Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 2 de xullo de 2010

Rebeldía, tumbas e cuspe

por Laura Caveiro, escritora, na Nosa Terra:

Cousas das que me falaron durante a semana. A Asociación de Escritores en Lingua Galega vai celebrar o 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro. Reclámase a laicidade para o espazo do Panteón de Galegos Ilustres e a súa apertura ao público. Acaba de chegar ás librarías o ensaio de Pilar García Negro, premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2010, sobre Rosalía de Castro.
A Real Academia Galega anuncia que o Día das Letras do 2011 dedicaráselle ao poeta Lois Pereiro. “Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria”.
Cando estamos a conmemorar os 125 anos da morte de Rosalía, definea García Negro n’ O clamor da rebeldía como aquela que vai cargar no seu haber con todas as rupturas posíbeis e practicábeis no tempo por ela vivido: a que inaugura o ensaio como xénero literario no XIX cos textos prologais de Cantares Gallegos e Follas Novas, a que levanta a cuestión da identidade feminina, do xénero, na composición literaria. Di que en Rosalía deuse o “milagre” de conciliar talento artístico con vontade transformadora, coñecemento dunha realidade social poetizábel e acerto expresivo e retórico. Por iso foi quen de abrir o camiño ao futuro. Cunha mensaxe de vida e de furia necesaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario