Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 12 de maio de 2010

17 de maio en liberdade

por Bieito Lobeira, deputado do BNG, na Nosa Terra
Alfonso Rueda, Conselleiro da Presidencia, galeguista convencido, vén de facer apelo público ao consenso en materia lingüística hoxe mesmo, no Parlamento de Galiza. Por que non vai haber consenso para acabar co galego, iso si, sempre desde o galeguismo cordial? Só os instalados na confrontación, na belixerancia, na inmersión e na violencia, os partidarios da imposición do galego e dos programas de adoutrinamento ideolóxico nos xardíns de infancia, eses, son os únicos que refugan do consenso, do acordo e do pacto.
Aclarémonos. Galicia é unha rexión na que o galego nunca foi un problema. Nunca, nunca na súa historia. Até no franquismo había máis xente que falaba en galego que nos tempos dun bipartito chantaxeado pola presión nacionalista. E foi aí, coa irrupción do fundamentalismo, onde se rompeu un consenso que durou máis de 500 anos, desde os Reis Católicos. Nunca ninguén tivo problemas para falar en galego. Até que ese consenso rachou hai exactamente dous anos e medio, como ben sinalaron eses imparciais notarios da historia como “El Mundo”, “La Razón”, ou a COPE. Aí comezou o problema e os maus tempos para o galego. Lembremos cando se puxo en marcha esa ocorrencia identitaria chamada “Galescolas”, que viñan substituir ás “Galiñas Azuis”, de tanta tradición na nosa santa terra nai. Chegou Galicia, a nosa rexión, ao extremo de permitir, impasíbel, que houbera nenas e nenos que aprendían a falar en galego. E até aí podíamos chegar!
Agora, porfín, hai liberdade. Agora o galego xa non está imposto, e pódense facer, ao cabo, campañas institucionais como a do Conselleiro Rueda en vísperas do 17 de maio: “Ahora Galicia conecta contigo. Sin papeles, sin desplazamientos”. Porfín temos liberdade, aínda que tamén poderían ampliar o lema da campaña co noso outro idioma, o inglés. E así outras campañas, tamén en español, no exercicio desa liberdade recuperada, como a de Galicia Calidade, ou a posibilidade de inzar os camiños de Santiago (Patrón de España) de sinaléctica e indicacións en español, como fai o Xacobeo. Temos que lamentar, iso si, que a familia de Uxío Novoneira se negara a publicar a súa obra en español, como pretendía a Consellaría de Cultura. Alá eles, se pretenden que a nosa literatura se peche no telón de grelos e continúe acomplexada e ensimesmada.
O 17 de maio, día do bilingüismo, é unha boa oportunidade para lembrar os dous idiomas propios de Galicia, o galego e o castelán, o castelán e o galego. Xa hai festivais en galego, concursos literarios en galego, e moitos xornais, ese día, publican as súas portadas en galego. Que máis queren os partidarios da inmersión? Obrigarnos a falar en galego todos os días? Multarnos por non facelo? Pórnos un pistola no peito (Valedor do Pobo dixit) para que falemos en galego? Ter que decir parbadas como “dous ao caldeiro” (aqueles que defenden a curiosa tese de que o galego é apto para dar aulas de matemáticas), ou “carballeira”, “xurelo”, “A Coruña” ou “Sanxenxo”, que nunca se dixeron así?
O 17 de maio, día do bilingüísmo san, cordial e amábel, é unha boa oportunidade para pasalo en familia, fóra de algarabías e fanatismos, sobretodo se o tempo acompaña (e afortunadamente en España temos abondoso sol e estupendas praias), e levar aos fillos de paseo. Iso si, non é recomendábel pasear por Compostela. Ese día prevese que haxa na cidade santa moitos dos que non conforman, como nós, a maioría silenciosa que tan ben interpreta o Goberno de Núñez Feijoo.  Estou a falar de xente perigosa e violenta, que pretende falar en galego cando queira, en calquera lugar ou circunstancia. Tanto lles ten se llo falan aos seus propios fillos (pobriños, coitados), aos porcos, aos avogados, aos vellos, ou aos empresarios. Dálles igual. Non respectan nada.”
Até aquí, meus amigos e amigas, a versión oficial. Isto é o que nos toca escoitar ou ler cada día, tamén no Parlamento. Demostremos que estamos vivos, que con este pobo non pode ninguén. Defendamos o noso, e esforcémonos todas e todos para converter o 17 de maio de 2010 nunha data memorábel, inesquecíbel para a nación, como outras que temos vivido colectivamente. O 17 en Compostela, mirámonos. Aínda que sexa difícil ou case imposíbel, pola imensa maré de dignidade na que se converterá Galiza. Alí estaremos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario