza do Toural, primeira parada da comitiva.
Lectura de 3 poemas de Cantares Gallegos.
19.15 Praza da Universidade
Audición do Pietat Signore, de Stradella; lectura doutros tres poemas de Cantares Gallegos.
19.30 Praza de Cervantes
Escaparates da Libraría Couceiro dedicados ás obras de Rosalía. Lectura doutros tres poemas.
19.45 San Domingos de Bonaval
Audición do Ángelus, de Massenet, lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións dos grupos musicais ou artistas participantes, lectura do comunicado/manifesto (véxao clicando aquí) sobre os 125 anos de Rosalía e a reivindicación de apertura ao público do Panteón.
Canto do Himno Galego.
Desde a AELG agradecen que Rosalía estea presente e visíbel ao longo do percorrido, polo que cómpre facérmonos acompañar de iconografía rosaliana (chapas, camisetas, fotos, libros da autora, etc.) que a converta a todos os ollos na auténtica protagonista da xornada, así como de flores coas que realizar a ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres.
Se algunha entidade desexa adherirse a este acto, pode facelo no correo electrónico oficina@aelg.org, ou no telf. 981 133 233(de luns a venres, de 08.00 a 15.00)
Ningún comentario:
Publicar un comentario