por María Xosé Queizán, escritora, na Nosa Terra:
O 22 de xuño, na Igrexa de San Domingos de Tui, diante duns fermosos e orixinais altares barrocos, celebrouse un recital poético, no que tiven a honra de participar, xunto a Darío Xohán Cabana, acompañados por Néstor Sutil, novísimo intérprete da frauta traveseira, para conmemorar os Xogos Florais de Tui. A idea destes Xogos, en realidade certame literario, procede do renacemento da lírica occitana, de tanto valor na Idade Media. Seguiron a pauta en Cataluña e logo en Galicia. Os primeiros Xogos Florais celebráronse na Coruña no 1861 e gañou o 1º accésit Francisco Añón. Un dos principais organizadores fora Antonio de la Iglesia, que se encargou de publicar unha escolma dos poemas presentados, co nome Album da Caridade, na que figuraban poemas de Rosalía e Pondal. Os Xogos Florais de Tui, en 1891, foron os primeiros que se fixeron integramente en galego, non só os poemas presentados, senón todo o acto, segundo os estatutos. O presidente, Manuel Murguía, leu o seu discurso, sendo un dos tres únicos textos que o patriarca das letras escribiu en galego. O 1º premio foi unha rosa natural, gañada por Eladio Rodriguez, que, ao estar ausente, delegou en Murguía para entregarlla á que sería Raíña da Festa e faría entrega do resto dos premios desde o seu sitial no centro do escenario do teatro, gardada polos maceiros do Concello. Co 4º premio, un alfinete de turquesas e brillantes, foi premiada Filomena Dato Muruais coa composición O gaiteiro de Xixón. En Tui houbo varios días de festas nas que participaron portugueses e asturianos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario