Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 11 de maio de 2010

A terra quere lingua


Acabo de ler unha noticia no Xornal que me deixou pasmado. Tamén podería dicir que os do Xornal meteron a pata ata o fondo de todo. O titular é o seguinte (non está manipulado, é así): Galicia tiene una media de 36 topónimos por metro cadrado. Para centrármonos, un piso medio, ten unha superficie de 100 metros cadrados, corresponderíanlle entón 3600 topónimos!
A cousa non queda aquí, acaban encerellando os números de tal forma que non hai quen lea a noticia e poida, a un tempo, entender algo. Cito textualmente " la localidad de Cangas es la que acumula más topónimos, 186 por metro cuadrado", neste caso á superficie dese hipotético apartamento, corresponderíanlle 18.600 topónimos, se é que está en Cangas. Todos sabemos como son os de Cangas, sempre dando a nota. Continuemos.
Cito: "La densidad media de topónimos en Galicia es de 36 por kilómetro cuadrado y la localidad pontevedresa de Cangas registra la máxima -con 182 topónimos por kilómetro cuadrado-". Por quilómetro cadrado? 182? Non eran 186? E tamén neste caso por quilómetro cadrado?
Agora ímonos meter co gabinete de comunicación do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Eles tampouco saben botar contas. Din que "Do traballo que se leva feito ata o momento, despréndese que a densidade media é de 36 topónimos por quilómetro cadrado". Tendo en conta que a superficie de Galicia é de 29.574,4 km², un simple produto dinos que dese traballo recoléronse ata o momento 1.064.678 topónimos. No entanto din que agora hai "400.000 topónimos que xa se poden consultar na páxina web", isto é, 13 ou 14 topónimos por quilómetro cadrado, moi lonxe dos 36.
O realmente certo é que Galicia é o territorio do mundo con máis toponimia, e moita dela estase a perder por desleixo. Unha pena.
Polo momento podemos consultar a web de toponimia da Xunta con dous tipos de busca. Nela podes procurar os lugares. Se pensamos que hai 400.000 nomes e que entre eles non están os dos regatos, das veigas, dos penedos, ...fica claro que a terra quere lingua.

Postscriptum: Os do Xornal xa cambiaron o erro máis gordo e puxeron quilómetros cadrados no canto de metros cadrados. Os da Xunta non cambiaron nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario