Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 2 de xullo de 2010

Números en galego contra números en español

Números en galego.
Teño un fillo de oito anos. Hai tempo que lle regalaron un libro pero non lle fixo caso ata hai uns poucos días. "Encantoume", díxome varias veces. "Queres que cho conte?. Mira, como se titulan  os capítulos. Un: ¡Huye, Bat, huye!. Dous: Espectaculares número de acrobacia. Tres: Los hermanos Silver. Catro: Desayuno en familia. Cinco....."
Esta pequena escena fíxome recordar outra de hai varios anos.
Números en español.
Xa hai  algún tempo que se xubilou, pero coñecín en activo ao secretario do concello no que vivo. Este señor nunca escribía unha palabra en galego, tíñalle un odio militante a esta lingua e demostrábao acotío no desenvolvemento do seu traballo. Redactaba as actas e os informes en español e outro funcionario traducíallos ao galego.Todo un exemplo de eficacia administrativa, non se se sería por casos como este polo que o ano pasado lle deron ao meu concello o premio Lois Peña Novo á normalización das entidades locais.
 Se asistías a un pleno do concello era habitual que o secretario tivese que ler actas doutros plenos ou dalgunha comisión. Como as tiña traducidas ao galego, iso sí,  a pesar do desprezo que sentía pola nosa lingua, leía as letras que tiña diante, entón podías escoitar cousas como a seguinte: " Por unanimidade a Comisión de Urbanismo aprobou una partida de ochocientos cuarenta y nueve mil doscientos cincuenta euros para a construción das beirarúas de Codeseda..."

Pregúntome se ten importancia ou non que eu continúe a impartir as clases de matemáticas en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario