Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 6 de xullo de 2010

Dez asociacións culturais reclaman o Panteón

De Galicia Hoxe:

Dez asociacións culturais de Galicia acordaron traballar en conxunto para reclamar que o Goberno galego declare o Panteón de Galegos Ilustres "nacional, público e laico". Segundo informan nun comunicado, as asociacións Alexandre Bóveda (A Coruña), A Pomba do Arco (Foz), Auriense (Ourense), Campo de Estrelas (comarca de Compostela), Maio Longo (Pontevedra), Medulio (Ferrol), Meiramar-Axóuxeres (Morrazo), O Galo (Santiago), Solfa (Santiago) e Vagalume (Tabeirós-Terra de Montes) reuníronse en Compostela este fin de semana para abordar en conxunto "a situación cultural do país, desde a xestión en materia de cultura do goberno galego até o traballo na intervención cultural de base" dos propios colectivos.
A conclusión á que chegaron foi a "necesidade dunha maior coordinación das asociacións galegas que nos permita desenvolver proxectos conxuntos e tamén reaxir con rapidez e eficacia diante de situacións graves para o noso futuro cultural e nacional".  
Estes colectivos reunidos manifestaron o seu "total desacordo coa privatización e peche" do recinto do Panteón de Galegos Ilustres así como a súa "perplexidade polo desinterese e falta de reacción por parte da Xunta de Galiza". En opinión destas acociacións, "cerrar un espazo onde repousan símbolos da cultura nacional como Castelao e Rosalía mostra, cando menos, unha tremenda falta de sensibilidade por parte da Igrexa; asumilo como algo normal, sen o menor intento de solución, amosa a despreocupación e o desprezo do Goberno galego pola nosa identidade e pola nosa cultura". É por iso que estas asociacións culturais reclaman un "Panteón Nacional público e laico", e agardan que o Executivo galego "de-senvolva as xestións necesarias para se facer coa titularidade do recinto".
Adhírense ao acto dos escritores
As asociacións culturais acordaron tamén adherirse aos actos de conmemoración do 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro que celebrará a Asociación de Escritores en Lingua Galega o vindeiro 15 de xullo en Compostela.
Ao ver dos colectivos, "os responsábeis culturais do goberno, esquecendo a principal figura da nosa historia literaria, desaproveitan unha oportunidade única de daren a coñecer o inmenso legado da fundadora da nosa literatura nacional. É por iso que chamamos todas as asociación culturais de Galiza a sumárense tamén a estes actos", apuntan. Este acto organizado polos escritores galegos arrincará na estación da Matanza, preto da casa de Rosalía de Castro, onde un tren identificado como Follas Novas partirá o día 15 ás 17:45 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Unha hora antes, ás 16.45, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro. En Santiago, o cortexo lerá poemas de Rosalía nas prazas do Toural, a Universidade e Cervantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario