A Coordenadora Galega de ENDL fai unha valoración do curso que acaba de concluir. Lembremos que esta Coordenadora recibira no seu día o nomeamento de Anxo Lorenzo como secretario xeral de política lingüística con certa esperanza. Basta con botarlle un ollo ás conclusións ás que chegan neste documento para comprobarmos que están completamente decepcionados.
A CGENDL seguirá a pular pola normalización do noso idioma nos centros de ensino a pesar de todos os atrancos
Por vez primeira na democracia, no curso 2009-2010 limitouse a presenza da lingua galega no ensino ao se impoñer un decreto rexeitado pola inmensa maioría da comunidade educativa.
A SXPL non cumpre as funcións que lle son propias e nas súas actuacións non se guía por criterios sociolingüísticos e técnicos.
A CGENDL reitera o seu compromiso público para traballar pola normalización da lingua galega no sistema educativo e na sociedade.
O curso que estamos a rematar converteuse nun dos máis negativos para o noso idioma desde os comezos da democracia, etapa na que se foi incorporando o galego dunha forma progresiva no sistema educativo.
Por primeira vez, póñenselle límites á presenza do galego no ensino, aínda cando a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización Lingüística establecen todo o contrario, e cando todos os datos sociolingüísticos indican que o galego está na peor situación
da súa historia. E para pórlle límites ao galego estableceuse un aparente diálogo entre a Consellería de Educación e todos os movementos implicados no tema. O resultado foi un decreto imposto a toda a comunidade educativa que foi rexeitado pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Consello Consultivo de Galicia, o Consello Escolar de Galicia, por todos os sindicatos e movementos pedagóxicos, por asociacións de ensinantes das diferentes materias e polos ENDL.
Canto á CGENDL, a nosa postura foi sempre firme, seria e rigorosa: dialogamos, fixemos propostas asumibles e, perante esta imposición unilateral, rexeitamos o decreto lingüístico máis nocivo contra a nosa lingua dos últimos 30 anos. É pernicioso especialmente na etapa de infantil, onde deixa desprotexidos e castelaniza os/as nenos/as galegofalantes e converte en analfabetos en galego os castelanfalantes.
Con estas medidas a Secretaría Xeral de Politica Lingüística deixa de cumprir o obxectivo normalizador para o que foi creada; mentres que a decisión de resituala na Consellería de Educación, onde carece de calquera función transversal, vén contradicir o pregoado suposto impulso ao galego fóra do ámbito do ensino. Esta é unha mostra máis de que desde a SXPL se esqueceu o mínimo rigor sociolingüístico e profesional na aplicación das súas políticas. Para acabar de adornar a situación, vanse gastar mais de tres millóns de euros en tirar os libros de texto que xa hai por outros en castelán, obviando completamente a crise que padecemos.
Por todo o anterior, a CGENDL mantén o seu máis firme propósito de continuar, como fixo ao longo de todo este tempo, pulando pola normalización da nosa lingua nos centros de ensino e na sociedade. Dixemos na nosa Asemblea Xeral de novembro de 2009 que non teriamos nin preguiza nin desánimo para traballar na promoción da nosa lingua, e nesa tarefa continuaremos a pesar de todos os atrancos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario